xoves, 9 de xullo de 2026

CAMBIO DE HORA: ADIÁNTASE O HORARIO DA ACTUACIÓN DE CELSO F. SANMARTIN e FERNANDO PALITOS - FESTIVAL ATLÁNTICA 2026 ÁS 19.30 HORAS NO AUDITORIO DO CONCELLO

Ola seguidoras/es e usuarias/os da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos.

COMUNICÁMOS
o CAMBIO DE HORA
deste evento.
ADIÁNTASE ÁS 19:30 HORAS en vez de ás 21:00 horas como estaba previsto.


Continuamos con outra actividade neste mes de xullo coa que finalizamos a participación do Concello de Pazos de Borbén no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" Festival Atlántica, por oitavo ano consecutivo, neste importantísimo festival tanto a nivel autonómico como nacional, que no 2026 celebra a súa XIV edición.

Nesta ocasión visitaranos o colleitador e contador de contos e historias de vida de tradición oral e poeta galego CELSO F. SANMARTIN co seu espectáculo de narración oral para público adulto “CONTAR”, o próximo Venres 10 de Xullo a partir das 19:30 horas no Auditorio do Concello.
Ademais nesta actuación CELSO F. SANMARTIN daralle á alternativa a Fernando Palitos que forma parte xunto con outros participantes do CICLO NOVAS VOCES que o Festival Atlántica quere consolidar este ano e que supón unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas de traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais como AHOZ AHO de Guipúzcoa, o Festival de Zamora e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A presenza destes participantes no ciclo reforza a vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.

"CONTAR”: Di Celso que Contar é un oficio que todos temos.
“Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos.
Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir, …
Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.
O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera...
Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo, nen o corazón de pedra.”
Convidamos a toda a veciñanza a achegarse ao Auditorio do Concello para participar neste evento.
Tedes mais información sobre esta actividade e os artistas parcipantes facendo clic no seguinte enlace:

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger