Desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén continuamos organizando actividades para este verán.
A próxima será o Contacontos "CANTAREIRAS: Poesía popular nas Letras Galegas", que nos traerán Quique Mauricio e Carlos Taboada do colectivo POLO CORREO DO VENTO o proximo Domingo 13 de Xullo a partir das 19:00 horas na Área Recreativa do Torreiro de Festas de Nespereira.
A función está patrocinada pola DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA que ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega.
Nela, percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo.
Tamén interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e o contaconto rematará cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.
Convidamos a todas as nenas e nenos a que asistan acompañados das súas nais, pais, avoas, avós... a esta sesión dominical que se realizará no entorno incomparable do Torreiro de Festas de Nespereira durante a celebración das Festas do Carme e como complemento ás actividades organizadas pola Comisión de Festas.
Aconséllase aos interesados que queiran participar nesta actividade a que leven lápices ou ceras de cores e un folio en branco por cada persoa.
EN BIBLIOPAZOS, A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN, SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.