martes, 18 de febreiro de 2025

"CHOVE MIUDIÑO" coa actriz e contacontos SOLEDAD FELLOZA - Unha chuvia de versos de ROSALÍA DE CASTRO para conmemorar o aniversario do seu nacemento

 
ROSALÍA DE CASTRO (Santiago de Compostela 23/Febreiro/1837 - Padrón, 15/Xullo/1885) foi unha das grandes escritoras da literatura española do século XIX; unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego; unha das precursoras do feminismo en Galicia; e a nosa poeta nacional por excelencia.

Outro ano máis a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén súmase ás conmemoracións do aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO en toda Galicia cunha actividade dirixida aos escolares do municipio que forma parte do Programa de Animación á lectura e Dinamización da Lingua Galega do Concello para o ano 2025.

A actividade terá lugar o próximo Martes día 25 de Febreiro a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello no que contaremos coa presencia da actriz e contacontos SOLEDAD FELLOZA que nos traerá o seu espectáculo de narración oral e poesía "CHOVE MIUDIÑO".

"Chove miudiño
miudiño chove
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove"

"Chove miudiño" no país enteiro, e a chuva non é de auga, non: -¡é de versos!

Versos que prenden na punta do pé, debuxan árbores senlleiras, bailan coas bolboretas e bulen ao redor dunha nena que “sube as ponlas das figueiras e alí deitase a soñar”.

Versos que xogan coas mans

¡Ai, que meniña,
Que nena preciosa!
Despois da lavada,
parece unha rosa;
e este meniño
que teño no colo
despois de lavado
parece un repolo.

Versos para levar “na frente unha estrela, no bico un cantar”.

Da man dos versos de Rosalía de Castro nenas e nenos viaxaremos ao mundo da poesía e ao segredo agochado nunha caixa de postais, cartas e fotografías.

E tamén deprenderemos á receita do caldo de gloria e os boliños de pote.

Están convidados a asistir a esta función o alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, e tamén todas aquelas veciñas e veciños que queiran asistir e que se inscriban previamente chamando ao teléfono 986497273 da Biblioteca.

Si queredes máis información sobre ROSALÍA DE CASTRO podedes acceder á páxina web da FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO no seguinte enlace:


Por certo, a entrada é de balde ata completar o aforo do local.

Non vos esquezades, esperámosvos!!!

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger