venres, 12 de decembro de 2025

Celebramos o NADAL co espectáculo "O CASTIÑEIRO DO APALPADOR" de "Fantoches Baj" - Programa +ESCÉNICAS da Deputación Provincial de Pontevedra


Rematamos coas actividades de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; financiadas polo Concello de Pazos de Borbén e pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do programa +ÉSCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra, co espectáculo "O CASTIÑEIRO DO APALPADOR" que nos traerá a Compañía FANTOCHES BAJ o Sábado 20 de Decembro a partir das 17:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén.
Neste espectáculo, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman O Apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.

O Apalpador é un carboeiro pobre cuxas únicas propiedades son un castiñeiro e un magosteiro. A súa grande preocupación é conseguir que os cativos non lle rouben as castañas. Ata que un día, se lle presenta na carboaría unha velliña aterecida de frío e de fame. El, compadecido, ofrécelle teito e castañas do seu magosto. A velliña que é unha meiga, ante a súa bondade, ofrece cumprirlle tres desexos e o apalpador, movido pola súa teima máis inmediata, pide que quen toque o seu castiñeiro quede pegado para sempre nel, que quen colla as castañas do chao o engula a terra e quen meta na man no seu magosteiro quede dentro encarcerado. Con estes tres desexos conseguirá sen embargo vencer a Morte. O Gobernador do mundo ao ver os efectos devastadores da desaparición da Morte obrigará ao Apalpador a ceibala. E o Apalpador ceibaraa pero antes asegurarase de que a el non lle toque xamais.

Convetido nun ser inmortal, liberado da necesidade de comer, e vendo que as castañas se lle estragan todos os anos, decide repartirllelas os nenos que pasan fame. Por iso, desde aquela, percorre o mundo apalpando as barrigas dos nenos e deixándolle unha presiña das castañas do seu castiñeiro a aqueles que a teñen valeira.
FANTOCHES BAJ é unha compañía creada inicialmente en Portugal por IGNACIO VILARIÑO no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo "Tío Miseria" (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo "O Asombro" (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en "As Pombas de Carboeiro". Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Co seu espectáculo "Os Golfiños e o xigante" obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil.

A ENTRADA É DE BALDE ATA COMPLETAR O AFORO DO LOCAL

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 10 de decembro de 2025

ENTREGA DE PREMIOS DO "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

O día 21 de Setembro pasado informábamos da convocatoria do "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2024/2025 e 2025/2026; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no Concello de Pazos de Borbén.

Como en edicións anteriores coa convocatoria desta 7ª edición do certame o Concello pretende seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas, estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.

Igual que nos últimos anos o número de categorías para participar foron sete (7) e o prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 1 de outubro e o 14 de novembro de 2025.

Presentáronse un total de 149 traballos, co que seguimos contando cunha moi alta participación desde a existencia deste pequeno certame literario:

  • Ano 2025:    149 participantes.
  • Ano 2024:    160 participantes.
  • Ano 2023:    149 participantes.
  • Ano 2022:      58 participantes.
  • Ano 2021:      67 participantes.
  • Ano 2019:      77 participantes.
  • Ano 2018:      64 participantes.
Os participantes podían presentar un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e entregalo na Biblioteca.

Na Categoría A: Persoas con diversidade funcional presentáronse 5 traballos, todos eles pertencentes a usuarios da Asociación ASPAVI que entregaron cada un o seu relato.

Na Categoría B: Alumnado de Educación Infantil, coa presentación dun debuxo cada un, participaron 30 criaturas do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI A Galeriña de Nespereira.

Na Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria foron 28 rapazas e rapaces do CPI "Curros Enríquez" os que participaron cun debuxo cada un con algunha frase alusiva aos traballos presentados.

Na Categoría C: Alumnado de 3º e 4º de Primaria presentáronse 27 traballos doutros tantos alumnos e alumnas deses cursos do CPI "Curros Enríquez".

Na Categoría D: Alumnado de 5º e 6º de Primaria foron presentados 23 traballos participando o 100% do alumnado destes cursos que estuda no CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Nas categorías de Educación Secundaria Obrigatoria presentáronse un total de 28 trabalos na Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO e na Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO foron 8 os participantes no certame.


Nas Bases do certame establecérase que a temática dos traballos era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.

Desde que convocamos esta 7ª edición do certame, animamos ao profesorado, pais, nais e demais familiares do alumnado e á dirección e persoal dos centros educativos e de atención a persoas con diversidade funcional para que estimularan a participar nesta nova edición a todo o alumnado e usuarios destes centros; e parece que, de novo, o resultado foi moi satisfactorio.

Para motivar a participación foron realizados 13 sesións de dous Obradoiros de Creación Literaria denominados "ESCRIBIR PARA SOÑAR" e "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO" que foron impartidos, respectivamente, polos escritores Miguel Anxo Alonso Diz e Andrea Barreira Freije; e aos que asistiron os usuarios da Asociación ASPAVI e todo o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI "A Galeriña" de Nespereira; un total de 193 escolares e uns 40 usuarios da Asociación ASPAVI.

O xurado do Certame reuniuse o día 1 de Decembro e xa ten decidido ás premiadas e premiados desta 7ª edición do certame que daránse a coñecer o próximo Xoves 18 de Decembro nun acto que se celebrará no Auditorio do Concello ás 11:00 horas e ás 13:00 horas, e nos que participarán tamén as mestras e mestres, monitoras e monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da Corporación, e representación da Deputación Provincial de Pontevedra.

Por último comentar que estes eventos enmárcanse no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" organizado pola Biblioteca Pública Municipal e que conta coa financiación do Concello de Pazos de Borbén e do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar co a Biblioteca por Teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborbén.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger