mércores, 18 de xuño de 2025

A Casa Cultural de Nespereira (Pazos de Borbén) acollerá o espectáculo "CONTAR PARA VIVILO" de Cándido Pazó incluído na XIII edición do Festival Internacional de Narración Oral "Atlántica" 2025


Iniciamos as actividades do próximo mes de Xullo co espectáculo para adultos "CONTAR PARA VIVILO" que nos traerá CÁNDIDO PAZÓ o próximo Venres 4 de Xullo ás 21:30 horas na CASA CULTURAL DE NESPEREIRA (Pazos de Borbén); unha función incluída na XIII edición do Festival Internacional de Narración Oral "Atlántica" que se celebra este ano 2025 e que supón a participación neste festival do Concello de Pazos de Borbén por sétimo ano consecutivo.
"CONTAR PARA VIVILO" é unha sesión de historias, contos, lerias e parrafadas sobre outras xentes, outros mundos e outros tempos, nun espectáculo para xente deste mundo e deste tempo.

Humor, emoción e memoria coa palabra como único recurso.
CÁNDIDO PAZÓ

Nado en 1960 na parroquia de San Paio de Navia (Vigo) e veciño desde hai 20 anos de San Xián de Sales (Vedra), gusta dos ámbitos híbridos onde a memoria rural e urbana se mesturan, dando lugar a curiosas historias transmitidas oralmente.

Comezou a contar nos anos 90 e desde entón ten estado presente en todo tipo de espazos de narración oral na xeografía galega e peninsular, así como en festivais e programacións diversas en América Latina, Europa e África lusófona.

De 2000 a 2008 foi profesor visitante na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto (Portugal), impartindo a materia de “A oralidade como ferramenta do traballo actoral”.

É tamén autor e director teatral, facetas nas que ten recibido cumpridos premios (María Casares, Max) e recoñecementos (Premio Roberto Vidal Bolaño da Mostra de Ribadavia, Premio Xiria da Mostra de Cangas, Xograr de Outono do F.I.O.T. de Carballo, entre outros) e foi Premio da Cultura Galega en 2014.

Convidamos a asistir a este espectáculo para adultos a toda a veciñanza e recordámoslles que a entrada é de balde. Así que non hai escusa para non acudir a este evento a pasar unha horiña estupenda e chea de "humor, emocións e memoria" narradas por CÁNDIDO PAZÓ.

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

Podedes acceder a toda a información e programación do FESTIVAL ATLÁNTICA a través do seguinte enlace:


EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger