"NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” o antropólogo Rafa Quintía convídanos a descubrir o fascinante mundo dos amuletos galegos nunha sesión moi especial onde se mesturan maxia, menciña popular e narración oral. Esta conferencia que fala do mundo dos amuletos na cultura popular galega, non é unha charla ao uso: é unha viaxe chea de contos, lendas e saber tradicional.
Acompañarémolo nunha sesión onde cada historia nos
conecta co coñecemento ancestral herdado dos nosos devanceiros. Rafa ten o don de facer que escoitar
sexa lembrar: rescata o que fomos e fainos rebuscar nas nosas memorias, cun
estilo ameno, próximo e apaixonado.
Un encontro para gozar, sorprendernos e recoñecer a forza da tradición que aínda vive en nós.
Rafa Quintía é unha das voces máis singulares da antropoloxía galega contemporánea.
Cunha mirada lúcida e fondamente comprometida coa cultura do país, leva anos
explorando e narrando o imaxinario galego dende múltiples frontes: a
investigación, a divulgación, a docencia e a creación audiovisual.
Nado en Vigo en 1971, é
licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas, e conta
cun mestrado en Educación Secundaria. Dirixe a empresa Ab Origine, especializada
na posta en valor do patrimonio inmaterial, e exerce como profesor na UNED.
A súa obra escrita
abrangue máis de trinta libros nos que mergulla na mitoloxía, o simbolismo, a
relixión popular e as crenzas tradicionais galegas. Entre os seus títulos máis
destacados están Mitoloxía de Galicia, Heichas contar.
Contribución ao corpus mitolóxico galego, Mariña inmaterial, Pola
graza de Deus. A relixiosidade popular en Galicia ou Descifrando
o Entroido. Nos últimos anos publicou tamén Dicionario dos amuletos
galegos, A etnomediciña galega e A pedra da pezoña,
obras que continúan afondando nas crenzas, símbolos e saberes da cultura
popular galega.
Ademais, participa
activamente en proxectos de divulgación e defensa do patrimonio cultural
galego, é presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Tamén é autor de documentais que
exploran rituais, festas e paisaxes culturais de Galicia, combinando
sensibilidade estética e rigor académico.
Premiado en diversas
ocasións —entre outros, co Ramón Piñeiro de Ensaio ou o Vicente Risco de
Ciencias Sociais—, exerce como presidente da Sociedade Antropolóxica Galega e
destaca como un dinamizador activo do coñecemento popular e do patrimonio
invisible.
O ano pasado deixou
pegada en Santo André de Teixido, nun encontro que foi un auténtico éxito e
onde o público quedou atrapado entre historias de mortos, romarías, crenzas e
camiños antigos. Por iso regresa este ano ao Festival Atlántica, desta volta
baixo un carballo cheo de historias, nun deses lugares onde semella que a
memoria segue falando baixiño entre as follas.
A súa participación no Festival Atlántica é unha oportunidade única para escoitar como a tradición cobra nova vida cando se conta dende o respecto, a paixón e o coñecemento profundo.
![]() |
| Un ano máis formamos parte de Atlántica |
Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA
EDUCACIÓN E A CULTURA



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.