A semana pasada, os días 6 e 7 de outubro, realizouse a primeira actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén “BiblioPazos” para este mes de outubro coas 4 sesións do Obradoiro de Creación Literaria “RELATO-EXPRÉS/ A PERSONAXE DA AULA” que impartiu a escritora ANDREA BARREIRA FREIJE ao alumnado de 1º a 4º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos como parte das accións previstas no programa de "Obradoiros e Certame de Creación Literaria" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua Galega da Biblioteca patrocinadas pola Deputación Provincial de Pontevedra.
Queremos aproveitar a realización das actividades que temos organizadas para o resto deste mes para conmemorar o DÍA DAS BIBLIOTECAS que se celebra en todo o país o 24 de Outubro de cada ano, especialmente dedicado ao público infantil e xuvenil, desde que no año 1997 a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, promoveu a celebración deste día, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor do persoal bibliotecario; e en recordo da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada el 1992 durante a Guerra dos Balcáns.
A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana. A través destas accións preténdese educar aos nenos e maiores nos valores da lectura e a cultura, e destacar a misión das bibliotecas como centros socializadores e integradores e demostrar que os libros están ao alcance de todos os veciños.
Bibliotecas públicas, privadas, universitarias, especializadas, escolares, nacionais, móbiles… Todas elas albergan grandes tesouros, e destruílas ou non protexelas, que vén ser o mesmo, é un memoricidio a pequena ou gran escala. E unha das mellores maneiras de protexelas é dalas a coñecer, abrir as súas portas, mostrar os seus recunchos máis escondidos, extraer os seus documentos dos fríos estantes e poñelos en mans dos lectores. E, sobre todo, falar e facer que se fale delas. Por iso é tan importante este día e as celebracións que se propoñen desde diferentes ámbitos.
Continuando coa programación prevista teremos no que queda deste mes de outubro as seguintes actividades:
A primeira delas é unha actividade denominada “SOCIAL PILGRIMS II: OBRADOIRO DE CREACIÓN DE FILTROS PARA REDES SOCIAIS” orientada a un público xeral a partir dos 11 anos; que se levará a cabo nas instalacións do CPI “Curros Enríquez” de Pazos o vindeiro Mércores 19 de Outubro mediante a realización de 4 sesións de 50’ de duración cada unha delas desde as 09:30 ata as 13:10 horas da mañá para todo o alumnado de ESO.
O proxecto forma parte do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia e estará impartido por monitores de Ceo Aberto Divulgación.
Nestas sesións prácticas procurarase familiarizar as/os usuarias/os das principais redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok) coas ferramentas de creación de filtros de Realidade Aumentada e a súa posterior incorporación aos propios perfís.
Asemade, falarase dos riscos de seguridade nas redes sociais e daranse pequenas claves de como protexer os nosos contidos, salvagardar a nosa privacidade ao tempo que optimizamos o rendemento e impacto das nosas publicacións.
O contacontos co que conmemoraremos o DÍA DAS BIBLIOTECAS en Pazos de Borbén, terá lugar o Venres 21 de Outubro, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello e o levará a cabo MARÍA DA PONTRAGHA (alcume de María Iglesias), unha educadora e antropóloga que dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en sí. No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose na recuperación e actualización das historias populares e de tradición oral e cun gusto especial polas historias que se centran nas mulleres do país. É ademais percusionista e vocalista nos grupos Bouba e Lévede, e vocalista no grupo Sacha na horta.
MARÍA DA PONTRAGHA traeranos o espectáculo de narración oral “UN SACO DE CONTOS”, con contos e cancións de tradición oral para crianzas; contos e cancións que beben da nosa herdanza cultural e cos que sementa as leiriñas das familias para que medren vizosas.
Está convidado a participar neste evento o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos; o alumnado da EEI “A Galeriña” de Nespereira; e dos usuarios da Asociación ASPAVI.
E seguiremos conmemorando o DÍA DAS BIBLIOTECAS con outra actividade incluída no programa da X Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL “ATLÁNTICA”; que nesta ocasión nos traen VÍTOR FERNANDES e ESTEFENÍA SURREIRA desde (Trás-Os-Montes) Portugal e que terá lugar o Venres 28 de Outubro, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello.
VÍTOR FERNANDES e ESTEFÂNÍA SURREIRA traeránnos o seu espectáculo “DOIS DOS MONTES”; un espectáculo contado e cantado, procedente de Trás-os-Montes, onde os contos e as lendas da tradición portuguesa son os ingredientes principais pero mesturados con petiscos (burlescos) de disparate, riso e boa disposición. Unha viaxe ao fantástico, onde non faltarán as bruxas, diaños, deuses, almas en pena, trasgos, pantasmas e moitos outros seres da mitoloxía popular.
Está prevista a asistencia a esta actividade de todo o alumnado de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI.
VITOR FERNANDES | Natural do reino marabilloso de Trás-os-Montes, desde neno ouvía contos que os seus familiares máis vellos contaban nas rúas das aldeas ou nas noites das casas. Busca manter a forza da oralidade a través dun repertorio cheo de contos de amor, humor, vivacidade, astucia e emoción, tan propios da tradición portuguesa. Formouse con varios narradores nacionais e internacionais e ten participado en varios festivais nacionais e internacionais. Forma parte do grupo Contos na Eira. En 2014, en colaboración coa Libraría Traia Mundos, en Vila Real, creou o evento Traia Contos. En 2015 integrou o equipo que realizou os eventos Sexta dos Contos e o Festival Porto de Contos. En 2021, con Clara Haddad e Mariana Machado, creou o primeiro Club de Historias Motivacionais en Portugal. É o cofundador, con Estefânia Surreira, do proxecto Dois dos montes.
ESTEFÂNIA SURREIRA | Creei o meu proxecto de mediación de lectura en 2014 e deille o nome “As tartarugas tamén voan”, por ser o título dun dos filmes da miña vida e por crer que elas voan de verdade (cando ningún ser humano está preto, claro). Fun aprendendo a ler historias en voz alta e a narralas, descubrindo que elas se tornan reais no momento máxico de compartilas cos demais. Con aquel que escoita. Con aquel que se deixa enmarañar nos longos fíos de palabras que imos soltando dos libros, da nosa imaxinación, da nosa voz, do noso corpo. E tamén aprendín, neste traballo de lectora e narradora, a escoitar os outros que, coma min, entregan a súa alma á palabra lida, á palabra dita. Neste camiño que é, por enriba de todo, de escoita, descubrín o poder marabilloso das historias e aprendín, con quen fai da narración o seu oficio, o seu modo de vida, que é posible rescatar contos, memorias e afectos e partillalos con quen sabe que as tartarugas, alí do outro lado da vida, tamén voan.
E así remataremos o mes de outubro conmemorando o DÍA DAS BIBLIOTECAS; e xa iremos informando das próximas actividades previstas para o mes de novembro.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.