xoves, 21 de maio de 2026

"AS LETRAS DE BEGOÑA" Contacontos ilustrado e musicado do Colectivo XURELO para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Seguimos co programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BiblioPazos" cunha nova actividade coa que queremos conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS que este ano está dedicado á escritora, xornalista e activista feminista viguesa BEGOÑA CAAMAÑO.

E para conmemorar esta importante data e homenaxear a autora elixida pola Real Academia Galega este ano traemos a Pazos de Borbén ao Colectivo XURELO que nos traerán o contacontos ilustrado e musicado "AS LETRAS DE BEGOÑA" o próximo Xoves 28 de Maio a partir das 10:30 horas na Biblioteca do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e ao que temos previsto que asista todo o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do citado centro e o alumnado de Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Nesta proposta está orientada ao público infantil conmemoraremos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS de 2026 e nela narrarase oralmente a historia da homenaxeada deste ano sempre dando pinceladas da obra e vida da mesma. Para finalizar faremos un obradoiro de debuxo no que realizaremos unha caricatura da autora homenaxeada este ano, unha das voces máis destacadas da literatura e do pensamento galego contemporáneo.
"É o memento non de cambiar as regras, senón de cambiar o xogo. é o momento de mudar o mundo, de introducir transformacións profundas e estruturais,pero tamén conceptuais; é o momento do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e tamén, porque non?, da felicidade".
Logo de máis de quince anos de traxectoria, a compañía Polo Correo do Vento tivo que cesar a súa actividade tras o falecemento dun dos seus integrantes. Este feito marcou o punto de partida do nacemento do Colectivo XURELO, que nace coa vontade de recoller e dar continuidade á herdanza de PCV, mantendo vivo o seu espírito e poñendo en valor a nosa cultura. Forman parte do Colectivo XURELO Kike Mauricio, Antón Ke, Marcelo Dobode e Alba Faro, ademáis da ilustradora Tania Solla.

O Concello adquiriu 100 exemplares do libro "BEGOÑA CAAMAÑO. Pequena biografía" de Polo Correo do Vento, ilustrado por Tania Solla e editado por Lela Edicións, e cada un dos asistentes a este evento será agasallado cun exemplar do mesmo; ademais tamén entregaranse varios exemplares á Bibliotecas do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, da EEI "A Galeriña" de Nesperiera e da Asociación ASPAVI, ata acabar as existencias.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger