xoves, 24 de xullo de 2025

TÍTERES CACHIRULO achega o seu "O CACHIMOBIL" a Pazos de Borbén para representar o espectáculo "Xela e o dragón Traga-verbas" - Programa +ESCÉNICAS da Deputación de Pontevedra

O próximo Domingo, 17 de Agosto ás 19:00 horas na Praza do Concello de Pazos de Pazos de Borbén terá lugar a próxima actividade incluída no programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra dentro do seu programa +ESCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra.

O espectáculo “O CACHIMÓBIL” de TITERES CACHIRULO é unha actividade de Teatro familiar dirixida a todos os públicos, dunha duración aproximada de 55 minutos, no que unha barraca rodante leva os monicreques e a ilusión a calquera recuncho.

As aventuras do Príncipe Verdemar, de Don Gaiferos ou mesmo de Xela, unha nena que terá que enfrontarse ao malvado Dragón Traga-verbas para rescatar as palabras e frases esquecidas do galego, chegarán ate a vosa vila dende este teatriño autosuficiente, axeitado para espazos exteriores, que inclúe cadeiras e bancos para acomodar ao público.
TÍTERES CACHIRULO co seu CACHIMÓBIL representará o espectáculo “XELA E O DRAGÓN TRAGA-VERBAS”, un espectáculo de aventuras no que a súa protagonista Xela, unha nena de 9 anos, ten que liberar aos seus compañeiros de escola atrapados polo malvado Demo Luciferino que, valéndose do Dragón Dracus traba-verbas, os ten escondidos na cova do trasno. Alí permanecerán ata que esquezan o galego, a súa lingua nai, e se convertan nos seus secuaces.

Para iso Xela e os seus compañeiros de escola, teñen que enfrontarse ao Luciferino e convencer a Dracus Cus Cus do teirible mal que está causando.

Un espectáculo que trata a importancia do uso cotián da lingua galega e da conservación da nosa identidade.

A compañía TÍTERES CACHIRULO inicia a súa actividade no ámbito do teatro de monicreques no ano 1985 e, dende entón, leva realizados máis de 35 montaxes de teatro de bonecos combinando textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, guiñol, sombras, obxectos e teatro de rúa, destacando espectáculos como "Pinocho", "O libro da selva" ou "Do, re, mi, Mozart xoga aquí", Premio ao Mellor Espectáculo de Marionetas no 4° Festival Iberoamericano de Teatro "Cumbre de las Américas" (Arxentina, 2008).

Ademais desta actividade de creación e representación de espectáculos, os membros da compañía participaron en diferentes publicacións dentro do ámbito da animación á lectura, destacando as obras "Educación a la lectura para adolescentes ¿Cuántos cuentos cuentas tú?” ou "Te trueco un cuento. Animación a la lectura e interculturalidad", entre outras, e participando en distintas ocasións en campañas de dinamización lectora para o Ministerio de Educación e distintas autonomías.

Títeres Cachirulo imparte periodicamente obradoiros creativos de elaboración de textos e dramaturxia, e de construción e manipulación de monicreques e marionetas de diversas técnicas. Por outra banda, a compañía organiza sesións de contacontos e narración oral en bibliotecas, concellos, centros culturais, etc. acompañadas de actividades de dinamización con teatro e música, dirixidas tanto a centros de ensino como público familiar.

Cachirulo caracterízase por ter realizado un importante traballo de creación e investigación con mestres do teatro de monicreques como Francisco Peralta, Yang Feng, Guaira Castilla ou Chris Geris, da compañía belga Plansjet.

A compañía abre en 1997 a Sala Yago de Santiago de Compostela, que permanece en funcionamento ata o 2007, cunha programación estable de teatro de monicreques e marionetas, á que posteriormente se incorporaron o teatro e as proxeccións cinematográficas. Así mesmo, a Sala Yago, galardoada co Premio Max de las Artes Escénicas 2003 na categoría de Teatro Alternativo, serviu como plataforma para o desenvolvemento de diferentes proxectos de formación e difusión, entre eles a edición da revista Bululú, da que se chegaron a editar 7 números, sendo unha das poucas publicacións especializadas en teatro de monicreques. Actualmente, Títeres Cachirulo alterna as súas representacións de monicreques coa participación en numerosas programacións e festivais internacionais de Europa e América, obtendo importantes premios.

NON VOS ESQUEZADES.

ESPERÁMOSVOS!!!

EN BIBLIOPAZOS, A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DE PAZOS DE BORBÉN, SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

"PUNTO EN BOCA. Entre fíos anda o lío" un espectáculo de teatro familiar de RAQUEL CRESPO premiado co VI Premio "Luisa Villalta" a proxectos pola igualdade da Deputación de A Coruña


Continuamos coas actividades de Verán e agóra tócalle a quenda ao TEATRO, dentro da programación de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega de 2025 da Biblioteca Pública Municipal dependente da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Cultura do Concello de Pazos de Borbén.

Nesta ocasión, o próximo Domingo, 10 de Agosto ás 21:00 horas na Praza do Concello de Pazos de Borbén terá lugar o espectáculo “PUNTO EN BOCA. Entre fíos anda o lío” de RAQUEL CRESPO

Este proxecto teatral coproducido polo Centro Dramático Galego forma parte dunha iniciativa para levar o teatro a espazos non convenionais e singulares de todo o territorio galego para achegar o teatro á cidadanía.

O Centro Dramático Galego suma un novo título ao seu programa anual de coproducións coa estrea o pasado 27 de Xuño en Culleredo de "Punto en boca: entre fíos anda o lío", espectáculo itinerante da creadora Raquel Crespo que xirará ata finais de agosto por unha trintena de localidades, maioritariamente en núcleos rurais das catro provincias.

O espectáculo é o primeiro resultado dunha iniciativa social pola que a súa autora acadou o VI Premio Luisa Villalta para proxectos pola igualdade da Deputación de A Coruña no ano 2024 e que, durante os pasados meses de febreiro e marzo, desenvolveu no concello de Culleredo unha decena de actividades e obradoiros arredor da costura, o teatro e a súa relación.

Raquel Crespo interpreta nesta peza unha muller, metade actriz e metade costureira, que percorre o mundo co seu carromato: un fogar con rodas que é, ao mesmo tempo, escenario e taller. Viaxa soa, pero sempre acompañada por unha araña discreta e incansable tecedeira de silencios.

Para o desenvolvemento do espectáculo, a súa creadora contou, entre outras achegas, con Susana Crespo na dramaturxia e coa música de Xosé Lois Romero. Ademais do Centro Dramático Galego na coprodución, dispuxo tamén do apoio da compañía El Ruiseñor e do Concello de Culleredo.

PUNTO EN BOCA. Entre fíos anda o lío mergúllanos nun mundo onde a costura é moito máis ca unha tarefa artesanal: é memoria, identidade e un fío invisible que une xeracións.

Entre puntadas e relatos, despregaranse historias esquecidas, cantos que resoan dende o pasado e segredos tecidos en cada pano. A través da música, a narración e o movemento, reconstruiranse mitos e tradicións que fixeron do tecer un acto de resistencia e creación.

Que acontece cando alguén tira dun fío que non debe? Que historias agochan os tapices que levan séculos contando o mundo? Entre mitos, cancións e relatos esquecidos, este espectáculo visual e sensorial convida a descubrir o que realmente se tece entre os fíos.

Este espectáculo está patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do PLAN +PROVINCIA.

ESPERÁMOSVOS. NON FALTEDES!!!

AH! E A ENTRADA É DE BALDE ATA COMPLETAR O AFORO.

EN BIBLIOPAZOS, A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN, SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger