Nesta ocasión visitaranos o colleitador e contador de contos e historias de vida de tradición oral e poeta galego CELSO F. SANMARTIN co seu espectáculo de narración oral para público adulto “CONTAR”, o próximo Venres 10 de Xullo a partir das 21:00 horas no Auditorio do Concello.
Ademais nesta actuación CELSO F. SANMARTIN daralle á alternativa a FERNANDO PALITOS que forma parte xunto con outros participantes do CICLO NOVAS VOCES que o Festival ATLÁNTICA quere consolidar este ano e que supón unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas de traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais como AHOZ AHO de Guipúzcoa, o Festival de Zamora e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A presenza destes participantes no ciclo reforza a vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.
"CONTAR”
Di Celso que Contar é un oficio que todos temos.
“Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos.
Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir, …
Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.
O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera...
Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo, nen o corazón de pedra.”
Convidamos a toda a veciñanza a achegarse ao Auditorio do Concello para participar neste evento.
CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN (Galicia)
É unha desas persoas que parecen
feitas da mesma materia que os contos. Nado en Lalín en 1969, no barrio da
Cacharela, leva décadas convertendo a memoria, a fala popular e as pequenas
historias da vida nunha forma única de arte oral.
Licenciado en Filosofía pola
Universidade de Santiago de Compostela, poeta, contador e impulsor de
iniciativas culturais como FoCuCu (Foro
de Cultivos Culturais), Celso é hoxe unha das voces imprescindibles da
narración oral galega contemporánea.
O seu universo nace das conversas
escoitadas ás persoas maiores, das aldeas, das cociñas, dos velorios, das
feiras e dos silencios cheos de sentido. Recolle historias coma quen recolle
sementes e logo fainas medrar diante do público cun estilo absolutamente persoal:
delicado, divertido, profundamente humano e atravesado por unha musicalidade
que converte cada palabra nun acontecemento.
Nos seus espectáculos conviven a
retranca, a poesía, a memoria e unha maneira de mirar o mundo chea de tenrura e
intelixencia. Celso non conta só historias: crea un lugar ao que entrar. Un
espazo íntimo onde a oralidade recupera toda a súa forza e onde cada persoa
sente que alguén lle está falando directamente ao corazón.
Autor de libros como A cama
de meu avó Manuel, A cousa eterna, Poesía hexágono,
entre outros, a súa escrita comparte coa súa oralidade esa capacidade rara de
atopar beleza no aparentemente pequeno e o extraordinario no cotián.
No Festival Atlántica, escoitar a Celso Fernández Sanmartín é volver por un intre ao lugar onde nacen os contos.
![]() |
| Un ano máis formamos parte de Atlántica |
Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA
EDUCACIÓN E A CULTURA




