Continuamos coas actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización da Lingua Galega de 2026 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - BiblioPazos cun novo espectáculo de narración oral con que queremos conmemorar o 50 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE RAMÓN OTERO PEDRAYO e o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2026.
“ARREDOR DE OTERO” é unha sesión de narración oral que bebe da escrita de Ramón Otero Pedrayo, da súa ollada demorada sobre a terra e do seu compromiso cun país pensado e contado dende dentro.Contos que percorren o ano vivido —vendima, castañeira, Santos, Nadal— e devolven á palabra o seu lugar na memoria colectiva.“ARREDOR DE OTERO” propón un achegamento á obra de Ramón Otero Pedrayo desde a narración oral, seguindo o fío da súa escrita fonda e do seu pensamento atento ao país. Os contos acompañan o discorrer do ano vivido, cando a vendima madura o tempo, a castañeira xunta á xente, Santos chama á memoria e o Nadal abre o inverno á palabra compartida. Historias nas que a terra, as voces e o pensamento se recoñecen, e nas que Galicia aparece non como escenario, senón como conciencia, feita de lembranza, rito e fidelidade ao que somos.
Esta actividade forma parte tamén do programa de dinamización da lectura "LER CONTA MOITO" que promove a Direción Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaborción cos concellos que teñan as súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Convidamos a asistir a este evento ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; os usuarios da Asociación ASPAVI e a todas aquelas veciñas e veciños que se inscriban previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.
A entrada é de balde ata completar o aforo do local.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.