Dunha vez era ... unha montaña
Ánxeles Ferrer
Ilustracións de Ánxeles Ferrer
Col. Ler é Vivir. Serie Vermella.
Everest Galicia. A Coruña, 2009
A partir de 6 anos
Llum era unha montaña que acollía no seu manto verde a moitos animais e centos de árbores milenarias. Amiga das nubes de choiva, enredaban no seu cumio para xogar con ela. As folerpas de neve tecían para ela un fermoso traxe de algodón. Polas noites, soñaba que no seu arboredo habitaban dragóns, magos e trasnos, e logo contáballes estes soños aos nenos antes de durmir.
Aos habitantes da vila que tiña nunha das súas abas proporcionáballes leña e auga. Ata que triparon a súa delicada pel con máquinas e queimaron as árbores buscando un valioso tesouro que dicían que agachaba no seu interior. Ela tanto chorou que foi encollendo e acabou convertida nun montón de terra queimada, onde agromou unha flor porque o seu corazón seguiu latexando.
Soñou con ela unha rapaza, Stella, nunha haima do deserto. E alá lle levou a flor o Mago Camiñante. Entre os dous, enterraron a raíz na area, e el chamou pola Choiva, que a regou, polo Vento, que trouxo unha suave brisa, e polo Sol para que a quecese. Entón, a flor agarrouse á nova terra e Llum comezou a medrar ata volver ter un fermoso arboredo e nubes de choiva a enredar no seu cumio. E polas noites volveu soñar soños, que lles contou aos nenos antes de durmir.
Un deles é o propio texto, que deixa un espazo moi relevante ao delicado traballo de ilustración.
48 p. - 19x12 cm.
ISBN 978-84-403-1109-2