xoves, 24 de setembro de 2026

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "CONTOS NO PAÍS DA CHOIVA" con MIGUEL ALONSO DIZ

 

Comezamos a primeira actividade do programa de "Obradoiros de Creación Literaria e Certame de Relato Curto" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua galega do ano 2026 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra o próximo venres 24 de setembro co Obradoiro de Creación Literaria "CONTOS NO PAÍS DA CHOIVA" que será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ALONSO DIZ e nel participará todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; o alumnado de Educación Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Realizarase nas instalacións escolares e da Asociación ASPAVI en 9 sesións de entre 50 e 90 minutos cada unha delas nos seguintes días e  horarios:

Xoves, 24 de Setembro:
13:00 a 14:30            3º de Primaria CPI Pazos
Venres, 25 de Setembro:
13:00 a 14:30            5º de Primaria CPI Pazos
Xoves, 1 de Outubro:
13.00 a 14:15            1º de Primaria CPI Pazos
Venres, 2 de Outubro:
13:00 a 14:30            6º de Primaria CPI Pazos
Xoves, 8 de Outubro:
13:00 a 13:50            Infantil CPI Pazos
Venres, 9 de Outubro:
13:00 a 14:30            4º Primaria CPI Pazos
Xoves, 15 de Outubro:
13:00 a 13:50            Infantil EEI A Galeriña
15:30 a 17:00            Asociación ASPAVI
Venres, 16 de Outubro:
13:00 a 14:15            2º Primaria CPI Pazos

Neste novo Obradoiro de Creación Literaria ensinarase ao alumnado participante os procesos de creación. Camiñando pola palabra, tanto escrita como oral, a imaxe e mesmo a expresión teatral para dotar dunha visión o máis completa posible; sempre adaptándose ao nivel da rapazada participante e dando resposta ás necesidades de cada grupo e de cada persoa.

Nas actividades buscarase fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola nosa lingua.

Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

Dende os ciclos de infantil ata 6º de primaria, pasando polas usuarios dos colectivos de persoas con diversidade funcional, pretendemos achegar a un colectivo de persoas máis amplo o labor desenvolto a través de obradoiros adaptados a cada idade e circunstancia.

Os obxectivos que se pretende conseguir son os seguintes:

·         Incentivar a creatividade e o valor da orixinalidade.

·     Estimular a creación de historias vencelladas co noso entorno, sementando neles o aprecio e valoración do propio, tanto na súa vertente material (patrimonio histórico), como inmaterial.

·  Asociar a escrita ao xogo, e non só a escrita, senón tamén o propio proceso de aprendizaxe.

·     Enlazar elementos escritos e de narración visual e conectar a escrita e a narración oral. Incentivar a transmisión oral de historias no seu entorno familiar.

·         Incentivar a lectura como motor da escrita. Iniciar no xogo de palabras.

·         Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.

·         Fomentar o uso da lingua galega.

·      O emprego da expresión artística galega como un elemento de expresión integradora na sociedade e de fomento do respecto á diversidade.

Os obradoiros están estruturados en cinco niveis:

- Primeiro nivel: Ciclo de Infantil (50’)

·         Contos no país da choiva.

·         Narrar a través da imaxe.

- Segundo nivel: 1º e 2º de Primaria (75’)

·         Os soños de Esther e de Emma.

·         Son o/a protagonista?

·         A nosa propia historia. Debuxamos.

- Terceiro nivel: 3º e 4º de Primaria (90’)

·         Traballo en grupo. (Escrita, debuxo e teatro).

·         Imaxínate que un día ao saír da casa...

- Cuarto nivel: 5º e 6º de Primaria (90’)

·         Traballo en grupo. (Escrita, banda deseñada, teatro...).

·         Imaxínate que un día ao saír de casa...

-Quinto nivel: Colectivos de persoas con diversidade funcional

·         Unha sesión de contos.

·         Continuamos a historia.

MIGUEL ALONSO DIZ é escritor, poeta, docente, contacontos, presentador, divulgador cultural e, sobre todo, persoa.

É membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Participou en diferentes iniciativas culturais e recitais en Galicia e Portugal, amais de nos principais festivais de poesía de Galicia.

Traducidos os seus libros ao castelán, e editados, por decisión do autor, para fóra de Galicia, están presentes en colexios e bibliotecas de México, Puerto Rico e en diversas comunidades da xeografía española.

Colaborador habitual dos Servizos de Normalización e Dinamización Lingüística realiza diversas actividades creativas (conta contos, obradoiros) nos centros educativos e bibliotecas, nos que achega á rapazada e adultos o mundo da literatura e a creación.

 Dende o ano 2022 é editor de poesía na Editorial Antela.

 Obra coa ilustradora LUZ BELOSO: 

·         O cullarapo Croque (2012)

·      A nena á que non deixaban ser feliz (2013). Libro seleccionado polo SEP (Servicio de Educación Pública) de México entre máis de 10.000 títulos de España e latino América, para a súa incorporación ás bibliotecas de aula dos centros de ensinanza pública de todo o país.

·   O soño de Esther (2014) 3º mellor libro no apartado de literatura infantil segundo Fervenzas literarias. Finalista dos premios ISAAC DÍAZ PARDO mellor libro ilustrado 2014 e NEIRA VILAS mellor libro infantil xuvenil 2014.

·     O valente coello que quixo soñar (2015) Finalista do Premio Frei Martín Sarmiento 2016.

Os catro títulos mencionados foron elixidos para formar parte de programas educativos do goberno de Puerto Rico.

·      MEL, unha mosca agradecida (2016) libro CD. Premio booktrailer realizado por Luz Beloso. “Mel, unha mosca agradecida” no Festival de Cans.

·     Piratas no recreo (2018) Belagua edicións. En colaboración con ARELAS (Asoc. de familias de menores trans)

·         Unha folla vermella (2020), álbum ilustrado para adultos.

·         Instrucións para ler este libro (2022) Xerais.

·         O soño de Emma (2024) Edicións Embora.

·         De príncipes, princesas e outras andrómenas (2025) Xerais.

Obra con outros ilustradores: 

·         Música no faiado (2018) Xerais e ilustrado por Laura Tova. Finalista na Gala do Libro Galego 2019.

·         “O xigante de Allariz” (2021) Antela Editorial. Escrito con Xabier Domínguez e ilustrado por Tania Martíns.

·         “O país da choiva” (2021) Antela Editorial e ilustrado por Xosé Tomás. Libro apoiado pola Deputación de Ourense e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

Enlace a wikipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Miguel_%C3%81ngel_Alonso_Diz

Recoñecementos:

§  Segundo premio do Certame de relatos Ciencia que conta no 2010.

§  Premio do I Certame de micro-relatos OZOCOgz no 2013.

§  Premio Olloboi Orixinal no 2014, por A muller lamprea IV.

§  Premio no Festival Internacional de Curtas de Bueu por Cabelos de Batalla, feito no obradoiro de plástica do IES As Barxas.

§  Premio "Paraugas" 2017 do Cluster de Comunicación de Galicia ao libro infantil do ano con "Manual del Bullying", editado por Nova Galicia.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger