Como en anos anteriores temos organizadas novas actividades para as vindeiras semanas nas que poderá participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de Infantil, Primaria ou Secundaria nos colexios públicos do concello durante os cursos 2025/2026 e/ou 2026/2027; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional que teñan a súa sede e actividade en de Pazos de Borbén.
Publicamos hoxe a CONVOCATORIA do “VIII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que, como en anos anteriores, haberá sete (7) categorías para poder participar:
- Categoría A: Persoas con diversidade funcional
- Categoría B: Alumnado de Educación Infantil
- Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria
- Categoría D: Alumnado de 3º e 4º de Primaria
- Categoría E: Alumnado de 5º e 6º de Primaria
- Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO
- Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO
O Prazo de presentación dos traballos abrirase o 28 de Setembro e rematará o 13 de Novembro de 2026.
Cada participante poderá presentar un único traballo que deberá ser orixinal, inédito, ESCRITO EN LINGUA GALEGA e non premiado.
Na Categoría A: Persoas con diversidade funcional poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara que inclúa unha ou máis frases alusivas ao mesmo; ou un relato escrito que se entregará en formato A4 por unha soa cara, manuscrito en letra clara ou ben impreso en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. A extensión mínima será dunha (1) páxina e máxima de dúas (2) páxinas.
Na Categoría B: Alumnado de Educación Infantil poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara.
As persoas participantes na Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara que inclúa unha ou dúas frases alusivas ao debuxo presentado.
E nas restantes categorías deberán presentar os traballos en papel e entregaranse en formato A4 por unha soa cara, manuscritos en letra clara ou ben impresos en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. A extensión mínima será dunha (1) páxina e máxima de catro (4) páxinas.
A temática dos relatos será LIBRE se ben valorarase que incida preferentemente nas seguintes materias:
- A igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres.
- A recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas, a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén.
- A recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.
Haberá dous premios por cada categoría que consistirán en:
Categoría A: Persoas con diversidade funcional
- 1º premio: Unha tableta electrónica + un lote de libros.
- 2º premio: Un lote de libros.
Categoría B: Alumnado de Educación Infantil
- 1º premio: Un lote de libros
- 2º premio: Un lote de libros.
Resto das categorías (C, D, E, F e G):
- 1º premio: Unha tableta electrónica + un lote de libros.
- 2º premio: Un lote de libros.
Co obxecto de fomentar a lectura en lingua galega e o traballo cooperativo entregarase tamén un lote de libros a cada unha das aulas do colexio e aos centros de atención a persoas con diversidade funcional que presenten máis de catro participantes ao certame. Todos os participantes non premiados recibirán un libro de agasallo.
Para mais información sobre o "VIII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" podes descargar as BASES do certame facendo click AQUÍ.
Desde BIBLIOPAZOS animamos a todo o profesorado, aos pais, nais e demais familiares do alumnado e dos usuarios da Asociación ASPAVI para que os estimulen a escribir e e a debuxar para participar neste nova convocatoria do certame que chega a súa 8ª edición.
Co obxecto de facilitar a participación no VIII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN, temos organizado varios Obradoiros de Creación Literaria que se desenrolarán entre os meses de setembro e outubro e dos que iremos informando nos vindeiros días.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.