Continuamos coa programación de actividades organizadas pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - Bibliopazos e agora poñemos a disposición da veciñanza unha exposición científica que se instalará no vestíbulo da Casa do Concello do 1 ao 15 de Xuño e que poderá ser visitada en horario de 09:00 a 14:00 horas durante as horas de atención ao público das oficinas municipais.
Con esta actividade queremos conmemorar o DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE e o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS que se celebran en todo o mundo os días 5 e 8 de xuño, respectivamente; e para iso traemos ademáis da exposición outras actividades dirixidas ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria das que vos iremos informando máis adiante.
A exposición “OCEÁNICAS: PIONEIRAS DA OCEANOGRAFÍA” conta a historia de 20 científicas ilustres, algunhas delas bastante esquecidas. Desde a primeira e única muller que deu a volta ao mundo durante a época das grandes exploracións ata mulleres que a día de hoxe lideran a loita pola conservación dos océanos.
As súas historias fálannos do desenvolvemento das ciencias mariñas nos últimos séculos, pero tamén das dificultades ás que se enfrontaron as mulleres —en oceanografía, en ciencia e na vida— e da loita pola igualdade de moitas xeracións. Son só uns poucos exemplos das moitas ilustres científicas do pasado e o presente que esperamos que sirvan de inspiración para quen soñe con dedicarse á investigación mariña.
O proxecto ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos, tanto actuais como do pasado, dar a coñecer a súa vida e obra, tratando así de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentar a súa creatividade, a súa capacidade de decisión e o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.
A exposición consta de 12 paneis lixeiros enmarcados de 60x84 cm (ancho x alto), e cada panel conta con audiodescripcións, accesibles a través de códigos QR.
Esta exposición itinerante forma parte do proxecto de divulgación “Oceánicas: a muller e a oceanografía” (www.oceanicas.ieo.es), desenvolvido polo Instituto Español de Oceanografía (IEO) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
En setembro de 2015, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou o 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e alertou de que, a pesar de que as posibilidades de progreso científico e tecnolóxico son case ilimitadas, as mulleres e as nenas están ausentes nestes campos, especialmente no que se refire á creación e a toma de decisións nos ámbitos que transforman o noso mundo cotián.
Desde que comezou a celebrarse este día, investigadoras e investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) levaron a cabo múltiples accións para reivindicar a igualdade de xénero na ciencia. A primeira delas, que xurdiu en 2015, comezou de xeito improvisado e limitouse a que o persoal dalgúns centros oceanográficos do IEO paralizou uns minutos a súa actividade para reunirse nas portas dos centros e mostrar carteis coa efemérides onde se realzaba o papel actual da muller no mundo da oceanografía. En 2016 e 2017 repetiuse a acción, esta vez nos nove centros oceanográficos do IEO e, en ambas as ocasións, alén de mostrar carteis da efemérides léronse diferentes comunicados reivindicando o acceso e a participación das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, a ciencia e a tecnoloxía, e o fomento así da igualdade de acceso das mulleres ao pleno emprego a todos os niveis e a un traballo decente, actos que alcanzaron repercusión nos medios de comunicación.
Este foi o caldo de cultivo de “Oceánicas: a muller e a oceanografía”, que se fixo realidade en 2018 coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Un proxecto que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos, tanto actuais como do pasado, dar a coñecer a súa vida e obra, tratando así de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentar a súa creatividade, a súa capacidade de decisión e o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.
Oceánicas pon en valor o legado das mulleres pioneiras da oceanografía. Mulleres como Jeanne Baret, botánica francesa que foi a primeira en circunnavegar o mundo no século XVIII disfrazada de home; Marie Tharp, xeóloga mariña que, a pesar de ter prohibido embarcar, elaborou o primeiro mapa dos fondos oceánicos atlánticos; Ángeles Alvariño, oceanógrafa galega do IEO que se converteu na primeira muller en embarcar nun buque inglés e que descubriu 22 especies mariñas; ou Sylvia Earle, primeira muller en liderar a NOAA e exploradora de National Geographic. Ademais, Oceánicas é unha plataforma para que mulleres que traballan actualmente en Ciencias do Mar, tanto investigadoras como técnicas, estudantes, empresarias, etc., divulguen o seu traballo e axuden aos mozos para descubrir a súa paixón pola ciencia e a natureza.
Para rematar, a través de diferentes concursos, Oceánicas trata de espertar a curiosidade e o interese a nivel persoal da mocidade, fomentar a súa creatividade e promover a comprensión de conceptos e fenómenos científicos. Todo iso buscando un contacto directo entre nenos e investigadoras.
Unha ocasión única en Pazos de Borbén.
Ven a visitar a exposición.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

