luns, 15 de decembro de 2025

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DE PAZOS DE BORBÉN - BIBLIOPAZOS recibe un novo premio da Campaña de animación á lectura "MARÍA MOLINER" do ano 2025

¡Boas novas para a biblioteca!

O pasado día 1 de decembro foi un día MOI ESPECIAL para a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén-BiblioPazos, para todos os que traballamos na mesma ao longo destes anos, e tamén para todos aqueles usuarios, persoas, entidades, asociacións e fundacións que colaboran coa mesma habitualmente.

Ese día publicouse na páxina web do Ministerio de Cultura a Resolución definitiva da concesión dos premios Maria Moliner deste ano 2025; e a Biblioteca de Pazos de Borbén foi outro ano mais premiada neste concurso de proxectos de animación á lectura que convoca anualmente o Ministerio de Cultura polo seu proxecto "CONTOS, MAXIA, MÚSICA E LITERATURA: CULTURA E SABIDURÍA”.


O Concurso de proxectos de animación á lectura “MARÍA MOLINER” realizase anualmente grazas ao convenio subscrito entre o Ministerio de Cultura e a Federación Española de Municipios e Provincias, vai dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes, e ata un máximo de 370 proxectos son seleccionados para recibir un premio en metálico para adquirir, principalmente, lotes de libros.

Dos 370 proxectos seleccionados os dez proxectos que obteñan mellor puntuación reciben un premio por un importe individual de 10.000 euros; mentres que os 360 proxectos seguintes por orde de puntuación recibirán un premio por un importe individual de 2.777,77 euros.

O premio obtido pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén-BiblioPazos consiste na concesión dunha subvención en metálico por importe de 2.777,77 euros destinados á compra de libros para mellora das súas coleccións bibliográficas.

En total 14 bibliotecas da Comunidade Autónoma de Galicia foron premiadas.

Entre as catro bibliotecas premiadas da provincia de Pontevedra, ademais da de Pazos de Borbén, recibiron o premio as bibliotecas dos concellos de O Grove, Mos e Pontecesures.

Na provincia de A Coruña foron premiadas as bibliotecas dos concellos de Ares. Cee e Betanzos; na provincia de Lugo as dos concellos de Sarria Sober, Barreiros, Ribadeo e Antas de Ulla; e na provincia de Ourense as de Verín e Ribadavia.

A todas queremos enviarlles os nosos parabéns pola consecución deses premios e polo traballo realizado.

O certo é que en Pazos de Borbén estamos contentísimos pois das seis veces que nos presentamos ata agora a este concurso, nos anos 2017, 2018, 2021 e 2022, 2024 e 2025 fomos premiados en todas as ocasións.

No proxecto levado a cabo entre os meses de xuño de 2024 a o 8 de maio de 2025 realizáronse un total de 28 actividades (Contacontos, obradoiros literarios, certames literarios, conferencias, etc.) nas que participaron Raquel Queizás, Pablísimo, Fernando Saldaña, Leo Leíño, Fran Campos e Fran Ameixeiras (Bandullo Azul), Miguel Alonso Diz, Andrea Barreira Freije, Xavier Alcalá e Manel Cráneo, Iván Davila, Vero Rilo, Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas, Samuel Ferro, Juan Duran Alonso e Soledad Felloza. A todas e todos eles grazas polo seu traballo e profesionalidade e por axudarnos a acadar este premio.

O ter conseguido este novo premio e este recoñecemento pola realización deste proxecto non sería posible sen a aportación económica do Concello de Pazos de Borbén; a Deputación Provincial de Pontevedra e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia; e da imprescindible colaboración da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo (ASPAVI); da directiva, persoal docente e persoal non docente do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira.

Grazas a todos e todas pola súa colaboración; aos socios e usuarios da biblioteca, persoal do concello, e todas aquelas persoas e institucións que de algunha forma participaron e colaboraron para levar adiante este proxecto premiado.

GRAZAS, GRAZAS, MOITÍSIMAS GRAZAS.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger