A Consellería do Medio  Rural e do Mar destina 546.000 euros aos proxectos dinamizadores das áreas  rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das TIC durante 2013.  O  Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas subvencións,  co financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no  marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e que son xestionadas  pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
Estas axudas están destinadas á implantación de hardware e software, para que  as microempresas aproveiten as TIC xunto co acceso á Internet de calidade, no  seu proceso de negocio. Estas subvencións enmárcanse no convenio subscrito  entre a Consellería do Medio Rural e Mar e a Axencia para a Modernización  Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para coordinar as actuacións no ámbito do Plan  de Banda Larga de Galicia.
As axudas poden chegar ata  un máximo do 50% dos investimentos subvencionables ata un tope de 30.000 euros  de subvención por beneficiario, sendo 4.000 euros o investimento mínimo  esixido. Poderán solicitar estas axudas as microempresas, xa sexan persoas  físicas ou xurídicas, legalmente constituídas, con domicilio e alta fiscal para  a súa actividade económica en Galicia e radicadas no rural galego (todo o  territorio da Comunidade Autónoma, agás as zonas incluídas nos perímetros  urbanos das sete grandes cidades). 
martes  7 de maio do 2013, por  
Fuente:  Código Cero  














 



