Rematamos coas actividades de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; financiadas polo Concello de Pazos de Borbén e pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do programa +ÉSCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra, co espectáculo "O CASTIÑEIRO DO APALPADOR" que nos traerá a Compañía FANTOCHES BAJ o Sábado 20 de Decembro a partir das 17:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén.
Neste espectáculo, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman O Apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.
O Apalpador é un carboeiro pobre cuxas únicas propiedades son un castiñeiro e un magosteiro. A súa grande preocupación é conseguir que os cativos non lle rouben as castañas. Ata que un día, se lle presenta na carboaría unha velliña aterecida de frío e de fame. El, compadecido, ofrécelle teito e castañas do seu magosto. A velliña que é unha meiga, ante a súa bondade, ofrece cumprirlle tres desexos e o apalpador, movido pola súa teima máis inmediata, pide que quen toque o seu castiñeiro quede pegado para sempre nel, que quen colla as castañas do chao o engula a terra e quen meta na man no seu magosteiro quede dentro encarcerado. Con estes tres desexos conseguirá sen embargo vencer a Morte. O Gobernador do mundo ao ver os efectos devastadores da desaparición da Morte obrigará ao Apalpador a ceibala. E o Apalpador ceibaraa pero antes asegurarase de que a el non lle toque xamais.Convetido nun ser inmortal, liberado da necesidade de comer, e vendo que as castañas se lle estragan todos os anos, decide repartirllelas os nenos que pasan fame. Por iso, desde aquela, percorre o mundo apalpando as barrigas dos nenos e deixándolle unha presiña das castañas do seu castiñeiro a aqueles que a teñen valeira.
FANTOCHES BAJ é unha compañía creada inicialmente en Portugal por IGNACIO VILARIÑO no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo "Tío Miseria" (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo "O Asombro" (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en "As Pombas de Carboeiro". Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Co seu espectáculo "Os Golfiños e o xigante" obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil.
A ENTRADA É DE BALDE ATA COMPLETAR O AFORO DO LOCAL
ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!
Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.