A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes; e constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.
A actividade consiste nunha conferencia que terá lugar o día 19 de decembro ás 12:30 horas no Auditorio do Concello e que será impartida polo filólogo Vicente Feijoo Ares, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Nela falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...). Ademais, nos concellos que teñen sen recoller a súa micro toponimia –é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...-; como é o caso do noso concello, mostrarase unha APP que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.
A charla irá dirixida a membros da Corporación municipal e técnicos de administración local; Asociacións veciñais e culturais; Comunidades de montes; Escolares; e veciños e veciñas que lles interese; e xa está confirmada a asistencia a esta conferencia dos alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.
Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:
Achegar aos cidadáns do concello unha información moi valiosa sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que os veciños e veciñas deben coñecer.
Fornecer aos técnicos municipais das ferramentas necesarias para que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer as singularidades de cada concello.
Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.
Por cuestións de aforo para asistir a este evento é necesaria a inscrición previa chamando ao teléfono da biblioteca nº 986 497 273.
ANIMÁMOSVOS A ACUDIR ÁS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR BIBLIOPAZOS!!!
ESPERÁMOSVOS!!!