martes, 12 de febreiro de 2013

LibreOffice completa a súa versión 4.0 (tamén dispoñible en galego)


 
A poucos días da estrea oficial do novo Office de Microsoft, dende The Document Foundation reaccionan anunciando o LibreOffice 4.0, paquete de ferramentas ofimáticas libre que con esta versión "fai realidade o soño da comunidade durante os últimos 12 anos" e reflicte por primeira vez os obxectivos fixados en setembro de 2010: un código base máis limpo e claro, un conxunto de prestacións melloradas, unha mellor interoperatividade e un ecosistema máis diverso e inclusivo. Como non podía ser doutro xeito, o LibreOffice 4.0 tamén está dispoñible de balde en galego. 
 
En menos de 30 meses de traballo LibreOffice medrou considerablemente até converterse no proxecto independente de software de escritorio destinado á produtividade máis grande do mundo, que conseguiu atraer a máis de 500 desenvolvedores dos que a tres cuartas partes son voluntarios totalmente independentes. 
 
LibreOffice 4.0 incorpora numerosas novidades entre as que podemos destacar a integración con moitos sistemas de administración e xestión documental (Alfresco, Sharepoint 2010, Nuxeo, OpenText, SAP NetWeaver Cloud Service...) a través do estándar CMIS, mellora a interoperavilidade con documentos DOCX e RTF, pode importar documentos de Microsoft Publisher, mellora a súa interface de usuario (integrando Unity e permitindo utilizar o sistema de temas de Firefox para personalizar a súa aparencia), introduce unha nova técnica aos diálogos das fiestras, permite que a cabeceira e o pé da primeira páxina dos documentos de Writer sexan distintas ao do resto de páxinas, inclúe numerosas melloras en Calc (como exportar os gráficos en JPEG e PNG), permite utilizar unha aplicación de mando a distancia para presentación de Impress para dispositivos Android (polo momento só na versión para Linux e LibreOffice, aínda que nunha actualización admitirá todas as versións da suite) e moitas outras melloras que recibirán cos brazos abertos todos os partidarios das ferramentas de software libre que en casos como este demostran o seu valor con creces, pola contribución que LibreOffice supón á posibilidade de desligar o uso profesional de equipos informáticos co pagamento de licenzas de software á vez que axuda á adopción de formatos de ficheiro estándar (elemento chave para o seu intercambio e a súa interoperabilidade). 
 
 Xoves 7 de febreiro do 2013, por Marcus Fernández 
Fonte: Código Cero

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger