luns, 13 de decembro de 2021

ENTREGA DE PREMIOS DO "III CERTAME DE RELATO CURTO" DE PAZOS DE BORBÉN

Este Certame foi convocado, na súa 3ª edición, no mes de setembro pasado ao pouco de iniciarse o Curso escolar 2021/2022; e xunto coa convocatoria para reforzar e animar a escribir na nosa lingua ao alumnado, organizáronse tamén varios Obradoiros de Narrativa Breve para os alumnos de 5º e 6º de Primaria e os de 1º e 2º de ESO que foron impartidos pola filóloga, docente, escritora, guionista, dramaturga, narradora oral e humorista Carmen Conde Gaute de Tarabela Creativa SC.

O prazo para presentar os relatos rematou o día 15 de novembro e, nesta edición, participaron 67 alumnos e alumnas de Primaria e de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos que presentaron un número igual de relatos nas distintas categorías:

  • Categoría A - 1º e 2º de Primaria    11 relatos.
  • Categoría B - 3º e 4º de Primaria    18 relatos.
  • Categoría C - 5º e 6º de Primaria    33 relatos.
  • Categoría D - 1º e 2º de ESO             5 relatos.
  • Categoría E - 3º e 4º de ESO             0 relatos.

Os obxectivos desta edición, como nas anteriores, é a de seguir fomentando a creatividade entre o alumnado do municipio, potenciar a expresión e a comprensión escrita, estimular o uso da lingua galega entre os escolares, fomentar a escrita na nosa lingua entre os mais mozos -particularmente no ámbito da narrativa/relato breve-, e facilitarlles unha motivación para facelo como é a de participar nun certame literario.

O Xurado -presidido pola Concelleira Mª Dolores Santoro Couñago, no que actuou como secretario José Manuel Soto Virulegio, funcionario encargado da Biblioteca municipal; e no que formaron parte como vocais os mestres do CPI "Curros Enríquez" de Pazos Uxía Porritt Lueiro e Manuel González Pastoriza; a filóloga, docente, artista e narradora oral Ana Mª Vázquez Facchini; e a filóloga, docente, escritora, guionista, dramaturga, narradora oral e humorista Carmen Conde Gaute- reuníuse o xoves 2 de decembro para decidir os premiados e premiadas desta 3ª edición e coincidiu en valorar o excelente nivel en xeral dos relatos presentados, así como a meritoria e destacable labor que desenrolaron os pais, nais, titores e o profesorado dos alumnos participantes para documentar, dirixir e canalizar debidamente os seus relatos.

Os relatos galardoados daránse a coñecer no Acto de Entrega de Premios do III CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén que se celebrará o próximo venres día 17 de decembro a partir das 11:30 horas no Auditorio do Concello, no que están convidados todos os participantes e os seus mestres e mestras.

Esta actividade forma parte do programa de Obradoiros e Certame de creación literaria incluído no proxecto de actividades de dinamización da lingua galega do ano 2021 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra.

Os relatos premiados serán próximamente publicados no Blog e Redes Sociais da Biblioteca e do Concello, tal e como se indica no apartado 6 das bases do certame.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger