Cos ollos na Lúa  
Antonio  García Teijeiro
Col. Ler é Vivir. 
A Coruña, 2010
A partir de 8 anos
Noa era unha nena delgada, alta e inqueda; Dark era  un can elegante, apracible, con pelo branco e negro. Os dous eran moi amigos e  cariñosos. O can amaba á lúa, pero non entendía por que non era branca e negra como  el. Noa estaba enfeitizada pola blancura da súa luz e preguntábase por que non  era negra, amarela ou marrón, como a pel dos seus amigos e compañeiros de  escola.
Cada noite, Dark dicíalle baixiño palabras fermosas  á lúa e contáballe historias: a de Galopín, un can sen dono que escapara da  escoba coa que lle golpeou dona Remedios, unha muller de moi mal xenio; a de  Tartufo, un can que fora abandonado no monte, ao que recolleu un neno e levouno  para a casa.
Tamén Noa falaba coa lúa. Escribíalle cartas contándolle  de Troitiño, un ancián coa roupa gastada que cantaba vellas cantigas polo  parque, e da Tola, unha muller que anos antes perdera á súa filla nun accidente  de circulación, que quedaba sentada nun banco do parque arrolando unha boneca.  E contáballe que xogaba na praza con nenos e nenas, deses aos que chamaban  inmigrantes, que viñeran de África ou América.
Dona Lúa escoitaba, sorría e ata chegaba a  emocionarse. Un día, apareceu branca, negra e doutras cores. Os dous amigos,  fascinados, pousaron os seus ollos na face da lúa. Noa sentiu que lle falaba;  Dark leu, nun papel que apareceu como caído do ceo, que a lúa ten o corazón de  moitas cores. Entón, os dous durmíronse felices mentres a noite colleu o seu  pincel de abrazos e pintou de escuro as respiracións ilusionadas de ambos os  amigos.
En liña co lirismo do texto, as ilustracións, sobre  fondos coloristas, participan dinamicamente da tenrura da historia.
48 p. - 19x12 cm.
ISBN: 978-84-403-1151-1
FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA E LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA