Amosando publicacións coa etiqueta Actividaes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividaes. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de febreiro de 2021

BUSCANDO A ROSALÍA

 

Comezamos as actividades da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén (BiblioPazos) conmemorando o 184 aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO que se celebra o día 24 de febreiro; cun espectáculo de narración oral con monicreques para nenas e nenos titulado "BUSCANDO A ROSALÍA" que levará a cabo a actriz e contacontos RAQUEL QUEIZÁS o Mércores día 24 de febreiro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello

"A detective Queliña atopa unha vella maleta, dentro hai follas escritas con versos, uns zapatos pequenos, un pano branco... Investigando e xogando descubre quen é a dona da maleta, Rosalía de Castro, a nosa gran poeta. 

Que bela e caprichosa é a alegría (Rosalía de Castro). 

Búscase nena, moi imaxinativa, á que lle encanta facer teatro e xogar coa poesía na nosa lingua. Será unha gran escritora de maior que escribirá con pluma e corazón." 

Están convidados a esta actividade as alumnas e alumnos de 3º e 4º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os seus mestres.

VINDE A PARTICIPAR NAS ACTIVIDADES DE BIBLIOPAZOS

ESPERÁMOSVOS!!!

luns, 9 de decembro de 2019

“TOPONIMÍZATE. FALÁMOSCHE DOS NOMES DA TÚA TERRA"


E remataremos os eventos do ano 2019 cunha actividade para os concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que toma como base a toponimia de Galicia.

A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes; e constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.

Para elo o Concello de Pazos de Borbén acollerá o próximo mes de decembro unha actividade de promoción e dinamización da lingua e cultura galegas denominada “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” que se enmarca nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia e coordinados desde a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A actividade consiste nunha conferencia que terá lugar o día 19 de decembro ás 12:30 horas no Auditorio do Concello e que será impartida polo filólogo Vicente Feijoo Ares, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

Nela falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...). Ademais, nos concellos que teñen sen recoller a súa micro toponimia –é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...-; como é o caso do noso concello, mostrarase unha APP que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.

A charla irá dirixida a membros da Corporación municipal técnicos de administración localAsociacións veciñais e culturaisComunidades de montesEscolares; e veciños e veciñas que lles interese; e xa está confirmada a asistencia a esta conferencia dos alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:

Achegar aos cidadáns do concello unha información moi valiosa sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que os veciños e veciñas deben coñecer.

Fornecer aos técnicos municipais das ferramentas necesarias para que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.

Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.

Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer as singularidades de cada concello.

Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.

Por cuestións de aforo para asistir a este evento é necesaria a inscrición previa chamando ao teléfono da biblioteca nº 986 497 273.

ANIMÁMOSVOS A ACUDIR ÁS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR BIBLIOPAZOS!!!

ESPERÁMOSVOS!!!


BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger