sábado, 13 de xaneiro de 2024

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS DO "V CERTAME DE RELATO CURTO" DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN - (1) CATEGORÍA A: PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

O pasado martes 19 de decembro de 2023 tivo lugar no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén entre as 12:00 e as 13:30 horas a gala de entrega de premios do V CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén no que participaron 149 persoas, entre escolares do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e usuarios da Asociación ASPAVI.

Presidiu o acto o Sr. Alcalde-Presidente do Concello D. Xosé Luciano Otero Camiña e estiveron presentes a concelleira Dª Mª Victoria Couñago Corujeira; o concelleiro D. Ivan Martínez Ventín; a Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez; e os membros do xurado Dª Uxía Porritt Lueiro; D. Manuel González Pastoriza, Dª Andrea Barreira Freije, D. Miguel Anxo Alonso Diz, Dª Mª Isabel Lorenzo Castro e D. José Manuel Soto Virulegio.

A mestra do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e membro do xurado Dª Uxía Porritt Lueiro durante a súa intervención
O acto iniciouse coa intervención da mestra do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e membro do xurado Dª Uxía Porrit Lueiro quen felicitou a todos os presentados pola calidade dos traballos indicando que tanto ela como ao resto dos membros do xurado nos fixeron viaxar a mundos incribles vivindo unhas historias magníficas e animou a seguir participando e a que se presentan moitos máis en vindeiras ocasións; tamén quixo agradecer a José Manuel o magnífico traballo que leva facendo desde que está xestionando a biblioteca, pola súa dedicación, a súa implicación e, sobre todo, porque sempre ten presente ao alumnado do colexio para todas as súas actividades e, en nome do colexio, entregoulle un pequeno agasallo consistente nun libro de sinaturas para as visitas de personalidades á biblioteca.

Intervención da escritora e membro do xurado Dª Andrea Barreira Freije
Posteriormente tomou a palabra a escritora e tamén membro do xurado Dª Andrea Barreira Freije –recente gañadora do o VII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia coa súa obra titulada “QUEN PRECISA UNHA AVOA” que presentou baixo o pseudónimo “#EUNONTEÑOAVOAS”- que se sumou ás palabras de Uxía Porritt e comentou tamén que estaba moi orgullosa de todo o alumnado que se presentou porque fixeron un excelente traballo; os sigue animando a seguir traballando así e a implicarse na lectura e na literatura; por último agradece a acollida que lle fan tanto na biblioteca como no colexio cada vez que ven a Pazos de Borbén.

A Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez intervindo no acto.
De seguido tomou a palabra a Deputada Provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez quen comentou que se sentía moi honrada e contenta de estar presente na gala acompañando a todos, agradecendo que convidaran á institución que representa e, despois de saudar ao Alcalde, aos concelleiros e resto dos presentes no auditorio, manifesta que é unha marabilla que haxa tantos escritores e escritoras en Pazos de Borbén, tanta participación e que a Deputación sempre seguirá apoiando activamente este tipo de iniciativas para mellorar a difusión do noso idioma e para promover o seu uso entre a poboación, sobre todo entre os mais mozos. Por último animou aos presentes a que non deixen de escribir e a que se sigan presentando en vindeiras edicións.

Intervención do Sr. Alcalde de Pazos de Borbén D. Xosé Luciano Otero Camiña
Finalizando as intervencións o Sr. Alcalde e Presidente do xurado D. Xosé Luciano Otero Camiña, dirixiuse ao público agradecéndolles a súa presenza e comentando que é un pracer estar nesta entrega de premios da 5ª edición do Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén organizado polo Concello e levado a cabo por José Manuel da biblioteca e quen hai que agradecerlle o seu traballo.

Comenta tamén que é un certame que pretende acadar varios obxectivos; o primeiro deles é que os participantes se divirtan escribindo e o xurado lendo os magníficos relatos que presentan; ademais de fomentar a creatividade, a creación literaria, e sobre todo facer un uso normal e promocionar a nosa lingua.

Agradeceu a todos a súa asistencia, en particular á Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez representante neste acto da Deputación Provincial da que esperamos seguir contando coa súa colaboración porque é imprescindible para que se poida facer este certame tan bonito.

Agradeceu unha vez máis a José manuel o seu enorme traballo e o mesmo aos membros do xurado.

Comentou tamén que nesta 5ª edición conseguiuse un novo éxito xa que, nesta ocasión, tivemos un total de 149 traballos presentados nas sete categorías cun moi bo nivel que considera que se acadou, grazas á colaboración dos monitores, pais, nais, profesorado e titores que acompañaron a todos os participantes nesta fermosa viaxe creativa.

O Secretario do xurado D. José Manuel Soto Virulegio iniciando a lectura para a entrega de premios
Unha vez finalizadas as intervencións, polo secretario do xurado procedeuse á lectura da relación dos galardoados neste V Certame e á entrega dos premios:

CATEGORÍA A: PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

Gañadores e presentados da Categoría A
O Primeiro premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título “A RECONCILIACIÓN DE EZEQUIEL” e o pseudónimo de “PETROV”, presentado por DAVID BLANCO PUMAR, pertencente á Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

David Blanco Pumar recollendo o premio que lle entrega a Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez

Segundo premio ao traballo presentado baixo o título “O SEGREDO DA BOTELLA” e o pseudónimo de “PARDO" presentado por JOSÉ MANUEL BOULLOSA GARCÍA, pertencente á Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

José Manuel Boullosa García recollendo o premio que lle entrega a Directora da Asociación ASPAVI e membro do xurado Dª Mª Isabel Lorenzo Castro

Nesta categoría o xurado considerou premiar con accésit ao traballo seguinte:

Traballo presentado baixo o título “EN BUSCA DO POZO” e o pseudónimo de “RAMOS” presentado por FRANCISCO MARTÍN MUÑOZ, pertencente a Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

Francisco Martín Muñox "Curro" recollen o premio entregado pola Concelleira Dª Mª Victoria Couñago Corujeira

Unha vez entregados estes premios chamouse un por un ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles a cada un deles un Diploma acreditativo da súa participación no certame e un libro de agasallo. (As imaxes dos participantes non premiados poderanse ver no Facebook da Biblioteca unha vez que se comparta esta noticia do blog).

E, por último, enntregouse tamén un lotes de libros para o centro ao que pertencen as persoas presentadas.

Mª Isabel Lorenzo Castro, Directora da Asociación ASPAVI recolle o lote de libros para o centro que lle entrega Dª Uxía Porritt Lueiro.

NOTA: Seguiremos publicando os datos e imaxes da entrega de premios dos gañadores e participantes do resto das categorías en novas noticias que sairán publicadas nos próximos días.

Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio  o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger