venres, 3 de xuño de 2022

"EXTRA!" un espectáculo musical de PACO NOGUEIRAS para conmemorar a chegada do SOLSTICIO DE VERÁN e as vacacións escolares.


E para conmemorar a pronta chegada do Solsticio de Verán e as vacacións escolares o día 23 de xuño, teremos con nós ao músico e actor PACO NOGUEIRAS co espectáculo “EXTRA!” baseado no seu Libro-CD do mesmo título editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros mais divertidos.

Esta actividade terá lugar o Venres día 10 de Xuño a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén, e está convidado para asistir ao mesmo o alumnado de 1º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, ademáis de todo o público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

Extra! Xa está aquí, é o teu xornal.
As novas máis curiosas, sucesos especiais.
Os temas máis diversos podes coñecer.
os feitos mas recentes. Non os debes perder!

Chega o “xornal musical” que Paco Nogueiras ideou para compartir con todas e todos vós. En EXTRA! os temas dispóñense en distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades.

EXTRA! Convídate a conectar co mundo e transformar a realidade en canción. Quen dixo que non se poden cantar as noticias? E bailalas? En EXTRA! Pódese. E cantos máis sexamos, moito mellor. Melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables que convidan á participación do público. EXTRA! É alegría, diversión, imaxinación e información.

EXTRA! EXTRAAAA!!! Se escoitas este berro é o momento de encher ben os pulmóns de aire e berrar con él EXTRA! EXTRAAAA!!!

Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 1 de xuño de 2022

"DE VALDEORRAS A MÉXICO. TERRA A NOSA", un espectáculo teatral da compañía "POLO CORREO DO VENTO" baseado na biografía de FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Continuamos coas as actividades cultural-educativas de animación á lectura neste mes de Xuño, cunha actividade que, de xeito ameno e participativo, achegará aos asistentes á mesma a figura do homenaxeado do Día das Letras Galegas 2022, o poeta nacido en Córgomo-Vilamartín de Valdeorras (Ourense) FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, como exemplo de amor á Terra e do mantemento da loita polas ideas, mesmo nas peores circunstancias.

Será a través da peza “DE VALDEORRAS A MÉXICO. Terra a Nosa!” unha proposta da compañía “POLO CORREO DO VENTO” na que se alternará a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas e asistentes en xeral, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás idades dos asistentes e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán.

A levarán a cabo Carlos Taboada e Enrique Mauricio de “POLO CORREO DO VENTO” o DÍA 8 DE XUÑO próximo a partir das 13:00 HORAS NO AUDITORIO DO CONCELLO e están convidados a asistir a este evento o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos; os usuarios da Asociación ASPAVI, e todos aqueles veciños e veciñas que se inscriban previamente chamando ao teléfono 986 497 273 da Biblioteca.

Esta actividade está patrocinada e financiada polo Departamento de Lingua e Memoria Histórica da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger