venres, 26 de xuño de 2026

"NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS" con RAFA QUINTÍA, unha actividade da XIV Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" para coñecer a tradición e a cultura popular galega

Iniciamos as actividades do mes de xullo cunha actividade titulada “NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” que será impartida polo antropólogo RAFA QUINTÍA nun espazo natural marabilloso como é o Carballo de Martiz na Senda Arqueolóxica de Amoedo o Sábado 4 de Xullo ás 20:00 horas, e convidamos a toda a veciñanza a asistir á mesma. A entrada é de balde.

Esperámosvos ás 20:00 horas no punto de encontro (Torreiro de Amoedo) sinalización P1 do mapa, onde hai aparcamento público xeral e camiñaremos 1,2 km (20 minutos aprox.) para achegarnos ao Carballo de Martiz onde se desenrolará a actividade.

Para persoas con mobilidade reducida hai prazas limitadas de aparcamento preto do Carballo de Martiz, sinalización P2 indicada no mapa.


Esta actividade está incluída na XIV edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" que se celebra neste ano 2026 e no que o Concello de Pazos de Borbén participa por oitavo ano consecutivo.

"NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” o antropólogo Rafa Quintía convídanos a descubrir o fascinante mundo dos amuletos galegos nunha sesión moi especial onde se mesturan maxia, menciña popular e narración oral. Esta conferencia que fala do mundo dos amuletos na cultura popular galega, non é unha charla ao uso: é unha viaxe chea de contos, lendas e saber tradicional.

Acompañarémolo nunha sesión onde cada historia nos conecta co coñecemento ancestral herdado dos nosos devanceiros. Rafa ten o don de facer que escoitar sexa lembrar: rescata o que fomos e fainos rebuscar nas nosas memorias, cun estilo ameno, próximo e apaixonado.

Un encontro para gozar, sorprendernos e recoñecer a forza da tradición que aínda vive en nós.

RAFA QUINTÍA (Galicia)

Rafa Quintía é unha das voces máis singulares da antropoloxía galega contemporánea. Cunha mirada lúcida e fondamente comprometida coa cultura do país, leva anos explorando e narrando o imaxinario galego dende múltiples frontes: a investigación, a divulgación, a docencia e a creación audiovisual.

Nado en Vigo en 1971, é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas, e conta cun mestrado en Educación Secundaria. Dirixe a empresa Ab Origine, especializada na posta en valor do patrimonio inmaterial, e exerce como profesor na UNED.

A súa obra escrita abrangue máis de trinta libros nos que mergulla na mitoloxía, o simbolismo, a relixión popular e as crenzas tradicionais galegas. Entre os seus títulos máis destacados están Mitoloxía de GaliciaHeichas contar. Contribución ao corpus mitolóxico galegoMariña inmaterialPola graza de Deus. A relixiosidade popular en Galicia ou Descifrando o Entroido. Nos últimos anos publicou tamén Dicionario dos amuletos galegosA etnomediciña galega e A pedra da pezoña, obras que continúan afondando nas crenzas, símbolos e saberes da cultura popular galega.

Ademais, participa activamente en proxectos de divulgación e defensa do patrimonio cultural galego, é presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Tamén é autor de documentais que exploran rituais, festas e paisaxes culturais de Galicia, combinando sensibilidade estética e rigor académico.

Premiado en diversas ocasións —entre outros, co Ramón Piñeiro de Ensaio ou o Vicente Risco de Ciencias Sociais—, exerce como presidente da Sociedade Antropolóxica Galega e destaca como un dinamizador activo do coñecemento popular e do patrimonio invisible.

O ano pasado deixou pegada en Santo André de Teixido, nun encontro que foi un auténtico éxito e onde o público quedou atrapado entre historias de mortos, romarías, crenzas e camiños antigos. Por iso regresa este ano ao Festival Atlántica, desta volta baixo un carballo cheo de historias, nun deses lugares onde semella que a memoria segue falando baixiño entre as follas.

A súa participación no Festival Atlántica é unha oportunidade única para escoitar como a tradición cobra nova vida cando se conta dende o respecto, a paixón e o coñecemento profundo.

Un ano máis formamos parte de Atlántica

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger