mércores, 27 de maio de 2026

Charla "DESENTRAÑANDO EL PODER DE LAS MATEMÁTICAS EN LA GESTIÓN SOSTENIBLE DE RECURSOS PESQUEROS" - Ponente Marta Cousido Rocha - Conmemoración do Día Mundial do Medioambiente e do Día Mundial dos Océanos.


Dentro das actividades organizadas e programadas pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - Bibliopazos e co obxecto de conmemorar o DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE e o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS que se celebran en todo o mundo os próximos días 5 e 8 de xuño, respectivamente. E como complemento á exposición científica instalada no vestíbulo da Casa do Concello OCEÁNICAS: PIONEIRAS DA OCEANOGRAFÍA que poderá visitarse do 1 ao 15 de Xuño en horario de 09:00 a 14:00 horas, traemos unha charla dirixida ao todo o alumnado de Educación Secundaria e que pasamos a detallar a continuación.

 A charla titulada “DESENTRAÑANDO EL PODER DE LAS MATEMÁTICAS EN LA GESTIÓN SOSTENIBLE DE LOS RECURSOS PESQUEROS” será impartida por MARTA COUSIDO ROCHA, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC) -principal centro de investigación de España dedicado ás ciencias do mar, especialmente no estudio dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño.

Terá lugar o próximo Luns día 1 de Xuño, na Biblioteca do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, en dúas (2) sesións dunha hora cada unha; a primeira ás 09:45 horas para o alumnado de 1º e 2º de ESO; e a segunda ás 10:50 horas para o alumnado de 3º e 4º de ESO; e nela explorarase o papel fundamental que desempeñan as matemáticas na xestión sostible dos recursos pesqueiros, e permitirá mostrar ao alumnado unha aplicación práctica das matemáticas, distinta ás que habitualmente se coñecen.

Algunha vez preguntástesvos como contan os científicos os peixes no océano? Os peixes están sempre en movemento e o océano é inmenso, así que contalos non é tarefa doado!

Os científicos utilizan avaliacións de poboacións, un método que recompila información como a cantidade de peixes capturados polos barcos pesqueiros, a cantidade observada nos estudos e a velocidade de crecemento dos peixes. Mediante modelos matemáticos e informáticos, os científicos predín como cambiarán as poboacións de peixes no futuro. Se capturamos demasiados peixes, é posible que non queden suficientes para reproducirse, o que se coñece como sobrepesca. As avaliacións de poboacións axudan aos xestores para decidir cantos peixes se poden capturar de forma segura.

Os científicos tamén protexen áreas especiais onde os peixes desovan para favorecer o crecemento das súas poboacións. Ao comprender as avaliacións de poboacións, podemos contribuír á conservación dos peixes no océano para as xeracións futuras.

Grazas ao traballo constante dos científicos, podemos gozar do peixe hoxe e, ao mesmo tempo, asegurar que haxa abundancia para o mañá”.

MARTA COUSIDO ROCHA é matemática e doutora en Estatística pola Universidade de Vigo. Tras traballar no desenvolvemento de novos métodos estatísticos na universidade, actualmente desenvolve a súa carreira investigadora no Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC).

O seu traballo céntrase no uso da estatística, os modelos matemáticos e a programación para estimar o estado de explotación das poboacións de peixes e predicir a súa evolución, contribuíndo así a unha xestión sostible da pesca.

Participa en grupos científicos internacionais nos que especialistas de distintos países avalían os recursos pesqueiros e elaboran recomendacións para apoiar a toma de decisións sobre a pesca en Europa. Na actualidade coordina a avaliación científica da pescada do Atlántico ibérico, un dos recursos pesqueiros máis importantes a nivel económico para España. O seu traballo permite coñecer o estado desta poboación e propoñer límites de captura sostibles.

Ademais, participa en proxectos de investigación nacionais e internacionais de referencia no ámbito da avaliación pesqueira e compaxina esta actividade coa formación de novo persoal investigador.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por  a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger