xoves, 15 de maio de 2025

Conmemoración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS co contacontos ilustrado "CANTAREIRAS. A poesía popular nas Letras Galegas 2025" de Polo Correo do Vento


E para rematar as actividades deste mes o Martes día 20 de Maio ás 10:30 horas nas instalacións do CPI "Curros Enríquez" de Pazos visitarános outro ano máis Quique Mauricio e Carlos Taboada do colectivo POLO CORREO DO VENTO que nos traerán o Contacontos ilustrado "CANTAREIRAS: A poesía popular nas Letras Galegas 2025", baseado no libro do mesmo título dos citados autores, ilustrado por Tania Solla, e editado por Lela Edicións.

Con esta proposta orientada ao público infantil conmemoraremos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS nunha actividade na que se narrará oralmente a historia, sempre dando pinceladas da obra e vida das homenaxeadas deste ano, e faremos un obradoiro de debuxo no que realizaremos unha caricatura dunha cantareira galega.

O Concello adquiriu 100 exemplares do libro e cada un dos asistentes a este evento será agasallado cun exemplar; ademais tamén entregaranse varios exemplares ás Bibliotecas do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da Asociación ASPAVI, ata acabar as existencias.

Están convidados a asistir a esta actividade o alumnado de Infantil e 1º a 3º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e o alumnado de Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 14 de maio de 2025

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025 homenaxea á Poesía Popular Oral personificado nas Cantareiras

O vindeiro día 17 de Maio conmemoramos un novo DÍA DAS LETRAS GALEGAS desde que o 20 de marzo de 1963 os tres membros da Real Academia Galega -Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego- presentaran nesta institución unha proposta histórica: que se declarase ese día de cada ano "DIA DAS LETRAS GALEGAS" como data para "recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega". Por iso cada ano, nesta data, Galicia honra as súas Letras e a súa Lingua.

No ano 1963 celebrábase o centenario da publicación do libro "CANTARES GALLEGOS" de Rosalía de Castro, pero ignorábase a data da súa publicación por iso propúxose o día 17 de maio, por ser nese día cando Rosalía de Castro lle dedicou o seu libro ao tamén poeta Fernán Caballero; e así foi como se instituíu como festa anual do Día das Letras Galegas o 17 de maio. Escolleuse esta data porque "CANTARES GALLEGOS" foi o primeiro libro galego que tivo unha significación universal.

Neste ano 2025 acordouse homenaxear á Poesía Popular Oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.


Para mais información sobre as homenaxeadas e os actos que terán lugar arredor deste DÍA DAS LETRAS GALEGAS podedes acceder á páxina web da Real Academia Galega na seguinte imaxe:


E na páxina web Primavera das Letras atoparedes un montón de actividades para todas as idades. Podedes acceder á información facendo clic na seguinte imaxe:


Tamén tedes máis información na web do Seminario Galán á que podedes acceder clicando na imaxe:


E, por último, tamén tedes moita información na web do "Portal da Lingua Galega" da Secretaría Xeral de Política Lingüistica no que atoparedes moitos recursos e información sobre as cantareiras e a poesía popular oral.


Fonte: Real Academia Galega - Seminario  Galán - O Portal da Lingua Galega

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger