O día 21 de Setembro pasado informábamos da convocatoria do "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2024/2025 e 2025/2026; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no Concello de Pazos de Borbén.
Como en edicións anteriores coa convocatoria desta 7ª edición do certame o Concello pretende seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas, estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.
Igual que nos últimos anos o número de categorías para participar foron sete (7) e o prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 1 de outubro e o 14 de novembro de 2025.
Presentáronse un total de 149 traballos, co que seguimos contando cunha moi alta participación desde a existencia deste pequeno certame literario:
- Ano 2025: 149 participantes.
- Ano 2024: 160 participantes.
- Ano 2023: 149 participantes.
- Ano 2022: 58 participantes.
- Ano 2021: 67 participantes.
- Ano 2019: 77 participantes.
- Ano 2018: 64 participantes.
Os participantes podían presentar un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e entregalo na Biblioteca.
Na Categoría A: Persoas con diversidade funcional presentáronse 5 traballos, todos eles pertencentes a usuarios da Asociación ASPAVI que entregaron cada un o seu relato.
Na Categoría B: Alumnado de Educación Infantil, coa presentación dun debuxo cada un, participaron 30 criaturas do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI A Galeriña de Nespereira.
Na Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria foron 28 rapazas e rapaces do CPI "Curros Enríquez" os que participaron cun debuxo cada un con algunha frase alusiva aos traballos presentados.
Na Categoría C: Alumnado de 3º e 4º de Primaria presentáronse 27 traballos doutros tantos alumnos e alumnas deses cursos do CPI "Curros Enríquez".
Na Categoría D: Alumnado de 5º e 6º de Primaria foron presentados 23 traballos participando o 100% do alumnado destes cursos que estuda no CPI "Curros Enríquez" de Pazos.
Nas categorías de Educación Secundaria Obrigatoria presentáronse un total de 28 trabalos na Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO e na Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO foron 8 os participantes no certame.
Nas Bases do certame establecérase que a temática dos traballos era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.
Desde que convocamos esta 7ª edición do certame, animamos ao profesorado, pais, nais e demais familiares do alumnado e á dirección e persoal dos centros educativos e de atención a persoas con diversidade funcional para que estimularan a participar nesta nova edición a todo o alumnado e usuarios destes centros; e parece que, de novo, o resultado foi moi satisfactorio.
Para motivar a participación foron realizados 13 sesións de dous Obradoiros de Creación Literaria denominados "ESCRIBIR PARA SOÑAR" e "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO" que foron impartidos, respectivamente, polos escritores Miguel Anxo Alonso Diz e Andrea Barreira Freije; e aos que asistiron os usuarios da Asociación ASPAVI e todo o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI "A Galeriña" de Nespereira; un total de 193 escolares e uns 40 usuarios da Asociación ASPAVI.
O xurado do Certame reuniuse o día 1 de Decembro e xa ten decidido ás premiadas e premiados desta 7ª edición do certame que daránse a coñecer o próximo Xoves 18 de Decembro nun acto que se celebrará no Auditorio do Concello ás 11:00 horas e ás 13:00 horas, e nos que participarán tamén as mestras e mestres, monitoras e monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da Corporación, e representación da Deputación Provincial de Pontevedra.
Por último comentar que estes eventos enmárcanse no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" organizado pola Biblioteca Pública Municipal e que conta coa financiación do Concello de Pazos de Borbén e do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar co a Biblioteca por Teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborbén.gal no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.