E para este mes de medo, meigas, vampiros..., lecturas terroríficas para os cativos da casa

E para este mes de medo, meigas, vampiros..., lecturas terroríficas para os cativos da casa

NOVEDADES DE LECTURA PARA LOS PEQUES

NOVEDADES DE LECTURA PARA LOS PEQUES

NOVEDADES DE LECTURA PARA ADULTOS

NOVEDADES DE LECTURA PARA ADULTOS

martes, 30 de novembro de 2021

Presentamos "ASTROLABIOS", un espectáculo cósmico de narración oral, con CARMEN CONDE de "TARABELA CREATIVA"


Estamos xa rematando o ano 2021 e queremos facelo como sabemos, organizando actividades de promoción, difusión e dinamización da lingua galega e seguir animando á lectura aos escolares do concello a través de contos e historias en galego para que estas actividades se convertan nun hábito entre os veciños do municipio, e en especial na poboación infantil e xuvenil.

Nesta ocasión presentamos "ASTROLABIOS", un espectáculo cósmico de narración oral para toda a familia a cargo da filóloga, dramaturga, guionista, escritora e contadora CARMEN CONDE de TARABELA CREATIVA que terá lugar o próximo 

Venres 10 de decembro
ás 13:00 horas
no
Auditorio do Concello de Pazos de Borbén

“Astrolabio” é unha palabra que vén do grego e que significa “buscador de estrelas”. É un aparello que se inventou no século II a. C. Porque a curiosidade polo firmamento comezou na Humanidade nin se sabe cando!

Nesta sesión de contos imos facer un percorrido para coñecer as estrelas dende as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra.

Grazas a elas saberemos onde queda o norte, tamén o Ecuador, cal é a estrela máis brillante do ceo, aprenderemos sobre algún planeta, veremos o lado feminino do universo a través de antigas deusas. Entenderemos as fases da lúa, como se forman os eclipses, e que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas.

Para contar estas historias, atravesaremos o deserto de Namibia, os pobos maia e azteca, viaxaremos ata os aborixes australianos, ata os indios americanos, pasaremos por Arabia, polo antigo Exipto, polos nosos celtas, cruzaremos a China ata a tribo dos Batammalibas, en África. É dicir, daremos a volta ao mundo para coñecer parte do ceo!

Unha hora de duración que terá nos asistentes ao espectáculo un efecto cósmico.

Nesta ocasión están convidados a este evento os escolares de 3º e 4º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Para asistir a esta actividade é obrigatoria a inscrición previa na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

Máis información sobre a programación da Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273 no noso horario habitual de apertura ou enviando un correo electrónico á dirección biblioteca@pazosdeborben.org.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger