luns, 13 de abril de 2026

CONTACONTOS "AS AVENTURAS DE JOE e FONTE. Joe e Fonte múdanse a Mondariz Balneario" coa autora Aurora Corbacho e o ilustrador Chimay

Iniciamos as actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización do uso da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos” neste mes de abril cun interesantísimo contacontos baseado no libro “AS AVENTURAS DE JOE & FONTE. Joe & Fonte múdanse a Mondariz Balneario” de Aurora Corbacho, ilustrado por Chimay e editado por Medulia editorial.


O contacontos terá lugar o próximo Venres 17 de Abril de 2026 a partir das 13:00 horas na Biblioteca do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e está dirixido ao alumnado de 1º e 2º de Primaria deste centro educativo.

Nesta actividade a autora AURORA CORBACHO e o ilustrador CHIMAY interactuarán coa cativada comentando o contido das páxinas, cantarán con eles un rap composto por Chimay e finalizarán cuns recortes dos deseños para que os asistentes o leven de lembranza para as súas casas.

“O contacontos é unha historia baseada nas vivencias reais da autora por mor da súa mudanza a Mondariz Balneario dende unha grande cidade xunto aos seus gatiños Joe e Fonte. Como consecuencia desta vivencia e de todo o que ven vivindo dende entón nese lugar marabilloso, xurdiu o texto e, grazas a Chimay, as preciosas imaxes que ilustran o libro. Neste pequeno conto os elementos que lle dan sentido son, co marco máxico da vila de Mondariz Balneario, a natureza que conforman os ríos, a vexetación e a fauna do val, o patrimonio arquitectónico e o coidado e respecto aos animais, co obxectivo final e de fondo de divulgar e tomar coñecemento da importancia do seu coidado e protección pola cativada, que será a que collerá o relevo das persoas adultas nun futuro”.           

AURORA CORBACHO (Vigo, 1971) é funcionaria de carreira na Administración Local, é Doutora en Dereito Público Pola Universidade de Vigo, e grao en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas con posgrao en Experta Universitaria en Administración Local pola UNED. Tamén ten o título de Xestora Administrativa. Conta con publicacións en revistas xurídicas sobre a temática da organización territorial. No ámbito literario, esta é a súa segunda incursión tras a participación cun poema na publicación de 2024 da Asociación sevillana “Cuadernos de Roldán”, dedicada a Mondariz Balneario. 

CHIMAY (Alfonso J. Rodríguez – Pontevedra, 1951) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Traballou en diferentes estudios de arquitectura. E tamén na Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo ata a súa xubilación. A súa chegada ao mundo da ilustración foi casual. Fixo ilustracións para uns artigos dun amigo no Faro de Vigo que despois foron recompilados nun libro. 

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger