sábado, 22 de maio de 2021

DARÍO A DIARIO

DARÍO A DIARIO
Autora: Xela Arias
Ilustracións: Iván R.
Edicións Xerais de Galicia
Colección Camaleón

Xénero: Literatura Infantil Galega - Poesía

Idade recomendada: +10 anos

En 1996 Xela Arias publica Darío a diario, un libro de poemas dedicado ao seu fillo, que ofrece unha visión desidealizada e ao tempo fonda e entrañable da experiencia da maternidade.

En palabras da propia poeta: Darío a diario non naceu coa vocación de ser o que hoxe é: un libro encadernado e público. Foi, no seu principio, a necesidade imperiosa de explicarlle ao meu fillo o manifesto íntimo e interno de intencións maternas nas que el mesmo, polo feito de existir, me obrigaba a moverme; o compendio de contradicións que a maternidade me provoca.

Nesta nova edición os poemas veñen acompañados por ilustracións do artista Iván R.

ISBN: 978-84-9121-862-3
Nº de páxinas: 56
Encadernación: Tapa branda
Formato: 22 x 15 cm

venres, 21 de maio de 2021

TIGRES COMA CABALOS

TIGRES COMA CABALOS
Autora: Xela Arias
Fotografías: Xulio Gil
Engaiolarte Edicións

Xénero: Literatura Galega - Poesía

O seu libro máis transgresor, obrigada referencia na obra de Xela Arias, unha criación combinada de poesía e fotografía, nacida man con man entre a poeta e o fotógrafo Xulio Gil.

Inclúe dous traballos críticos de Xosé Enrique Acuña e María Xesús Nogueira.

ISBN: 978-84-123155-3-0
Nº de páxinas: 123
Encadernación: Tapa dura
Formato: 30 x 22 cm

xoves, 20 de maio de 2021

A POESÍA DO RETRATO

A POESÍA DO RETRATO
Autora: Xela Arias
Fotografías: Xulio Gil
Textos: Xosé Enrique Acuña R. e Marga Romero Lorenzo (Marga do Val)
Engaiolarte Edicións

Xénero: Literatura Galega - Poesía

Máis de 40 retratos realizados por Xulio Gil en diferentes épocas de Xela Arias, combinados cunha escolma dos seus versos, configuran este traballo acompañado de sendos estudos de Xosé Enrique Acuña e Marga do Val.

ISBN: 978-84-123155-4-7
Nº de páxinas: 102
Encadernación: Tapa branda
Formato: 29 x 21 cm.

mércores, 19 de maio de 2021

DENUNCIA DO EQUILIBRIO

DENUNCIA DO EQUILIBRIO
Autora: Xela Arias
Edicións Xerais de Galicia

Xénero: Literatura Galega - Poesía

«Denuncia do equilibrio», publicado en 1986 a contracorrente da poesía galega daquel momento, é un libro rabiosamente contemporáneo. Cuestiona a orde establecida, afonda con inquedanza na voz interior dunha poeta orixinal e libre e transmite, desde a propia sintaxe, o desacougo da vida cotiá, das emocións e do amor.

Este primeiro libro de poemas de Xela Arias dá conta do arrebato dunha voz nova, independente, radicalmente propia, que se pon en marcha cunha enorme forza simbólica. Como di a poeta Olga Novo no limiar en «Denuncia do equilibrio» está «a altura, o precipicio, a conmoción».

Autor Lois_ac
Autor: Lois_ac
Xela Arias
(Sarria, 1962-Vigo, 2003), poeta, tradutora e editora, desenvolveu o seu traballo profesional en Xerais entre 1980 e 1990. A partir dese ano e ata 1996, foi correctora de estilo da editorial. Tras licenciarse en Filoloxía, exerceu como profesora de ensino secundario ata o seu falecemento. Como poeta, publicou os libros Denuncia do equilibrio (1986),; Tigres coma cabalos (1990), en colaboración co fotógrarfo Xulio Gil; Darío a diario (1995); e Intempériome (2003). Posuidora dunha voz inclasificable, a súa obra poética está marcada pola innovación e unha intención transgresora da palabra.

ISBN: 978-84-9121-882-1
Nº de páxinas: 80
Encadernación: Tapa branda
Formato: 20 x 15 cm

martes, 18 de maio de 2021

DE CERTO, A VIDA ÍA EN SERIO

DE CERTO, A VIDA ÍA EN SERIO
Autora: Xela Arias
Textos e fotografías: Darío Gil Arias
Imaxe da cuberta: Xulio Gil
Chan da Pólvora

Xénero: Literatura en Galego - Poesía

A partir de entrevistas, conferencias, autopoéticas e poemas, “Chan da Pólvora” reconstrúe a personalidade e a obra de Xela Arias nunha antoloxía de textos intensos e demoledores.

María Xesús Nogueira a foi a encargada de realizar a selección e o estudo complementario sobre unha muller que viviu de maneira intensa e, con frecuencia indómita, o seu tempo. Non só recolle textos poéticos da autora senón que recupera un prezado material: entrevistas, autopoéticas, reflexións ou conferencias que permite reconstruír a biografía e mais a personalidade da autora a partir das súas propias palabras, unha perspectiva ata agora inédita.

“Asinamos ser libres e o vieiro é a independencia total e gratuíta”, escribe Xela Arias neste libro de forza incontestable, titulado como un dos seus versos máis rotundos, De certo, a vida ía en serio.

Non se trata unicamente dunha escolma ou dunha biografía. Estamos ante unha mirada transversal que reconstrúe a complexidade da escritora a través das súas propias palabras, pero tamén unha esixente selección de poemas, intensos e demoledores, visionarios e inquietantes.

ISBN: 978-84-122221-7-3
Nº de páxinas: 106
Encadernación: Tapa branda
Formato: 21 x 13 cm

luns, 17 de maio de 2021

POESÍA REUNIDA

POESÍA REUNIDA
Autora: Xela Arias
Edición de María Xesús Nogueira Pereira
Fotografía: Xulio Gil
Edicións Xerais de Galicia

Xénero: Literatura en Galego - Poesía

O volume Poesía reunida (1982-2004) dá conta da obra poética de Xela Arias e quere contribuír á súa difusión e coñecemento. A escritora ocupou un lugar de seu na cartografía literaria das últimas décadas e a súa obra está en consonancia coa renovación do discurso poético producida dos anos 80 en diante, así como coa proliferación dos discursos do feminismo, aos que acompañou como pioneira.

Xela Arias, que manifestou en numerosas ocasións un sentimento de soidade xeracional, reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou con contundencia contra o carácter invisibilizador das etiquetas. Para ela, a poesía era «un trato coa búsqueda da vida poderosamente iluminada».

ISBN: 978-84-9121-428-1
Nº de páxinas: 440
Encadernación: Tapa branda
Formato: 15 x 22 cm

domingo, 16 de maio de 2021

XELA ARIAS. POETA E TRADUCTORA

XELA ARIAS. POETA E TRADUCTORA
Autor: Anxo Xoán Rajó Pazó
Fotografía: Xulio Gil Rodríguez
Ir Indo Edicións

Xénero: Literatura Galega - Biografías

Contra finais do século XX xorde unha xeración de poetas, nomeadamente mulleres, que vai cambiar o rumbo da creación en lingua galega.

Unha delas, Xela Arias, será pioneira en varios aspectos. Por unha banda, dende moi nova atrécese cun campo que estaba prácticamente ermo dende a época do Grupo Nós, a traducción á nosa lingua de obras clásicas e non tan clásicas doutras linguas; pola outra, será autora e protagonista de varios poemarios que nos ofrecen unha nova dimensión da creación poética en lingua galega.

Principiará a súa andaina con Denuncia do equilibrio (1986), que continuará cunha obra arriscada e única, Tigres coma cabalos (1990), en colaboración co fotógrafo Xulio Gil. Novamente, ilusionada coa súa maternidade, tira do prelo unha obra innovadora e singular, Darío a diario (1996), para rematar no seu traxecto cara á eternidade coa publicación de Interpériome (2003), pouco tempo antes de falecer.

O volume que Ir Indo Edicións nos presenta é un percorrido por unha autora, Xela Arias, que dun xeito valente asumiu claros compromisos coa nosa lingua e co feminismo, movemento que defendeu en todas e cada unha das súas composicións, mesmo coa tradución de obras de autoras claramente significadas neste eido. Xela, unha muller que foi poeta, tradutora e filóloga, e que creu até os seus últimos días que "vencerse é cousa de se tratar". 

ISBN: 978-84-7680-759-0
Nº de páxinas: 100
Encadernación: Tapa branda
Formato: 29 x 21 cm

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger