xoves, 9 de xullo de 2026

CAMBIO DE HORA: ADIÁNTASE O HORARIO DA ACTUACIÓN DE CELSO F. SANMARTIN e FERNANDO PALITOS - FESTIVAL ATLÁNTICA 2026 ÁS 19.30 HORAS NO AUDITORIO DO CONCELLO

Ola seguidoras/es e usuarias/os da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos.

COMUNICÁMOS
o CAMBIO DE HORA
deste evento.
ADIÁNTASE ÁS 19:30 HORAS en vez de ás 21:00 horas como estaba previsto.


Continuamos con outra actividade neste mes de xullo coa que finalizamos a participación do Concello de Pazos de Borbén no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" Festival Atlántica, por oitavo ano consecutivo, neste importantísimo festival tanto a nivel autonómico como nacional, que no 2026 celebra a súa XIV edición.

Nesta ocasión visitaranos o colleitador e contador de contos e historias de vida de tradición oral e poeta galego CELSO F. SANMARTIN co seu espectáculo de narración oral para público adulto “CONTAR”, o próximo Venres 10 de Xullo a partir das 19:30 horas no Auditorio do Concello.
Ademais nesta actuación CELSO F. SANMARTIN daralle á alternativa a Fernando Palitos que forma parte xunto con outros participantes do CICLO NOVAS VOCES que o Festival Atlántica quere consolidar este ano e que supón unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas de traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais como AHOZ AHO de Guipúzcoa, o Festival de Zamora e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A presenza destes participantes no ciclo reforza a vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.

"CONTAR”: Di Celso que Contar é un oficio que todos temos.
“Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos.
Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir, …
Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.
O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera...
Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo, nen o corazón de pedra.”
Convidamos a toda a veciñanza a achegarse ao Auditorio do Concello para participar neste evento.
Tedes mais información sobre esta actividade e os artistas parcipantes facendo clic no seguinte enlace:

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 6 de xullo de 2026

Finalizamos a participación do Concello de Pazos de Borbén na XIV Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL “ATLÁNTICA”, coa actuación de CELSO F. SANMARTÍN co espectáculo "CONTAR” e acompañado de FERNANDO PALITOS participante do Ciclo Novas Voces


Continuamos con outra actividade no mes de xullo coa que finalizamos a participación do Concello de Pazos de Borbén no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA", por oitavo (8) ano consecutivo, neste importantísimo festival tanto a nivel autonómico como nacional, que no 2026 celebra a súa XIV edición.

Nesta ocasión visitaranos o colleitador e contador de contos e historias de vida de tradición oral e poeta galego CELSO F. SANMARTIN co seu espectáculo de narración oral para público adulto “CONTAR”, o próximo Venres 10 de Xullo a partir das 21:00 horas no Auditorio do Concello.

Ademais nesta actuación CELSO F. SANMARTIN daralle á alternativa a FERNANDO PALITOS que forma parte xunto con outros participantes do CICLO NOVAS VOCES que o Festival ATLÁNTICA quere consolidar este ano e que supón unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas de traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais como AHOZ AHO de Guipúzcoa, o Festival de Zamora e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A presenza destes participantes no ciclo reforza a vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.

"CONTAR”

Di Celso que Contar é un oficio que todos temos.

“Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de  contalas de cara a distintos públicos.

Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir, …

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera...

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo, nen o corazón de pedra.”

Convidamos a toda a veciñanza a achegarse ao Auditorio do Concello para participar neste evento.

CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN (Galicia)

É unha desas persoas que parecen feitas da mesma materia que os contos. Nado en Lalín en 1969, no barrio da Cacharela, leva décadas convertendo a memoria, a fala popular e as pequenas historias da vida nunha forma única de arte oral.

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, poeta, contador e impulsor de iniciativas culturais como FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais), Celso é hoxe unha das voces imprescindibles da narración oral galega contemporánea.

O seu universo nace das conversas escoitadas ás persoas maiores, das aldeas, das cociñas, dos velorios, das feiras e dos silencios cheos de sentido. Recolle historias coma quen recolle sementes e logo fainas medrar diante do público cun estilo absolutamente persoal: delicado, divertido, profundamente humano e atravesado por unha musicalidade que converte cada palabra nun acontecemento.

Nos seus espectáculos conviven a retranca, a poesía, a memoria e unha maneira de mirar o mundo chea de tenrura e intelixencia. Celso non conta só historias: crea un lugar ao que entrar. Un espazo íntimo onde a oralidade recupera toda a súa forza e onde cada persoa sente que alguén lle está falando directamente ao corazón.

Autor de libros como A cama de meu avó ManuelA cousa eternaPoesía hexágono, entre outros, a súa escrita comparte coa súa oralidade esa capacidade rara de atopar beleza no aparentemente pequeno e o extraordinario no cotián.

No Festival Atlántica, escoitar a Celso Fernández Sanmartín é volver por un intre ao lugar onde nacen os contos.

FERNANDO PALITOS presenta por primeira vez a versión orixinal dalgunhas historias que Celso deformou coa súa óptica. Fernando. Fernando ve o mundo doutra maneira, porque susurra aos cabalos, apréndeos a bailar, sabe de calefaccións e ensina aos fillos a facer mapas do mundo. As catrocousas que necesita alguén para contar historias: altura de miras, calor, ver mundo e saber o camiño de volta.

Un ano máis formamos parte de Atlántica

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

venres, 26 de xuño de 2026

"NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS" con RAFA QUINTÍA, unha actividade da XIV Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" para coñecer a tradición e a cultura popular galega

Iniciamos as actividades do mes de xullo cunha actividade titulada “NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” que será impartida polo antropólogo RAFA QUINTÍA nun espazo natural marabilloso como é o Carballo de Martiz na Senda Arqueolóxica de Amoedo o Sábado 4 de Xullo ás 20:00 horas, e convidamos a toda a veciñanza a asistir á mesma. A entrada é de balde.

Esperámosvos ás 20:00 horas no punto de encontro (Torreiro de Amoedo) sinalización P1 do mapa, onde hai aparcamento público xeral e camiñaremos 1,2 km (20 minutos aprox.) para achegarnos ao Carballo de Martiz onde se desenrolará a actividade.

Para persoas con mobilidade reducida hai prazas limitadas de aparcamento preto do Carballo de Martiz, sinalización P2 indicada no mapa.


Esta actividade está incluída na XIV edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" que se celebra neste ano 2026 e no que o Concello de Pazos de Borbén participa por oitavo ano consecutivo.

"NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” o antropólogo Rafa Quintía convídanos a descubrir o fascinante mundo dos amuletos galegos nunha sesión moi especial onde se mesturan maxia, menciña popular e narración oral. Esta conferencia que fala do mundo dos amuletos na cultura popular galega, non é unha charla ao uso: é unha viaxe chea de contos, lendas e saber tradicional.

Acompañarémolo nunha sesión onde cada historia nos conecta co coñecemento ancestral herdado dos nosos devanceiros. Rafa ten o don de facer que escoitar sexa lembrar: rescata o que fomos e fainos rebuscar nas nosas memorias, cun estilo ameno, próximo e apaixonado.

Un encontro para gozar, sorprendernos e recoñecer a forza da tradición que aínda vive en nós.

RAFA QUINTÍA (Galicia)

Rafa Quintía é unha das voces máis singulares da antropoloxía galega contemporánea. Cunha mirada lúcida e fondamente comprometida coa cultura do país, leva anos explorando e narrando o imaxinario galego dende múltiples frontes: a investigación, a divulgación, a docencia e a creación audiovisual.

Nado en Vigo en 1971, é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas, e conta cun mestrado en Educación Secundaria. Dirixe a empresa Ab Origine, especializada na posta en valor do patrimonio inmaterial, e exerce como profesor na UNED.

A súa obra escrita abrangue máis de trinta libros nos que mergulla na mitoloxía, o simbolismo, a relixión popular e as crenzas tradicionais galegas. Entre os seus títulos máis destacados están Mitoloxía de GaliciaHeichas contar. Contribución ao corpus mitolóxico galegoMariña inmaterialPola graza de Deus. A relixiosidade popular en Galicia ou Descifrando o Entroido. Nos últimos anos publicou tamén Dicionario dos amuletos galegosA etnomediciña galega e A pedra da pezoña, obras que continúan afondando nas crenzas, símbolos e saberes da cultura popular galega.

Ademais, participa activamente en proxectos de divulgación e defensa do patrimonio cultural galego, é presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Tamén é autor de documentais que exploran rituais, festas e paisaxes culturais de Galicia, combinando sensibilidade estética e rigor académico.

Premiado en diversas ocasións —entre outros, co Ramón Piñeiro de Ensaio ou o Vicente Risco de Ciencias Sociais—, exerce como presidente da Sociedade Antropolóxica Galega e destaca como un dinamizador activo do coñecemento popular e do patrimonio invisible.

O ano pasado deixou pegada en Santo André de Teixido, nun encontro que foi un auténtico éxito e onde o público quedou atrapado entre historias de mortos, romarías, crenzas e camiños antigos. Por iso regresa este ano ao Festival Atlántica, desta volta baixo un carballo cheo de historias, nun deses lugares onde semella que a memoria segue falando baixiño entre as follas.

A súa participación no Festival Atlántica é unha oportunidade única para escoitar como a tradición cobra nova vida cando se conta dende o respecto, a paixón e o coñecemento profundo.

Un ano máis formamos parte de Atlántica

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

sábado, 6 de xuño de 2026

"A NENA E OS TRES OSOS" de BEA CAMPOS en Pazos de Borbén. Unha actividade de ATLÁNTICA MIÚDO da XIV Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA"


Continuamos coas actividades do mes de xuño co espectáculo "A NENA E OS TRES OSOS" que nos trae a actriz, narradora oral e comunicadora BEA CAMPOS.

Con este espectáculo o Concello de Pazos de Borbén participa por oitavo ano no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" que celebra a súa XIV Edición no 2026.

O espectáculo terá lugar o Venres 12 de Xuño, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén e están convidados a asistir ao mesmo todo o alumnado de 1º a 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos; e todas aquelas veciñas e veciños que se inscriban previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273. A entrada é de balde ata completar o aforo do local.

"A NENA E OS TRES OSOS" é unha proposta escénica tenra, divertida e chea de imaxinación para público infantil e familiar. Un espectáculo con monicreques, música e obxectos que revisita un dos grandes clásicos da literatura infantil cunha posta en escena delicada e moi visual.

Nesta historia, as cousas máis sinxelas poden transformarse noutra cousa completamente distinta: unha maleta convértese nunha casa, un caldeiro nunha cadeira e unha manchea de calcetíns nunha entrañable familia de osos.

O oso grande, o oso mediano e o oso pequeno viven felices no bosque. Cada mañá repiten o mesmo ritual: preparan as papas do almorzo e saen pasear cantando e xogando mentres arrefrían. Mais un día, unha pequena visitante inesperada entra na súa casa e muda todo…

Con humor, cancións e moita creatividade, “A nena e os tres osos” convida ás crianzas a entrar nun universo onde o xogo e a fantasía transforman o cotián en aventura.


BEA CAMPOS
 leva media vida habitando escenarios, libros e historias. Actriz, narradora oral e comunicadora, é desas persoas capaces de converter unha palabra nun lugar ao que entrar e quedar un intre.

Licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, comezou moi nova no mundo da narración oral e, dende entón, levou os seus contos por milleiros de funcións e festivais, tamén ao outro lado do Atlántico, participando en encontros de artes escénicas en Latinoamérica.

Forma parte de compañías fundamentais da escena galega como Migallas Teatro e Inventi Teatro, ademais de colaborar como actriz noutras propostas escénicas e audiovisuais. Mais se hai algo que define o seu traballo é a capacidade de crear unha conexión inmediata co público, sexa nun teatro, nunha biblioteca, nun patio escolar ou diante dunha cámara.

Formadora no ámbito da expresión dramática, da narración oral e da literatura infantil, Bea leva anos sementando historias tamén nas novas xeracións. Actualmente presenta Kalandraka TV, un espazo desde o que achega o mundo dos libros e da literatura infantil a pequenos e maiores cunha naturalidade luminosa e contaxiosa.

No FESTIVAL ATLÁNTICA, BEA CAMPOS é sempre garantía de emoción, humor, ritmo e desa calor especial que teñen as grandes contadoras cando fan sentir ao público que cada historia foi contada só para el.

Un ano máis formamos parte de Atlántica

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

xoves, 28 de maio de 2026

Charla "EXPLORANDO EN EL MAR" - Ponente María Sánchez Barba - Conmemoración do Día Mundial do Medioambiente e do Día Mundial dos Océanos.

Continuamos coas actividades organizadas e programadas pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - Bibliopazos e co obxecto de conmemorar o DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE e o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS que se celebran en todo o mundo os próximos días 5 e 8 de xuño, respectivamente, e como complemento á exposición científica instalada no vestíbulo da Casa do Concello “OCEÁNICAS: PIONEIRAS DA OCEANOGRAFÍA” que poderá visitarse do 1 ao 15 de Xuño en horario de 09:00 a 14:00 horas, traemos unha nova charla dirixida ao todo o alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria e que pasamos a detallar a continuación.

A Charla titulada “EXPLORANDO EN EL MAR” será impartida por MARÍA SÁNCHEZ BARBAinvestigadora do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC)-principal centro de investigación de España dedicado ás ciencias do mar, especialmente no estudio dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño..

A charla terá lugar o próximo Venres día 5 de Xuño, na Aula de Tecnoloxía do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, ás 10:20 horas e dunha hora aproximada de duración. Nesta charla explicarase cómo é traballar nun buque oceanográfico, especialmente para realizar estudos para avaliar as poboacións de peixes e facer a pesca máis sostible.


MARIA SANCHEZ BARBA
é de Pontevedra e traballa de axudande de investigación no Centro Ocenográfico de Vigo, no Departamento de Pesca, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía.

Recorda cando era pequena as madrugas que se daba para ir co seu pai para pescar. Daba igual se era ao río con cana a por troitas, á ribeira a por camaróns con truel ou ás augas expostas da bocana da ría a por sargos, pedreses e maragotas. Creceu fascinada coa riqueza que vía nas augas atlánticas desta latitude, as súas algas, as súas cores e as súas formas. A biodiversidade que as xentes do mar desta terra aproveitan para vivir.

Cursou estudos de Técnico Superior en Produción Acuícola no IGAFA (primeira promoción) e empezou a indagar como podía facer para traballar nunha campaña de investigación pesqueira. Xa traballara en barcos, enrolada de mariñeira ou despachando como maquinista dentro da ría de Arousa, pero a súa verdadeira ilusión eran os buques científicos. Algún dos seus profesores dicíanlle que iso só estaba ao alcance do persoal da universidade e do IEO.

Así que iniciou ese camiño e conseguiu a súa primeira bolsa de bioloxía pesqueira no ano 97 para formarse no IEO de Santander e o lembra como un dos días máis felices da súa vida. Foron tempos difíciles porque había que sobrevivir con pouco diñeiro e lonxe da familia, pero iso foi compensado por todo o que aprendeu (que foi moito e a todos os niveis). Traballaba con túnidos e tivo a oportunidade tamén de ser a primeira muller observadora na flota comercial de quenllas con palangre de superficie do País Vasco (Ondárroa). Máis tarde, por fin conseguiu cumprir o soño de participar nunha campaña de investigación a bordo do buque oceanográfico “Cornide de Saavedra”, que ademais foi baixo a xefatura dunha muller: Amor Solá.

Máis tarde sucederíanse máis campañas en diferentes mares do mundo e tocando varios continentes. Un traballo duro compensado por extraordinarias postas de sol e amenceres e ceos estrelados que facían rememorar na súa imaxinación as lecturas da súa mocidade de Stevenson, Patrick Ou´brian, Shackleton, Joseph Conrad, Jack London, Melville ou Hemingway.

Despois daquela bolsa e doutra no Departamento de Medio Mariño da Coruña, o seu traballo centrouse nos pequenos peláxicos e conseguiu varios contratos. Un no Departamento de Recursos Pesqueiros de AZTI en San Sebastián. Outro no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC no que puxo en práctica a súa experiencia, ampliou coñecementos e soubo o que é a colaboración con outros centros de investigación mariña europeos. Finalmente sacou unha praza por oposición como axudante e, desde entón, sigue embarcando e tamén realizando traballos en terra como mostraxes biolóxicas de especies. Axuda na ardua tarefa de estudar os recursos pesqueiros para tratar de que a súa xestión sexa sostible. Traballo que en moitas ocasións foi e é baixo a tutela de grandes investigadoras como Victoria Ortiz, Ana Giráldez, Ana Ramos, Begoña Villamor ou Isabel Riveiro, entre outras. Pode dicir que ten a sorte de traballar no que lle gusta e que non hai nada mellor nunha madruga que asomar o nariz en cuberta recentemente levantada e que che salte xusto ao lado un delfín listado dándoche os bos días.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por  a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.


EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 27 de maio de 2026

Charla "DESENTRAÑANDO EL PODER DE LAS MATEMÁTICAS EN LA GESTIÓN SOSTENIBLE DE RECURSOS PESQUEROS" - Ponente Marta Cousido Rocha - Conmemoración do Día Mundial do Medioambiente e do Día Mundial dos Océanos.


Dentro das actividades organizadas e programadas pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - Bibliopazos e co obxecto de conmemorar o DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE e o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS que se celebran en todo o mundo os próximos días 5 e 8 de xuño, respectivamente. E como complemento á exposición científica instalada no vestíbulo da Casa do Concello OCEÁNICAS: PIONEIRAS DA OCEANOGRAFÍA que poderá visitarse do 1 ao 15 de Xuño en horario de 09:00 a 14:00 horas, traemos unha charla dirixida ao todo o alumnado de Educación Secundaria e que pasamos a detallar a continuación.

 A charla titulada “DESENTRAÑANDO EL PODER DE LAS MATEMÁTICAS EN LA GESTIÓN SOSTENIBLE DE LOS RECURSOS PESQUEROS” será impartida por MARTA COUSIDO ROCHA, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC) -principal centro de investigación de España dedicado ás ciencias do mar, especialmente no estudio dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño.

Terá lugar o próximo Luns día 1 de Xuño, na Biblioteca do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, en dúas (2) sesións dunha hora cada unha; a primeira ás 09:45 horas para o alumnado de 1º e 2º de ESO; e a segunda ás 10:50 horas para o alumnado de 3º e 4º de ESO; e nela explorarase o papel fundamental que desempeñan as matemáticas na xestión sostible dos recursos pesqueiros, e permitirá mostrar ao alumnado unha aplicación práctica das matemáticas, distinta ás que habitualmente se coñecen.

Algunha vez preguntástesvos como contan os científicos os peixes no océano? Os peixes están sempre en movemento e o océano é inmenso, así que contalos non é tarefa doado!

Os científicos utilizan avaliacións de poboacións, un método que recompila información como a cantidade de peixes capturados polos barcos pesqueiros, a cantidade observada nos estudos e a velocidade de crecemento dos peixes. Mediante modelos matemáticos e informáticos, os científicos predín como cambiarán as poboacións de peixes no futuro. Se capturamos demasiados peixes, é posible que non queden suficientes para reproducirse, o que se coñece como sobrepesca. As avaliacións de poboacións axudan aos xestores para decidir cantos peixes se poden capturar de forma segura.

Os científicos tamén protexen áreas especiais onde os peixes desovan para favorecer o crecemento das súas poboacións. Ao comprender as avaliacións de poboacións, podemos contribuír á conservación dos peixes no océano para as xeracións futuras.

Grazas ao traballo constante dos científicos, podemos gozar do peixe hoxe e, ao mesmo tempo, asegurar que haxa abundancia para o mañá”.

MARTA COUSIDO ROCHA é matemática e doutora en Estatística pola Universidade de Vigo. Tras traballar no desenvolvemento de novos métodos estatísticos na universidade, actualmente desenvolve a súa carreira investigadora no Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC).

O seu traballo céntrase no uso da estatística, os modelos matemáticos e a programación para estimar o estado de explotación das poboacións de peixes e predicir a súa evolución, contribuíndo así a unha xestión sostible da pesca.

Participa en grupos científicos internacionais nos que especialistas de distintos países avalían os recursos pesqueiros e elaboran recomendacións para apoiar a toma de decisións sobre a pesca en Europa. Na actualidade coordina a avaliación científica da pescada do Atlántico ibérico, un dos recursos pesqueiros máis importantes a nivel económico para España. O seu traballo permite coñecer o estado desta poboación e propoñer límites de captura sostibles.

Ademais, participa en proxectos de investigación nacionais e internacionais de referencia no ámbito da avaliación pesqueira e compaxina esta actividade coa formación de novo persoal investigador.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por  a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

martes, 26 de maio de 2026

EXPOSICIÓN "OCEÁNICAS. PIONEIRAS DA OCEANOGRAFÍA" en Pazos de Borbén do 1 ao 15 de Xuño de 2026 - Conmemoración do Día Mundial do Medioambiente e do Día Mundial dos Océanos.

Continuamos coa programación de actividades organizadas pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - Bibliopazos e agora poñemos a disposición da veciñanza unha exposición científica que se instalará no vestíbulo da Casa do Concello do 1 ao 15 de Xuño e que poderá ser visitada en horario de 09:00 a 14:00 horas durante as horas de atención ao público das oficinas municipais.

Con esta actividade queremos conmemorar o DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE e o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS que se celebran en todo o mundo os días 5 e 8 de xuño, respectivamente; e para iso traemos ademáis da exposición outras actividades dirixidas ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria das que vos iremos informando máis adiante.


A exposición “OCEÁNICAS: PIONEIRAS DA OCEANOGRAFÍA” conta a historia de 20 científicas ilustres, algunhas delas bastante esquecidas. Desde a primeira e única muller que deu a volta ao mundo durante a época das grandes exploracións ata mulleres que a día de hoxe lideran a loita pola conservación dos océanos.

As súas historias fálannos do desenvolvemento das ciencias mariñas nos últimos séculos, pero tamén das dificultades ás que se enfrontaron as mulleres —en oceanografía, en ciencia e na vida— e da loita pola igualdade de moitas xeracións. Son só uns poucos exemplos das moitas ilustres científicas do pasado e o presente que esperamos que sirvan de inspiración para quen soñe con dedicarse á investigación mariña.

O proxecto ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos, tanto actuais como do pasado, dar a coñecer a súa vida e obra, tratando así de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentar a súa creatividade, a súa capacidade de decisión e o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.

A exposición consta de 12 paneis lixeiros enmarcados de 60x84 cm (ancho x alto), e cada panel conta con audiodescripcións, accesibles a través de códigos QR.

Esta exposición itinerante forma parte do proxecto de divulgación “Oceánicas: a muller e a oceanografía” (www.oceanicas.ieo.es), desenvolvido polo Instituto Español de Oceanografía (IEO) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

En setembro de 2015, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou o 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e alertou de que, a pesar de que as posibilidades de progreso científico e tecnolóxico son case ilimitadas, as mulleres e as nenas están ausentes nestes campos, especialmente no que se refire á creación e a toma de decisións nos ámbitos que transforman o noso mundo cotián.

Desde que comezou a celebrarse este día, investigadoras e investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) levaron a cabo múltiples accións para reivindicar a igualdade de xénero na ciencia. A primeira delas, que xurdiu en 2015, comezou de xeito improvisado e limitouse a que o persoal dalgúns centros oceanográficos do IEO paralizou uns minutos a súa actividade para reunirse nas portas dos centros e mostrar carteis coa efemérides onde se realzaba o papel actual da muller no mundo da oceanografía. En 2016 e 2017 repetiuse a acción, esta vez nos nove centros oceanográficos do IEO e, en ambas as ocasións, alén de mostrar carteis da efemérides léronse diferentes comunicados reivindicando o acceso e a participación das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, a ciencia e a tecnoloxía, e o fomento así da igualdade de acceso das mulleres ao pleno emprego a todos os niveis e a un traballo decente, actos que alcanzaron repercusión nos medios de comunicación.

Este foi o caldo de cultivo de “Oceánicas: a muller e a oceanografía”, que se fixo realidade en 2018 coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Un proxecto que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos, tanto actuais como do pasado, dar a coñecer a súa vida e obra, tratando así de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentar a súa creatividade, a súa capacidade de decisión e o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.

Oceánicas pon en valor o legado das mulleres pioneiras da oceanografía. Mulleres como Jeanne Baret, botánica francesa que foi a primeira en circunnavegar o mundo no século XVIII disfrazada de home; Marie Tharp, xeóloga mariña que, a pesar de ter prohibido embarcar, elaborou o primeiro mapa dos fondos oceánicos atlánticos; Ángeles Alvariño, oceanógrafa galega do IEO que se converteu na primeira muller en embarcar nun buque inglés e que descubriu 22 especies mariñas; ou Sylvia Earle, primeira muller en liderar a NOAA e exploradora de National Geographic. Ademais, Oceánicas é unha plataforma para que mulleres que traballan actualmente en Ciencias do Mar, tanto investigadoras como técnicas, estudantes, empresarias, etc., divulguen o seu traballo e axuden aos mozos para descubrir a súa paixón pola ciencia e a natureza.

Para rematar, a través de diferentes concursos, Oceánicas trata de espertar a curiosidade e o interese a nivel persoal da mocidade, fomentar a súa creatividade e promover a comprensión de conceptos e fenómenos científicos. Todo iso buscando un contacto directo entre nenos e investigadoras.

Unha ocasión única en Pazos de Borbén.

Ven a visitar a exposición.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por  a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger