mércores, 22 de xaneiro de 2025

"COMPOSILÓVA" UNHA MASTERCLASS DO COMPOSITOR JUAN DURÁN PARA O ALUMNADO DE PRIMARIA DO CPI "CURROS ENRÍQUEZ"


Desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén seguimos organizando e coordinando actividades de animación á lectura e educativo-culturais dirixidas ao alumnado do municipio.

Nesta ocasión o próximo Mércores día 29 de Xaneiro visitará Pazos de Borbén o compositor JUAN DURAN ALONSO, gañador entre outros moitos premios do "Premio Reina Sofía" de Composición no ano 2018; é tamén Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes e Académico Correspondente da Academia da Música Valenciana.

JUAN DURAN ALONSO achégase a Pazos de Borbén para ofrecer "COMPOSILÓVA" ao alumnado de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, unha pequena masterclass de contacto co mundo da composición musical onde se tratarán aspectos da armonía, melodía e adecuación destos aos diferentes textos musicais, sempre dende unha perspectiva didáctica e contextualizado dentro dun proxecto máis amplo que é o proxecto LÓVA.

O CPI "Curros Enríquez" de Pazos participou na convocatoria de selección realizada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para centros sostidos con fondos públicos que desexaran participar no programa LÓVA para o curso 2024/2025 e foi un dos centros elixidos para desenrolar este programa nas súas aulas. O proxecto levarase a cabo co alumnado de 6º de Primaria e o nome elixido foi o de "Helicopter, compañía de ópera".


LÓVA (La ópera, un vehículo de aprendizaxe) é un proxecto do Teatro Real que conta con máis de dezaséis anos de experiencia e coa participación de 18.000 alumnos/as procedentes de centros de educación primaria, secundaria, educación especial e doutros colectivos sociais. Esta iniciativa utilizar a creación e produción dunha ópera como ferramenta pedagóxica para o desenrolo integral do alumnado e propón que o alumnado experimente a experiencia de ser membro dunha compañía de ópera que traballará ao longo de todo o curso escolar 2024/2025 co obxectivo de representar finalmente a súa propia produción operística.


Neste proxecto educativo LÓVA (A Ópera, un Vehículo de Aprendizaxe) o titor converte a súa aula nunha compañía de ópera. A clase dedica un curso completo a formar a compañía, na que o alumnado organizase por equipos profesionais: dramaturxia, caracterización, vestiario, interpretación, relacións públicas, produción, iluminación, regiduría, escenografía, coreografía e música, para desta forma crear e estrear a súa propia ópera.

Entre outras competencias, LÓVA desenvolve o sentido da responsabilidade e a capacidade de colaboración, xa que, cada un dos participantes acaba comprendendo que do seu traballo depende o doutros e a consecución do resultado final. Doutra banda, como actividade artística, tamén estimula a imaxinación e fai que os escolares se dean conta da potencial da arte como vehículo de expresión dos seus sentimentos e inquietudes.

En resumo, a través deste proxecto lógrase que os participantes aprendan doutra maneira para pensar, sentir e vivir.

A actividade terá lugar o próximo Mércores 29 de Xaneiro de 2025 a partir das 13:00 horas nas instalacións do centro educativo e na mesma participará todo o alumnado de 6º de Primaria.

Dende a Biblioteca Pública Municipal queremos dar as grazas a JUAN DURÁN ALONSO polas facilidades que nos ofreceu desde o primeiro momento que contactamos co mesmo para coordinar esta actividade e poder levala a cabo, ademáis de agradecerlle a súa visita a Pazos de Borbén.

JUAN DURÁN ALONSO ten escrito música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. A súa producción compositiva está depositada no Arquivo de Galicia e foi editada en Viso, Real Musical, Dos acordes, Dinsic, Editorial Rivera, etc. Tamén existen rexistros da súa música en distintos CDs e DVDs. Entre 1987 e 1997 exerceu como profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Foi socio fundador da Asociación Galega de Compositores en 1987, da que chegou a ser Presidente, e entre 2010 e 2018 foi membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En 2019 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes, e en 2020 Académico Correspondente da Academia da Música Valenciana.

Inspector de Educación, dende o ano 2006, na especialidade de ensinanzas artísticas, ten desempeñado distintos postos na Consellería de Educación da Xunta de Galicia: Xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial, e Subdirector Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial. Dende ese posto ten coordinado a posta en marcha dos graos elemental, medio e superior nos conservatorios de Galicia, así como a publicación de distintas obras encamiñadas a dar a coñecer a compositores galegos, históricos e actuais, como por exemplo o CD Perspectivas, que recolle 17 obras inéditas de compositores galegos actuais ou o CD Presenzas e ausencias, onde se rexistraron, baixo a batuta de Maximino Zumalave, obras inéditas de distintos compositores galegos. Pero de todas estas iniciativas resulta especialmente destacable o traballo que deseñou e coordinou de 2009 a 2014, destinado a proveer aos conservatorios galegos de obras escritas por compositores actuais para as distintas especialidades instrumentais. Deste xeito naceu en 2014 a publicación Recursos musicais para conservatorios, un volume que recolle máis dun centenar de obras escritas por membros da Asociación Galega de Compositores.

Laureado co Premio de Composición da Universidade Carlos III de Madrid con Álbum para Orquesta (2000); Primeiro Premio de Composición da Federación Galega de Bandas con O soño de Breogán (2008); Premio da Crítica en 2009 pola súa ópera O arame; Premio de Composición do Festival Internacional de Música Española de León con 4 elementos (2011); Finalista do IV Premio Internacional de Música Sacra con Noso Pai (2011); Premio da Cultura Galega en 2013; Primeiro Premio de Composición no XVI Concurso de Composición de Música de Cámara Salvador Seguí en Valencia con Quinteto de Viento (2014); Segundo Premio no Concurso Internacional de Composición Coral FIOP (2017) con Benedictus; e Premio Reina Sofía de Composición (2018) con Whispers in the dark.


Para máis información sobre a biografía do compositor fai CLIC no seguinte enlace: Juan Durán- Compositor - Biografía oficial

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.




martes, 21 de xaneiro de 2025

INICIAMOS AS ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO ANO 2025 COA PRESENTACIÓN DAS NOVELAS DO AUTOR "SAMUEL FERRO"

Iniciamos as actividades de animación á lectura da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos neste mes de Xaneiro cunha nova proposta dirixida ao alumnado de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Esta actividade terá lugar o próximo Luns día 27 de Xaneiro a partir das 16:00 horas nas instalacións do centro educativo e trátase da visita do escritor novel SAMUEL FERRO que virá a presentar as súas obras ao alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, nunha actividade organizada conxuntamente entre a Biblioteca Pública Municipal, o profesorado de Historia do centro educativo e o autor.


Na presentación dos seus libros "Tierra de Leyenda I: El legado de Breogán", "Tierra de Leyenda II: Más allá del fin del mundo", e "La queimada de las ánimas", o autor falará sobre á época histórica na que ocorren os feitos narrados nos libros, curiosidades, ubicacións, escritura, xogos e moitas cousas máis que irá desvelando ao longo da súa presentación. Samuel Ferro Iniciará a exposición cunha pequena sinopse dos seus libros para continuar explicando os seguintes puntos:

1- Quen son?
2- Contexto histórico ("Tierra de Leyenda")
a. Como é a idade media?
b. Historia de Castela (1351)
c. Estamentos sociais
d. Tipo de tropas
e. Reino de Galicia
3- Curiosidades medievais
a. Expresións medievais, como enviar mensaxes, etc.
4- Xogo: É medieval?
a. Poñeranse imaxes e terán que dicir se é ou non medieval
5- Legado de Breogán
a. Quen é Breogán?
b. Localizacións das novelas
6- Escritor
a. Pódese ser escritor?
b. Que facer para ser escritor?
c. Que pasos dar para ser escritor?
d. Tips de escritor
7- "La queimada de las ánimas"
a. Tipos de meigas, etc.)
8- Futuras novelas

Ao finalizar a súa presentación haberá tempo para que o alumnado asistente poida facer preguntas para satisfacer aquelas curiosidades que puideran ter sobre o exposto e acontecido na charla.

Samuel Ferro (Vigo, 1987) é escritor e enxeñeiro industrial. Polifacético onde os haxa, dedica o seu tempo ás súas grandes paixóns: as artes marciais, a natureza, o cinema e a lectura, das cales naceu a súa gran paixón, contar historias. Tras facer os guións de diversos curtos, lanzouse co seu maior proxecto: a triloxía "Tierra de Leyenda". Unha obra arriscada, cun estilo fresco e próximo, onde o lector engancharase desde o primeiro capítulo. No ano 2024 publicou a súa última novela "La queimada de las ánimas" e na próxima primaveira prevé o lanzamento de "Tierra de Leyenda III: Camino al purgatorio".

Mais información sobre o autor no enlace: https://samuelferro.blogspot.com/

Desde a Biblioteca queremos dar as grazas a SAMUEL FERRO polas facilidades que nos deu para poder coordinar esta actividade e visitarnos en Pazos de Borbén para presentar as súas novelas.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger