E para este mes de medo, meigas, vampiros..., lecturas terroríficas para os cativos da casa

E para este mes de medo, meigas, vampiros..., lecturas terroríficas para os cativos da casa

NOVEDADES DE LECTURA PARA LOS PEQUES

NOVEDADES DE LECTURA PARA LOS PEQUES

NOVEDADES DE LECTURA PARA ADULTOS

NOVEDADES DE LECTURA PARA ADULTOS

xoves, 21 de maio de 2026

"AS LETRAS DE BEGOÑA" Contacontos ilustrado e musicado do Colectivo XURELO para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Seguimos co programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BiblioPazos" cunha nova actividade coa que queremos conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS que este ano está dedicado á escritora, xornalista e activista feminista viguesa BEGOÑA CAAMAÑO.

E para conmemorar esta importante data e homenaxear a autora elixida pola Real Academia Galega este ano traemos a Pazos de Borbén ao Colectivo XURELO que nos traerán o contacontos ilustrado e musicado "AS LETRAS DE BEGOÑA" o próximo Xoves 28 de Maio a partir das 10:30 horas na Biblioteca do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e ao que temos previsto que asista todo o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do citado centro e o alumnado de Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Nesta proposta está orientada ao público infantil conmemoraremos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS de 2026 e nela narrarase oralmente a historia da homenaxeada deste ano sempre dando pinceladas da obra e vida da mesma. Para finalizar faremos un obradoiro de debuxo no que realizaremos unha caricatura da autora homenaxeada este ano, unha das voces máis destacadas da literatura e do pensamento galego contemporáneo.
"É o memento non de cambiar as regras, senón de cambiar o xogo. é o momento de mudar o mundo, de introducir transformacións profundas e estruturais,pero tamén conceptuais; é o momento do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e tamén, porque non?, da felicidade".
Logo de máis de quince anos de traxectoria, a compañía Polo Correo do Vento tivo que cesar a súa actividade tras o falecemento dun dos seus integrantes. Este feito marcou o punto de partida do nacemento do Colectivo XURELO, que nace coa vontade de recoller e dar continuidade á herdanza de PCV, mantendo vivo o seu espírito e poñendo en valor a nosa cultura. Forman parte do Colectivo XURELO Kike Mauricio, Antón Ke, Marcelo Dobode e Alba Faro, ademáis da ilustradora Tania Solla.

O Concello adquiriu 100 exemplares do libro "BEGOÑA CAAMAÑO. Pequena biografía" de Polo Correo do Vento, ilustrado por Tania Solla e editado por Lela Edicións, e cada un dos asistentes a este evento será agasallado cun exemplar do mesmo; ademais tamén entregaranse varios exemplares á Bibliotecas do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, da EEI "A Galeriña" de Nesperiera e da Asociación ASPAVI, ata acabar as existencias.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 18 de maio de 2026

"ARREDOR DE OTERO" de SOLE FELLOZA, un espectáculo de narración oral para conmemorar 50 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE RAMÓN OTERO PEDRAYO e o DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Continuamos coas actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización da Lingua Galega de 2026 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - BiblioPazos cun novo espectáculo de narración oral con que queremos conmemorar o 50 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE RAMÓN OTERO PEDRAYO e o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2026.

RAMÓN OTERO PEDRAYO (Ourense, 5 de marzo de 1888- Ourense, 10 de abril de 1976) é unha das grandes figuras da literatura e a cultura galega. Foi un profesor, escritor, xornalista e político galego. Catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo Nós e das Irmandades da Fala, participou na coordinación da sección de Xeografía do Seminario de Estudos Galegos. Foi deputado polo Partido Galeguista e membro da Real Academia Galega. A súa obra é unha das máis prolíficas da nosa literatura: cultivou a narrativa, o teatro, o ensaio e a poesía, achegando unha modernización de todos eses xéneros en lingua galega.

Para esta ocasión contamos outra vez coa actriz, contacontos, fotógrafa e xestora cultural SOLEDAD FELLOZA que nos traerá ao Auditorio do Concello o seu espectáculo de narración oral "ARREDOR DE OTERO" o próximo Luns día 25 de Abril a partir das 13:00 horas.
“ARREDOR DE OTERO” é unha sesión de narración oral que bebe da escrita de Ramón Otero Pedrayo, da súa ollada demorada sobre a terra e do seu compromiso cun país pensado e contado dende dentro.

Contos que percorren o ano vivido —vendima, castañeira, Santos, Nadal— e devolven á palabra o seu lugar na memoria colectiva.

“ARREDOR DE OTERO” propón un achegamento á obra de Ramón Otero Pedrayo desde a narración oral, seguindo o fío da súa escrita fonda e do seu pensamento atento ao país. Os contos acompañan o discorrer do ano vivido, cando a vendima madura o tempo, a castañeira xunta á xente, Santos chama á memoria e o Nadal abre o inverno á palabra compartida. Historias nas que a terra, as voces e o pensamento se recoñecen, e nas que Galicia aparece non como escenario, senón como conciencia, feita de lembranza, rito e fidelidade ao que somos.

Esta actividade forma parte tamén do programa de dinamización da lectura "LER CONTA MOITO" que promove a Direción Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaborción cos concellos que teñan as súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Convidamos a asistir a este evento ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; os usuarios da Asociación ASPAVI e a todas aquelas veciñas e veciños que se inscriban previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

A entrada é de balde ata completar o aforo do local.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

domingo, 17 de maio de 2026

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2026 homenaxea á escritora, xornalista e activista viguesa BEGOÑA CAAMAÑO

Hoxe día 17 de Maio conmemoramos un novo DÍA DAS LETRAS GALEGAS desde que o 20 de marzo de 1963 os tres membros da Real Academia Galega -Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego- presentaran nesta institución unha proposta histórica: que se declarase ese día de cada ano "DIA DAS LETRAS GALEGAS" como data para "recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega". Por iso cada ano, nesta data, Galicia honra as súas Letras e a súa Lingua.

No ano 1963 celebrábase o centenario da publicación do libro "CANTARES GALLEGOS" de Rosalía de Castro, pero ignorábase a data da súa publicación por iso propúxose o día 17 de maio, por ser nese día cando Rosalía de Castro lle dedicou o seu libro ao tamén poeta Fernán Caballero; e así foi como se instituíu como festa anual do Día das Letras Galegas o 17 de maio. Escolleuse esta data porque "CANTARES GALLEGOS" foi o primeiro libro galego que tivo unha significación universal.

Neste ano 2026 a Real Academia Galega acordou, no Pleno Ordinario celebrado o 25 de xuño de 2025, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2026 a BEGOÑA CAAMAÑO a proposta dos membros da Academia Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López, Margarita Ledo, Chus Pato e Francisco Fernández.


A Real Academia Galega ao dedicarlle o Día das Letras Galegas réndelle un tributo debido e oportuno, que contribuirá á merecida difusión popular da súa exemplar traxectoria como periodista defensora da información veraz —en tempos en que a comunicación social está intoxicada pola divulgación de loias que espallan o odio, a intolerancia e a confusión— e da súa soberbia achega á literatura galega, pondo o foco na fundamental achega feminina ao seu pulo.

Para mais información sobre a homenaxeada e os actos que terán lugar arredor deste DÍA DAS LETRAS GALEGAS podedes acceder á páxina web da Real Academia Galega na seguinte imaxe:




E tamén nesta páxina web da RAG atopareces no apartado "RECURSOS" atoparedes un montón de enlaces a outras páximas web (Primavera das letras, Portal das Palabras, Seminario Galán, Radio Galega, etc.) con información e actividades para todas as idades para coñecer a fondo á autora homenaxeada neste Día Das Letras Galegas 2026.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger