luns, 29 de setembro de 2025

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO" PARA O ALUMNADO DE ESO.


Continuamos coas actividades incluídas no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" financiado polo Concello de Pazos de Borbén e o Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra, cuxos principais obxectivos son os de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio, sobre todo entre a poboación infantil, a mocidade e as persoas con diversidade funcional; animar á creación literaria e á lectura a través da realización de diversos obradoiros e da convocatoria dunha nova edición dun certame literario en lingua galega; ademais tamén se pretende promover e facilitar a plena integración na sociedade dos colectivos en risco de exclusión social e con diversidade funcional, a través do emprego da expresión artística e literaria en lingua galega.

Agora informamos do Obradoiro de Creación Literaria "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO” que será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán durante os próximos días 6 e 7 de Outubro.

Escribir é coma xogar. Primeiro precisas coñecer as normas, as pautas básicas de como se desenvolve a escrita, as técnicas, as estratexias, os elementos narrativos… Despois, toca pulir e practicar unha e outra vez ata conseguir que a nosa historia (o noso xogo) sexa o máis atractiva posible.

Nos obradoiros de narrativa detémonos a reflexionar sobre o punto de vista desde o que contar a historia (o narrador), sobre como construír personaxes sólidas, cribles e coas que sentirnos identificadas, detémonos nos espazos onde transcorre a acción e xogamos cos tempos coma se tiveramos as horas e os días nas nosas mans. Todo isto, tecido nunha trama, onde cada xiro nos leva a un final distinto.

Os fíos da historia. Como construír un relato é un obradoiro de escrita creativa adaptado a cada curso ao que vai dirixido. Nel, a partir das bases do Certame de Relato Curto Pazos de Borbén, abordaremos a construción dunha historia na que serán fundamentais os intereses de cada participante, tanto para facilitar a escrita, como para lograr un texto co que se sintan identificados e orgullosos.

A partir das ideas que vaian xurdindo estruturaremos a narración para facela interesante, atractiva e dinámica. Veremos como mudan as historias en función das personaxes e voces narradoras escollidas. Tiraremos do fío para que o relato flúa de xeito natural, usando cada elemento narrativo ao favor da historia.

Para rematar cada sesión, leremos os relatos escritos ou os fragmentos desenvoltos para, dun xeito construtivo, analizar entre toda a aula o texto. Unha visión allea ao texto sempre axuda a mellorar as creacións e enriquecer o proceso. Cómpre salientar, que durante o obradoiro a rapazada ten o “comodín do público” co que poden pedir axuda a compañeiros e compañeiras. Malia que o proceso sexa individual, contar co apoio da aula, sempre é un bo xeito de evitar bloqueos creativos e ter varias opcións que axuden a avanzar e facer o proxecto o máis interesante e próximo para quen le.

O obradoiro impartirase para a rapazada de 1º a 4º da ESO e nel cada persoa escribirá un relato, no que se mesturarán as temáticas do Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén, coas ferramentas máis básicas da creación narrativa e aquelas que lles permitan arriscar nas voces narradoras ou nos xiros das historias.

1º ESO: A través dun xogo, a rapazada aprenderá que é un narrador, como se constrúen as personaxes, como inflúe o espazo na historia que contamos, como o tempo determina a acción. Todo isto ordenarase nunha trama lineal na que a narración resultante será divertida, distendida e extravagante.

2º ESO: Despois da base creada o curso anterior, descubrirán como usar as ferramentas narrativas para levar ao seu terreo as bases do concurso municipal. Isto permitirá descubrir unha variedade máis ampla dentro dos elementos narrativos.

3º ESO: A partir da tradición oral propia do concello e da comarca, a rapazada aprenderá a adaptar as historias acontecidas no pasado, ao presente. Deste xeito, recupérase, revísase e actualízase a aprendizaxe e a memoria colectiva cunha ollada do presente.

4º ESO: Neste curso profundaremos en como podemos xogar coas estruturas (inversa e circular principalmente, aínda que tamén in media res) e variar principios e finais, para poder experimentar cos xiros e descubrir outras formas de contar.na de setembro ou outubro.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura. 

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger