Que é o Celga?
O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun novo modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega que se adapta ao Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) definido polo Consello de Europa e no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
Se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
Táboa de referencias co MCERL:
Celga 1 --- Nivel A2
Celga 2 --- Nivel B1
Celga 3 --- Nivel B2
Celga 4 --- Nivel C1
Celga 5 --- Nivel C2
Como obteño o Celga?
Para obter o certificado de Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 débese superar unha proba oficial emitida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Para ter dereito á proba débese formalizar unha matrícula previa e pagar unha taxa polo dereito a examinarte. Podes consultar as convocatorias para o presente ano e o procedemento de matrícula aquí.
O Celga 5 unicamente se consigue por validación, mediante un título de licenciatura, diplomatura ou equivalente, sempre que se acompañe de certificación de que se cursaron, polo menos, 18 créditos de lingua galega, e se estea en posesión do Celga 4. Ver a normativa sobre a validación de estudos de galego aquí.
Onde e cando se fai o exame do Celga?
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca os exames para a obtención dos Celga dúas veces ao ano en maio e novembro.
Recorda que o deseño e corrección do exame así como a expedición do certificado é competencia da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galícia, non do centro avaliador.
Que pasa cos cursos/diplomas de Galego Oral, Iniciación e/ou Perfeccionamento?
A partir da entrada en vigor dos Celga desaparecen os cursos/diplomas de Galego Oral, Iniciación e Perfeccionamento.
Para que me serven os meus diplomas de Iniciación e/ou Perfeccionamento?
Todos os diplomas obtidos ata a entrada en vigor do novo sistema (1 de setembro de 2007) seguirán tendo nun futuro a mesma validez que tiñan a efectos oficiais: Iniciación para os grupos de funcionariado D e E e Perfeccionamento para A, B e C.
Os novos niveis esixidos son Celga 1 para os grupos D e E e Celga 4 para os grupos A, B e C.
Con todo, Iniciación non é equivalente a Celga 1 nin Perfeccionamento a Celga 4. Elevouse o nivel de coñecemento esixido ao funcionariado.
Que diferenzas hai entre os Celga e os tres niveis de Galego Oral, Iniciación e Perfeccionamento?
Son moitas as diferenzas, pero as máis salientables son:
1. Antes había só tres niveis e os Celga contemplan ata cinco niveis.
2. O modelo anterior tiña validez oficial só dentro do territorio galego e o novo modelo ten un recoñecemento europeo tanto nas horas impartidas coma no nivel comunicativo adquirido.
3. O novo modelo céntrase nas catro destrezas comunicativas (escoitar, falar, ler e escribir) de xeito que agora os coñecementos do código lingüístico (gramática, fonética e léxico) son un apoio para a comunicación.
Hai validacións para algún nivel de Celga?
O Celga 1 e Celga 2 valídanse co certificado de ter realizado un curso de lingua e cultura galegas para estraxeiros, de nivel inicial ou nivel intermedio respectivamente, impartidos nas universidades de Galicia.
O Celga 5 é validado por un título de licenciatura, diplomatura ou equivalente, sempre que se acompañe de certificación de que se cursaron, polo menos, 18 créditos de lingua galega, e se estea en posesión do Celga 4.
Ver a normativa sobre a validación de estudos de galego aquí.
Onde podo ter máis información actualizada?