CHISPAS DA RODA
Autor: Fernando Quesada
Editorial Galaxia S.A., 1989
Xénero: Literatura Galega - Comic - Humor
Fernando Quesada ten que mandar un chiste a Madrid tódolos días, no tren expreso, que sae de Vigo ás oito e quince, hora da Renfe. Moitas veces o chiste queda rematado ás sete do serán -hora de Quesada, despois da sesta- e daquela non hai ningunha clase de problemas. Quesada chega á estación e na boca aberta -de tanto riso- do buzón expreso coloca o sobre e queda un instantiño ollando para a máquina en marcha -tanto ferro, tanto estrondo, tanto fume- co sorriso comprometido levián e vagantío, dun dimaniteiro.
Hai días -algúns- que os grandes personaxes da política internacional están que nin pintados a tinta china, pero dan as oito e Quesada está aínda en procura dos catro pés do gato, ata que, de súpeto, xorde a chispa e queda o traballo rematado. O expreso xa saíu, botando chispas, e o noso home ten que colle-lo seu "seiscentos" para atopa-lo tren, ás oito e trinta en Redondela.
Outras veces -poucas- o retraso de Quesada, non do tren, é maior e a viaxe en coche do debuxante ten de alongarse ata Porriño. De calquera xeito o traballo queda cumprido tódolos días, e Madrid non se enteira nunca -como sempre- dos traballiños, preocupacións, riscos e venturas que sofren as xentes das provincias para levar ós mercados da Capital mercadorías de todo tipo, incluíndo pasatempos e filosofías, gracias e retrancas.
Intelixente, preocupado, sabedor de moitas cousas -entre elas, vivir- Fernando Quesada forma parte do clan dos Quesada de Ourense, cindo irmáns artistas desde pequeniños, cando quedaron orfos de pai e cabían todos baixo dun queipo. A nai estaba triste, a casa estaba triste, había unha grande dificultade para vivir, os irmáns Quesada enchían as paredes do fogar de debuxos e pinturas, para disimular, como se quixesen fura-las pedras das paredes e abrir fiestras ó vento para ollar mellores días, felices tempos, que tardaban tanto. Polo Nadal os cativos artistas intercambiábanse oito, quince ou vinte tarxetas de Pascua e adicaban á nai a máis floreada e boniteira, como se presentasen, unha tras outra, as cartas credenciais dun lonxano país de sinxeleza e de frescura.
Agora, cada un está no seu, sempre dentro da arte, e Fernando está na gracia, no humorismo, na dificultade do chiste, arte sutil, tan inaprensible e difícil, que nin sequera ten un nome, un rótulo axeitado á súa profundidade verdadeira. ¿Como se chama o que escribe e pinta chistes? ¡humorista, caricaturista? ¿Poeta, filósofo, psicólogo? Non ten maior importancia. O importante é que Fernando Quesada acaba de saír polas rúas e corredoiras da terrar coa súa roda de chistes, e que escolleu para esta primeira saída un tempo que vai sendo de nadal, como cando era neno e non tiña máis xoguetes que aqueles que nacían do seu maxín de neno pensativo, das súas mans orfas do agarimo do pai. Pregunto eu, se daquelas tristuras, puido vir un tempo de rir, e respondo que puido, si señor, non faltaría máis.
Emilio Álvarez Blázquez
ISBN: 84-7154-676-0
Encadernación: Tapa branda