luns, 6 de xullo de 2026

Finalizamos a participación do Concello de Pazos de Borbén na XIV Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL “ATLÁNTICA”, coa actuación de CELSO F. SANMARTÍN co espectáculo "CONTAR” e acompañado de FERNANDO PALITOS participante do Ciclo Novas Voces


Continuamos con outra actividade no mes de xullo coa que finalizamos a participación do Concello de Pazos de Borbén no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA", por oitavo (8) ano consecutivo, neste importantísimo festival tanto a nivel autonómico como nacional, que no 2026 celebra a súa XIV edición.

Nesta ocasión visitaranos o colleitador e contador de contos e historias de vida de tradición oral e poeta galego CELSO F. SANMARTIN co seu espectáculo de narración oral para público adulto “CONTAR”, o próximo Venres 10 de Xullo a partir das 21:00 horas no Auditorio do Concello.

Ademais nesta actuación CELSO F. SANMARTIN daralle á alternativa a FERNANDO PALITOS que forma parte xunto con outros participantes do CICLO NOVAS VOCES que o Festival ATLÁNTICA quere consolidar este ano e que supón unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas de traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais como AHOZ AHO de Guipúzcoa, o Festival de Zamora e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A presenza destes participantes no ciclo reforza a vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.

"CONTAR”

Di Celso que Contar é un oficio que todos temos.

“Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de  contalas de cara a distintos públicos.

Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir, …

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera...

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo, nen o corazón de pedra.”

Convidamos a toda a veciñanza a achegarse ao Auditorio do Concello para participar neste evento.

CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN (Galicia)

É unha desas persoas que parecen feitas da mesma materia que os contos. Nado en Lalín en 1969, no barrio da Cacharela, leva décadas convertendo a memoria, a fala popular e as pequenas historias da vida nunha forma única de arte oral.

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, poeta, contador e impulsor de iniciativas culturais como FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais), Celso é hoxe unha das voces imprescindibles da narración oral galega contemporánea.

O seu universo nace das conversas escoitadas ás persoas maiores, das aldeas, das cociñas, dos velorios, das feiras e dos silencios cheos de sentido. Recolle historias coma quen recolle sementes e logo fainas medrar diante do público cun estilo absolutamente persoal: delicado, divertido, profundamente humano e atravesado por unha musicalidade que converte cada palabra nun acontecemento.

Nos seus espectáculos conviven a retranca, a poesía, a memoria e unha maneira de mirar o mundo chea de tenrura e intelixencia. Celso non conta só historias: crea un lugar ao que entrar. Un espazo íntimo onde a oralidade recupera toda a súa forza e onde cada persoa sente que alguén lle está falando directamente ao corazón.

Autor de libros como A cama de meu avó ManuelA cousa eternaPoesía hexágono, entre outros, a súa escrita comparte coa súa oralidade esa capacidade rara de atopar beleza no aparentemente pequeno e o extraordinario no cotián.

No Festival Atlántica, escoitar a Celso Fernández Sanmartín é volver por un intre ao lugar onde nacen os contos.

FERNANDO PALITOS presenta por primeira vez a versión orixinal dalgunhas historias que Celso deformou coa súa óptica. Fernando. Fernando ve o mundo doutra maneira, porque susurra aos cabalos, apréndeos a bailar, sabe de calefaccións e ensina aos fillos a facer mapas do mundo. As catrocousas que necesita alguén para contar historias: altura de miras, calor, ver mundo e saber o camiño de volta.

Un ano máis formamos parte de Atlántica

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger