Amosando publicacións coa etiqueta Activiades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Activiades. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de xaneiro de 2024

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS DO "V CERTAME DE RELATO CURTO" DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN - (1) CATEGORÍA A: PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

O pasado martes 19 de decembro de 2023 tivo lugar no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén entre as 12:00 e as 13:30 horas a gala de entrega de premios do V CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén no que participaron 149 persoas, entre escolares do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e usuarios da Asociación ASPAVI.

Presidiu o acto o Sr. Alcalde-Presidente do Concello D. Xosé Luciano Otero Camiña e estiveron presentes a concelleira Dª Mª Victoria Couñago Corujeira; o concelleiro D. Ivan Martínez Ventín; a Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez; e os membros do xurado Dª Uxía Porritt Lueiro; D. Manuel González Pastoriza, Dª Andrea Barreira Freije, D. Miguel Anxo Alonso Diz, Dª Mª Isabel Lorenzo Castro e D. José Manuel Soto Virulegio.

A mestra do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e membro do xurado Dª Uxía Porritt Lueiro durante a súa intervención
O acto iniciouse coa intervención da mestra do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e membro do xurado Dª Uxía Porrit Lueiro quen felicitou a todos os presentados pola calidade dos traballos indicando que tanto ela como ao resto dos membros do xurado nos fixeron viaxar a mundos incribles vivindo unhas historias magníficas e animou a seguir participando e a que se presentan moitos máis en vindeiras ocasións; tamén quixo agradecer a José Manuel o magnífico traballo que leva facendo desde que está xestionando a biblioteca, pola súa dedicación, a súa implicación e, sobre todo, porque sempre ten presente ao alumnado do colexio para todas as súas actividades e, en nome do colexio, entregoulle un pequeno agasallo consistente nun libro de sinaturas para as visitas de personalidades á biblioteca.

Intervención da escritora e membro do xurado Dª Andrea Barreira Freije
Posteriormente tomou a palabra a escritora e tamén membro do xurado Dª Andrea Barreira Freije –recente gañadora do o VII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia coa súa obra titulada “QUEN PRECISA UNHA AVOA” que presentou baixo o pseudónimo “#EUNONTEÑOAVOAS”- que se sumou ás palabras de Uxía Porritt e comentou tamén que estaba moi orgullosa de todo o alumnado que se presentou porque fixeron un excelente traballo; os sigue animando a seguir traballando así e a implicarse na lectura e na literatura; por último agradece a acollida que lle fan tanto na biblioteca como no colexio cada vez que ven a Pazos de Borbén.

A Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez intervindo no acto.
De seguido tomou a palabra a Deputada Provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez quen comentou que se sentía moi honrada e contenta de estar presente na gala acompañando a todos, agradecendo que convidaran á institución que representa e, despois de saudar ao Alcalde, aos concelleiros e resto dos presentes no auditorio, manifesta que é unha marabilla que haxa tantos escritores e escritoras en Pazos de Borbén, tanta participación e que a Deputación sempre seguirá apoiando activamente este tipo de iniciativas para mellorar a difusión do noso idioma e para promover o seu uso entre a poboación, sobre todo entre os mais mozos. Por último animou aos presentes a que non deixen de escribir e a que se sigan presentando en vindeiras edicións.

Intervención do Sr. Alcalde de Pazos de Borbén D. Xosé Luciano Otero Camiña
Finalizando as intervencións o Sr. Alcalde e Presidente do xurado D. Xosé Luciano Otero Camiña, dirixiuse ao público agradecéndolles a súa presenza e comentando que é un pracer estar nesta entrega de premios da 5ª edición do Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén organizado polo Concello e levado a cabo por José Manuel da biblioteca e quen hai que agradecerlle o seu traballo.

Comenta tamén que é un certame que pretende acadar varios obxectivos; o primeiro deles é que os participantes se divirtan escribindo e o xurado lendo os magníficos relatos que presentan; ademais de fomentar a creatividade, a creación literaria, e sobre todo facer un uso normal e promocionar a nosa lingua.

Agradeceu a todos a súa asistencia, en particular á Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez representante neste acto da Deputación Provincial da que esperamos seguir contando coa súa colaboración porque é imprescindible para que se poida facer este certame tan bonito.

Agradeceu unha vez máis a José manuel o seu enorme traballo e o mesmo aos membros do xurado.

Comentou tamén que nesta 5ª edición conseguiuse un novo éxito xa que, nesta ocasión, tivemos un total de 149 traballos presentados nas sete categorías cun moi bo nivel que considera que se acadou, grazas á colaboración dos monitores, pais, nais, profesorado e titores que acompañaron a todos os participantes nesta fermosa viaxe creativa.

O Secretario do xurado D. José Manuel Soto Virulegio iniciando a lectura para a entrega de premios
Unha vez finalizadas as intervencións, polo secretario do xurado procedeuse á lectura da relación dos galardoados neste V Certame e á entrega dos premios:

CATEGORÍA A: PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

Gañadores e presentados da Categoría A
O Primeiro premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título “A RECONCILIACIÓN DE EZEQUIEL” e o pseudónimo de “PETROV”, presentado por DAVID BLANCO PUMAR, pertencente á Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

David Blanco Pumar recollendo o premio que lle entrega a Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez

Segundo premio ao traballo presentado baixo o título “O SEGREDO DA BOTELLA” e o pseudónimo de “PARDO" presentado por JOSÉ MANUEL BOULLOSA GARCÍA, pertencente á Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

José Manuel Boullosa García recollendo o premio que lle entrega a Directora da Asociación ASPAVI e membro do xurado Dª Mª Isabel Lorenzo Castro

Nesta categoría o xurado considerou premiar con accésit ao traballo seguinte:

Traballo presentado baixo o título “EN BUSCA DO POZO” e o pseudónimo de “RAMOS” presentado por FRANCISCO MARTÍN MUÑOZ, pertencente a Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

Francisco Martín Muñox "Curro" recollen o premio entregado pola Concelleira Dª Mª Victoria Couñago Corujeira

Unha vez entregados estes premios chamouse un por un ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles a cada un deles un Diploma acreditativo da súa participación no certame e un libro de agasallo. (As imaxes dos participantes non premiados poderanse ver no Facebook da Biblioteca unha vez que se comparta esta noticia do blog).

E, por último, enntregouse tamén un lotes de libros para o centro ao que pertencen as persoas presentadas.

Mª Isabel Lorenzo Castro, Directora da Asociación ASPAVI recolle o lote de libros para o centro que lle entrega Dª Uxía Porritt Lueiro.

NOTA: Seguiremos publicando os datos e imaxes da entrega de premios dos gañadores e participantes do resto das categorías en novas noticias que sairán publicadas nos próximos días.

Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio  o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

sábado, 31 de decembro de 2022

ENTREGA DE PREMIOS DO "IV CERTAME DE RELATO CURTO" DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN

O pasado venres 16 de decembro tivo lugar no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén entre as 12:00 e as 13:30 horas a entrega de premios do IV CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén no que participaron 58 escolares do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Presidiu o acto o Sr. Alcalde-Presidente do Concello D. Andrés Iglesias Rodríguez e estiveron presentes a Concelleira Mª Dolores Santoro Couñago que actuaba tamén como Presidenta do Xurado, e o resto dos membros do mesmo Uxía Porritt Lueiro; Manuel González Pastoriza, Andrea Barreira Freije, Miguel Anxo Alonso Diz e José Manuel Soto Virulegio.

O acto iniciouse coa intervención do Sr. Alcalde e da Concelleira delegada e Presidenta do Xurado dirixíndose ao público reunido no auditorio agradecendo, en primeiro lugar, á Deputación Provincial de Pontevedra a súa axuda económica para levar adiante esta 4ª edición do Certame de Relatos e os obradoiros de creación literaria; e aos membros do xurado pola súa desinteresada colaboración na organización e desenrolo deste certame, polo seu excelente e difícil traballo na valoración dos relatos presentados; por estar hoxe en Pazos de Borbén neste acto de entrega de premios e por apoiar iniciativas como esta.

Tamén comentaron que a presentación dun total de 58 traballos nas distintas categorías anima ao concello para realizar outra nova edición para o próximo ano.

Agradeceron ademais a Andrea Barreira Freije e Miguel Anxo Alonso Diz a súa labor polos resultados conseguidos despois de ter impartido meses atrás os obradoiros de creación literaria a todo o alumnado de primaria e de secundaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.


Unha vez finalizadas as intervencións do Sr. Alcalde e da Concelleira delegada, interveu a membro do xurado Uxía Porritt Lueiro para agradecer o esforzo realizado pola organización do certame, por convidalos a formar parte do xurado e tamén quixo destacar o esforzo do alumnado manifestando que o xurado, ademais da gramática e a ortografía, tivo tamén en conta á hora de valorar os traballos outros aspectos como a imaxinación; a construción coherente das historias; a capacidade de resolver conflitos e de construír mundos de colaboración; o manexo dos diálogos; a capacidade de identificarse co protagonista e de narrar de xeito natural a crueza da vida; a conciencia á hora de protexer a natureza e o medio ambiente; pola recuperación de historias e lendas locais; ademais de moitas máis que nos levaría moito tempo detallar.

Manifestou tamén que os membros do xurado coincidiron en valorar o bo nivel en xeral que presentaron os traballos, así como a meritoria e destacable labor que desenrolaron pais, nais, titores e profesores do alumnado participante, para documentar, dirixir e canalizar debidamente os seus relatos; aos que tamén lles deron as grazas por axudar aos escolares nesta ardua labor creativa.

Finalmente animou aos escolares a seguir participando en próximas edicións e noutros certames literarios, e a seguir lendo e escribindo moito; sobre todo en lingua galega; aproveitando a ocasión para estender as súas felicitacións a todos eles e, en especial, aos premiados.

Gañadores e participantes do IV Certame de Relato Curto cos membros do xurado e o Sr. Alcalde

Unha vez finalizadas as intervencións procedeuse á lectura da relación dos galardoados neste IV Certame e á entrega dos premios aos seleccionados polo xurado:

CATEGORÍA A: 1º E 2º DE PRIMARIA:

O Alcalde Andrés Iglesias entrega o 1º premio da Categoría A a Daniela Amoedo Cendón

O primeiro e único premio da categoría A correspondeu ao traballo presentado baixo o título “TODOS SOMOS IGUAIS” e o pseudónimo de “ELENA”, presentado por DANIELA AMOEDO CENDÓN, de 7 anos, estudante de 2º de primaria.

Nesta categoría non se presentaron máis relatos.

CATEGORÍA B: 3º E 4º DE PRIMARIA:

Gañadores e premiados das categorías A e B

Na categoría B o primeiro premio correspondeu ao traballo titulado “PAN DO PANADEIRO QUE PODE CURAR Á XENTE” baixo o pseudónimo de “PANADEIRO” presentado por XOÁN PINTOS MERINO, de 9 anos, estudante de 4º de primaria.

Xoán Pintos Merino recolle o premio de mans da Concelleira Mª Dolores Santoro Couñago

O segundo premio foi outorgado ao traballo presentado por ABEL FERREIRA MARTÍNEZ, de 8 anos, estudante de 3º de primaria, baixo o título “A LENDA DE SAN SATURNIÑO” e o pseudónimo de “SAL”.

Andrea Barreira Freije entrega o 2º premio da categoría B a Abel Ferreira Martínez

Ademais o xurado considerou premiar con accésits nesta categoría B aos traballos seguintes:

Traballo titulado “A FADIÑA IRIS” e o pseudónimo de “HADIÑA” presentado por NOA FRAGUEIRO DOMÍNGUEZ, de 8 anos, estudante de 3º de primaria.

Noa Fragueiro Domínguez recolle o premio entregado por Miguel Anxo Alonso Diz

Traballo titulado “A AVOA E O GRILO” e o pseudónimo de “CRISTIANO” presentado por ASIER DA SILVA JUAN, de 8 anos, estudante de 3º de primaria.

Asier Da Silva Juan recolle o premio entregado por Manuel González Pastoriza

Traballo titulado “NA NOITE MÁXICA DE SAN XOÁN” e o pseudónimo de “SONITO” presentado por MARTÍN BAO GARRIDO, de 8 anos, estudante de 3º de primaria.

Uxía Porritt Lueiro entrega o premio a Martín Bao Garrido

Traballo titulado “O COLEXIO ENCANTADO” e o pseudónimo de “SNOPPY” presentado por CLAUDIA RODRÍGUEZ IGLESIAS, de 9 anos, estudante de 4º de primaria.

Claudia Rodríguez Iglesias recibe o premio da man de Manuel González Pastoriza

Traballo titulado “A OVELLA MÁXICA” e o pseudónimo de “PILOTO DE AVIÓN” presentado por LEO COUÑAGO SOMOZA, de 9 anos, estudante de 4º de primaria.

Leo Couñago Somoza recolle o premio entregado por Miguel Anxo Alonso Diz

Traballo titulado “A NENA QUE QUERÍA SER BRUXA” e o pseudónimo de “NOA POLAR” presentado por NOA CERNADAS EIJO, de 9 anos, estudante de 4º de primaria.

Noa Cernadas Eijo recolle o seu premio de mans da Concelleira Mª Dolores Santoro Couñago

Unha vez entregados o primeiro e segundo premio e os accésits chamouse un por un ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles a cada un deles o Diploma acreditativo da súa participación neste certame e un libro de agasallo.

Ademáis entregouse tamén uns lotes de libros para as aulas de 3º e 4º de Primaria que foron recollidos polas respectivas mestras.

CATEGORÍA C: 5º E 6º DE PRIMARIA:

Gañadores e participantes da Categoría C co Sr. Alcalde e os membros do xurado

Continuamos coa entrega dos premiados na categoría C e o primeiro premio correspondeulle ao traballo titulado “LENDA DA GUERRA” e o pseudónimo de “MIÑA NENIÑA” presentado por CAYETANA ARÁN FIGUEIRA, de 11 anos, estudante de 6º de primaria.

Entregalle o premio a Cayetana Aran Figueira a membro do xurado Uxía Porritt Lueiro

O segundo premio foi para o traballo titulado “OLLO COA NOITE QUE” e o pseudónimo de “DINOSAURIO” presentado por ROI MÍGUEZ COMESAÑA, de 11 anos, estudante de 6º de primaria.

Roi Míguez Comesaña recolle o premio da man do Sr. Alcalde Andrés Iglesias Rodríguez

Nesta Categoría C o xurado considerou premiar con accésits aos traballos seguintes:

Ao titulado como “O MONTE TENXIÑAS” e o pseudónimo de “MATTRREX” presentado por MARTÍN DOMÍNGUEZ COSTAS, de 11 anos, estudante de 6º de primaria.

Martín Domínguez Costas recolle o seu premio entregado por Manuel González Pastoriza

Ao traballo titiulado “A HISTORIA CONTADA POLA MIÑA AVOA” e o pseudónimo de “KIMBERLY MI PATRONA” presentado por HUGO TORRES MÍGUEZ, de 11 anos, estudante de 6º de primaria.

Hugo Torres Míguez recibe o premio que lle entrega Uxía Porritt Lueiro

Ao traballo titiulado“NON IMPORTAN AS TÚAS CONDICIÓNS, NUNCA DEIXES DE PERSEGUIR OS TEUS SOÑOS” e o pseudónimo de “ALVARO DEL VALLE” presentado por ROI RIVAS RODRÍGUEZ, de 10 anos, estudante de 5º de primaria.

A Concelleira Mª Dolores Santoro Couñago entrega o premio a Roi Rivas Rodríguez

Ao traballo titulado “A HISTORIA DA CAMPÁ DA IGREXA DO MOSTEIRO” e o pseudónimo de “VIVA ER BETIS” presentado por DANIEL CERNADAS BESADÍO, de 11 anos, estudante de 6º de primaria.

Daniel Cernadas Besadío recolle o premio que lle entrega Miguel Anxo Alonso Diz

Ao traballo titulado “MIÑA BISAVOA DICÍA...” e o pseudónimo de “GERARD PIQUÉ” presentado por MELISA BOUZA MÍGUEZ, de 11 anos, estudante de 6º de primaria.

Melisa Bouza Míguez recolle o seu premio entregado por Andrea Barreira Freije

Ao final da lectura dos premiados desta categoría foise chamando ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles o Diploma acreditativo da súa participación neste certame e un libro de agasallo.

Entregouse tamén un lote de libros para a aula de 6º de Primaria.

CATEGORÍA D: 1º E 2º DE ESO:

De seguido tocoulle a quenda á entrega dos premios da Categoría D e o primeiro premio correspondeulle ao traballo titulado “ÁS VECES NON VAI TODO TAN BEN COMO SE CONTA” e o pseudónimo de “MEGAN MILLER” presentado por PAULA RIVAS RODRÍGUEZ, de 13 anos, estudante de 2º de ESO.

Paula Rivas Rodríguez recolle o premio entregado por Manuel González Pastoriza

O segundo premio correspondeulle ao traballo titulado “A NOVIDADE DE LUCA” e o pseudónimo de “ALBA” presentado por ALDARA BUJÁN COMESAÑA, de 13 anos, estudante de 2º de ESO.

Andrea Barreira Freije entrega o premio a Aldara Buján Comesaña

O xurado considerou premiar con accésit nesta Categoría D aos traballos seguintes:

Ao traballo titulado “HABITACIÓNS” e o pseudónimo de “IRLANDESA” presentado por IRIS GONZÁLEZ RODRÍGUEZ, de 12 anos, estudante de 1º de ESO.


Uxía Porritt Lueiro entrega o premio a Iris González Rodríguez

Ao traballo titulado “ATRAPADA NO LABORATORIO” e o pseudónimo de “ALEXNA” presentado por ANXELA DOMÍNGUEZ ÁLVAREZ, de 12 anos, estudante de 1º de ESO.

Ánxela Domínguez Álvarez recolle o premio que lle entrega Miguel Anxo Alonso Diz

Ao traballo titulado “DOBRE CARA” e o pseudónimo de “MADMAX 0204” presentado por CARLOTA PINTADO ALONSO, de 12 anos, estudante de 1º de ESO.

Carlota Pintado Alonso recolle o premio entregado pola Concelleira Mª Dolores Santoro Couñago

Como nas anteriores categorías finalizada a lectura dos premiados chamouse ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles o Diploma acreditativo da súa participación no certame e un libro de agasallo.

Entregouse tamén un lote de libros para a aula de 1º de ESO.




Gañadores e premiados Categorías D e E co Sr. Alcalde o membros do Xurado

CATEGORÍA E: 3º E 4º DE ESO:

E nesta Categoría E o xurado acordou declarar desertos os primeiro e segundos premios e premiar cun accésit ao seguinte traballo:

O titulado “AMIGOS OU INIMIGOS?” e o pseudónimo de “PAULETTE” presentado por PAULA BOUZÓN MARTÍNEZ, de 14 anos, estudante de 3º de ESO.

Manuel González Pastoriza entrega o premio a Paula Bouzón Martínez

E finalizada a lectura dos premiados nesta categoría chamouse un por un ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles o Diploma acreditativo da súa participación no certame e un libro de agasallo.

Comentar que todos os participantes non premiados recibiron un diploma acreditativo da súa participación neste certame e un libro de agasallo.

Aos premiados con accésits se lles entregou un diploma acreditativo e dous libros de agasallo.

Os premiados co 1º premio recibiron tamén un diploma acreditativo, e os premios que figuran nas bases: un libro electrónico e un lote de seis libros.

E por último, os premiados co 2º premio recibiron un diploma acreditativo e tamén un lote de seis libros.

Ademais este ano, por segunda vez, e para fomentar a lectura na nosa lingua e o traballo cooperativo na aula, entregouse un lote de libros a cada aula do colexio que presentou máis de catro participantes a este certame e que foron recibidos polos mestres e mestras correspondentes.

O Sr. Alcalde e os membros do xurado cos mestres e mestras agasallados con lotes de libros para as aulas
 
En próximas datas iremos publicando todos os traballos premiados no blog e nas redes sociais da biblioteca.

Felicitar a todos os premiados e participantes non premiados neste IV Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén e animar a todo o alumnado a presentarse na próxima edición.

E por último desexarlle a toda a veciñanze FELICES FESTAS DE NADAL e que o ano 2023 veña cheo de alegría, de felicidade, de paz e de moitas lecturas.

Ata a próxima edición.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.


sábado, 2 de abril de 2022

ACTIVIDADES EDUCATIVO-CULTURAIS E DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO MES DE ABRIL DE 2022


Outro ano máis desde Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén-BiblioPazos sumámonos aos actos para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se conmemora en todo o mundo o día 2 de abril de cada ano desde que o IBBY (International Board on Books for Young People) promoveu por primeira vez en 1967 ese día coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, e co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.


Animádevos a conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL e XUVENIL participando en calquera das actividades que se realizan en bibliotecas, escolas e outras institucións do país e, sobre todo, animando aos mais novos a que lean polo menos 20 minutos ao día.

Na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén-BiblioPazos conmemoraremos outro ano máis o Día Internacional do Libro Infantil cun contacontos pola igualdade que baixo o título de “TANTO CONTA, CONTA TANTO” levará a cabo a narradora ANA FACCHINI o próximo Venres día 8 de Abril a partir ás 11:00 horas, no Auditorio do Concello.

Participará nesta actividade o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, da EEI "A Galeriña" de Nespereira, e os usuarios da Asociación ASPAVI e a realizaremos en dúas sesións; unha de 11:00 a 12:00 horas na que están convidados o alumnado e mestres de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e a segunda sesión de 13:00 a 14:00 horas contará coa participación do alumnado de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI.

TANTO CONTA, CONTA TANTO son historias de personaxes "diferentes" que reclaman a súa identidade e que loitan polo dereito a ser como queren ser e a quererse tal como son.


E para celebrar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR que se conmemora en todo o mundo o día 23 de abril, teremos con nós ao escritor MIGUEL ANXO ALONSO DIZ (fillo de Carmen da Carballeira) nacido en Madrid, residente na cidade de Vigo, e con raíces na parroquia de Moscoso (Pazos de Borbén).

O noso “veciño” traerános o seu vontacontos "CONTOS NO PAÍS DA CHOIVA" baseado no seu libro "O país da choiva" publicado por Antela Editorial.

Será o Venres día 22 de Abril a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén, e están convidado para asistir o alumnado de 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, ademais de todo o público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

"A xente da vila esqueceu a súa lingua. A choiva levou as palabras dos seus beizos."

Neste contacontos empregaranse contos e poemas escritos polo autor como elemento de recuperación de palabras propias (que levou a choiva); co obxectivo de fomentar a creatividade na rapazada; xerar relacións baseadas no bo trato e respecto mutuo; asociar aspectos positivos, e divertidos, á lingua galega. A lingua como elemento de xogo; traballar vocabulario na lingua galega; pór en valor o conto e a poesía como ferramenta transformadora da realidade e elemento moi válido para a aprendizaxe; e fomentar a lectura e o uso da imaxinación.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger