venres, 29 de setembro de 2023

Obradoiro de Creación Literaria "RELATO-EXPRÉS. A PERSONAXE DA AULA" con ANDREA BARREIRA FREIJE

Continuamos informando das actividades do Programa de Animación á Lectura e Dinamización do uso da Lingua Galega organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos”.

Presentamos outro Obradoiro de Creación Literaria para o alumnado da ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos denominado "RELATO EXPRÉS-A PERSONAXE DA AULA" será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.


Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán nas seguintes datas e horarios:

Xoves, 5 de outubro
10:20 a 11:50 - 1º ESO
12:20 a 13:50 - 4º ESO

Venres, 6 de outubro
10:20 a 11:50 - 2º ESO
12:20 a 13:50 - 3º ESO
No curso escolar 2022-2023 aprendemos que para escribir un relato non só precisamos imaxinación e prestar atención ao que nos rodea, senón que tamén necesitamos coñecer o manexo dunhas ferramentas básicas: Quen conta a historia? O Narrador; Quenes marcan a accion? As personaxes; Onde e cando acontece todo? Espazo e tempo; Como estruturamos o relato? Tempo e trama...

“Relato-exprés” é un obradoiro de escrita que funciona como unha receita. A través de varios pasos, que van desde a inspiración á lectura, pasando pola escrita, descubriremos tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos para poder conxugalo todo e así contar unha historia.

Pero hai máis... Moito máis detrás deses elementos. Unha vez que coñecemos os ingredientes elementais, chega o momento de descubrir distintas variantes, fórmulas, estratexias... Cantos personaxes hai? É o mesmo o protagonista que o secundario? Que é a personaxe confidente? E que pasa se comezamos polo final? E se todo se repite unha e outra? Podo contar eu a historia? Ou ten que ser alguén de fóra? E se a conto eu e outro?

Durante o curso 2023-2024 profundaremos na escrita da narrativa descubrindo novos narradores, personaxes, estruturas...

En “Relato-exprés” o inicio e o final é en equipo, pois sempre resulta interesante formular ideas diversas e escoitar o traballo do resto da aula desde unha perspectiva construtiva, buscando o mellor resultado. O proceso creativo será individual, para que cadaquén poida contar a historia que máis lle interese.

Público: Rapazada de 1º a 4º da ESO. Cada persoa escribirá un relato xogando con narradores e estruturas máis complexas das aprendidas ata o momento, o que lles permitirá experimentar coa narración.

1º ESO: Este curso ao ser o primeiro ano que recibe o obradoiro, descubrirá os elementos básicos para a construción dun relato: que é narrador, as personaxes, o espazo, o tempo e a trama máis básica.

2º, 3º e 4º ESO: Nestes cursos profundaremos nos distintos tipos de narradores, en como se relacionan as diversas personaxes e como podemos manexar o tempo do relato para variar a súa estrutura.
Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta co patrocinio do Departamento de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger