sábado, 6 de xuño de 2026

"A NENA E OS TRES OSOS" de BEA CAMPOS en Pazos de Borbén. Unha actividade de ATLÁNTICA MIÚDO da XIV Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA"


Continuamos coas actividades do mes de xuño co espectáculo "A NENA E OS TRES OSOS" que nos trae a actriz, narradora oral e comunicadora BEA CAMPOS.

Con este espectáculo o Concello de Pazos de Borbén participa por oitavo ano no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" que celebra a súa XIV Edición no 2026.

O espectáculo terá lugar o Venres 12 de Xuño, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén e están convidados a asistir ao mesmo todo o alumnado de 1º a 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos; e todas aquelas veciñas e veciños que se inscriban previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273. A entrada é de balde ata completar o aforo do local.

"A NENA E OS TRES OSOS" é unha proposta escénica tenra, divertida e chea de imaxinación para público infantil e familiar. Un espectáculo con monicreques, música e obxectos que revisita un dos grandes clásicos da literatura infantil cunha posta en escena delicada e moi visual.

Nesta historia, as cousas máis sinxelas poden transformarse noutra cousa completamente distinta: unha maleta convértese nunha casa, un caldeiro nunha cadeira e unha manchea de calcetíns nunha entrañable familia de osos.

O oso grande, o oso mediano e o oso pequeno viven felices no bosque. Cada mañá repiten o mesmo ritual: preparan as papas do almorzo e saen pasear cantando e xogando mentres arrefrían. Mais un día, unha pequena visitante inesperada entra na súa casa e muda todo…

Con humor, cancións e moita creatividade, “A nena e os tres osos” convida ás crianzas a entrar nun universo onde o xogo e a fantasía transforman o cotián en aventura.

BEA CAMPOS leva media vida habitando escenarios, libros e historias. Actriz, narradora oral e comunicadora, é desas persoas capaces de converter unha palabra nun lugar ao que entrar e quedar un intre.

Licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, comezou moi nova no mundo da narración oral e, dende entón, levou os seus contos por milleiros de funcións e festivais, tamén ao outro lado do Atlántico, participando en encontros de artes escénicas en Latinoamérica.

Forma parte de compañías fundamentais da escena galega como Migallas Teatro e Inventi Teatro, ademais de colaborar como actriz noutras propostas escénicas e audiovisuais. Mais se hai algo que define o seu traballo é a capacidade de crear unha conexión inmediata co público, sexa nun teatro, nunha biblioteca, nun patio escolar ou diante dunha cámara.

Formadora no ámbito da expresión dramática, da narración oral e da literatura infantil, Bea leva anos sementando historias tamén nas novas xeracións. Actualmente presenta Kalandraka TV, un espazo desde o que achega o mundo dos libros e da literatura infantil a pequenos e maiores cunha naturalidade luminosa e contaxiosa.

No FESTIVAL ATLÁNTICA, BEA CAMPOS é sempre garantía de emoción, humor, ritmo e desa calor especial que teñen as grandes contadoras cando fan sentir ao público que cada historia foi contada só para el.

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger