mércores, 30 de setembro de 2026

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA “OS XOGOS DA ESCRITA. COMO MOVER AS PEZAS DOS RELATOS” con Andrea Barreira Freije


Continuamos informando das actividades do programa de animación á lectura e dinamización do uso da lingua galega organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos”.

Outro ano máis e con motivo das actividades programadas en relación co VIII Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén, teremos un novo Obradoiro de Creación Literaria organizado para o alumnado da ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Este obradoiro denominado “OS XOGOS DA ESCRITA. COMO MOVER AS PEZAS DOS RELATOS” será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán nas seguintes datas e horarios:


Mércores, 7 de outubro
09:30 a 11:10 – 1º ESO
12:20 a 14:00 – 2º ESO

Xoves, 8 de outubro
09:30 a 11:10 – 4º ESO
12:20 a 14:00 – 3º ESO

Es quen de escribir un relato nunha hora e media? Atréveste a enfrontarte á folla en branco? Este é un obradoiro de narrativa onde se aprende a usar as ferramentas básicas para escribir un relato. A través do xogo, quen participe descubrirá que hai detrás do principio, nó e desenlace.

Escribir é coma xogar. Primeiro precisas coñecer as normas, as pautas básicas de como se desenvolve a escrita, as técnicas, as estratexias, os elementos narrativos… Despois, toca pulir e practicar unha e outra vez ata conseguir que a nosa historia (o noso xogo) sexa o máis atractiva posible.

Nos obradoiros de narrativa detémonos a reflexionar sobre o punto de vista desde o que contar a historia (o narrador), sobre como construír personaxes sólidas, cribles e coas que sentirnos identificadas, detémonos nos espazos onde transcorre a acción e xogamos cos tempos coma se tiveramos as horas e os días nas nosas mans. Todo isto, tecido nunha trama, onde cada xiro nos leva a un final distinto.

"Os xogos da escrita. Como mover as pezas dos relatos” é un obradoiro de narrativa adaptado a cada curso ao que vai dirixido e que na presente edición contará coa colaboración do profesorado. Por unha banda, a partir das bases do VIII Certame de Relato Curto Pazos de Borbén, abordaremos a construción dunha historia na que serán fundamentais os intereses de cada participante, tanto para facilitar a escrita, como para lograr un texto co que se sintan identificados e orgullosos. Por outra, subliñaremos a importancia da imaxinación e creatividade propia a fin de comprender que o ser humano pode chegar máis lonxe que a IA.

A partir das ideas que vaian xurdindo estruturaremos a narración para facela interesante, atractiva e dinámica. Veremos como mudan as historias en función das personaxes e voces narradoras escollidas. Tiraremos do fío para que o relato flúa de xeito natural, usando cada elemento narrativo ao favor da historia.

Ao remate da sesión, leremos os fragmentos desenvoltos para, dun xeito construtivo, analizar entre toda a aula o texto. Unha visión allea ao texto sempre axuda a mellorar as creacións e enriquecer o proceso. Cómpre salientar, que durante o obradoiro a rapazada ten o “comodín do público” co que poden pedir axuda a compañeiros e compañeiras. Malia que o proceso sexa individual, contar co apoio da aula, sempre é un bo xeito de evitar bloqueos creativos e ter varias opcións que axuden a avanzar e facer o proxecto o máis interesante e próximo para quen le.

A actividade non terminará na sesión do obradoiro. Seguindo a cronoloxía de escrita dunha autora, conformaranse grupos de 3 ou 5 persoas (en función do número de alumnos de cada aula) que servirán coma lectores beta, por último, contarase coa colaboración do profesorado para a fase de revisión final, coma se este cumprise a función de edición. Así verán o proceso completo, desde a escrita inicial á final.

O presente obradoiro impartirase para a rapazada de 1º a 4º da ESO. Cada persoa escribirá un relato, no que se mesturarán as temáticas do VIII Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén, coas ferramentas máis básicas da creación narrativa e aquelas que lles permitan arriscar nas voces narradoras ou nos xiros das historias

1º ESO: A través dun xogo, a rapazada aprenderá que é un narrador, como se constrúen as personaxes, como inflúe o espazo na historia que contamos, como o tempo determina a acción. Todo isto ordenarase nunha trama lineal na que a narración resultante será divertida, distendida e extravagante.

2º ESO: Despois da base creada o curso anterior, descubrirán como usar as ferramentas narrativas para levar ao seu terreo as bases do concurso municipal. Isto permitirá descubrir unha variedade máis ampla dentro dos elementos narrativos.

3º ESO: A partir da tradición oral, a rapazada aprenderá a adaptar as historias acontecidas no pasado, ao presente. Deste xeito, recupérase, revísase e actualízase a aprendizaxe e a memoria colectiva cunha ollada do presente.

4º ESO: Neste curso profundaremos en como podemos xogar coas estruturas (inversa e circular principalmente, aínda que tamén in media res) e variar principios e finais, para poder experimentar cos xiros e descubrir outras formas de contar.

ANDREA BARREIRA FREIJE forma parte actualmente de 7H Cooperativa cultural, onde se dedican á xestión cultural e á educación vinculada á creatividade, desde as artes e cunha perspectiva social.

Ten realizados talleres de narrativa para adolescentes e adultos en Taller Abierto_Gestión Cultural (Pontevedra); sobre igualdade para crianzas, rapazada e adultos da man de Lilith Acción Social e Educativa; sobre temática medioambiental coa empresa Molotov; talleres de escrita para distintas idades en bibliotecas como a de Castrillón, Fórum Metropolitano (A Coruña), O Saviñao (Lugo), Ánxel Casal (Santiago de Compostela), Irixoa (A Coruña)... por mencionar só algunhas, en escolas, institutos e Feiras do Libro.

Colabora mensualmente na sección de cultura do Nós Diario cun artigo en profundidade. En xullo de 2021, publicou un relato no suplemento “Máis” do mesmo xornal e durante o mes de agosto de 2020 unha serie de microrrelatos.

Forma parte do colectivo feminista de crítica literaria A Sega, onde realiza recensións de libros e colabora na organización de eventos, talleres e comunicación.

En 2023 foi premiada co Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, co libro Quen precisa unha avoa?, publicado por Xerais en 2024.

En 2021 publicou a biografía para público infantil Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega, en Baía Edicións.

En 2018, a novela Palabra de Bruxa, na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia.

En 2015, a novela xuvenil de xénero fantástico, Non hai luz sen escuridade, baixo o selo de Urco Editora.

Participou nas antoloxías colectivas O libro dos libros (Editorial Galaxia), Contos do Sacaúntos. Romasanta o criminal (Urco Editora), Lendas de Gallaecia, Segunda Era e Encontros na Terceira Fase de Contos Estraños, Tebras na Alma (autoedición), e Contos de Verán (Redelibros).

Escribiu o conto infantil de Nadal, Que pode saír mal? para as actividades Pontexogos (Pontevedra) do Nadal 2016/17. Colaborou en Ilusionaria IV, antoloxía solidaria de contos para crianzas e escribiu historias infantís na web de promoción da lectura Boolino.

Esta actividade enmárcase no programa de "Obradoiros de Creación Literaria e Certame de Relato Curto" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua galega do ano 2026 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger