mércores, 13 de decembro de 2023

ENTREGA DE PREMIOS DO "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

No pasado mes de outubro informábamos da convocatoria do "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" na súa 5ª edición no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2022/2023 e/ou 2023/2024; e tamén abríamos a convocatoria aos usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no concello de Pazos de Borbén.


Como xa sabedes de edicións anteriores, con esta nova convocatoria o Concello pretende seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritasestimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.

Este ano ampliouse o número de categorías para participar a sete (7), dúas máis que nos anos anteriores, incluíndo por primeira vez ao alumnado de Infantil e ao colectivo de persoas con diversidade funcional.

O prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 2 de outubro e o 15 de Novembro de 2023; e a  nosa sorpresa foi que se presentaron un total de 149; un récord total en todos os anos de existencia deste pequeno certame literario; foron 91 máis que os presentados o ano pasado.

Os participantes podían presentar un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e entregalo na Biblioteca.

Na Categoría A presentáronse 13 participantes, todos eles persoas con diversidade funcional pertencentes á Asociación ASPAVI, que entregaron cadanseu debuxo ou relato.

Os participantes da Categoría B presentaron un debuxo cada un, e así o fixeron 43 alumnos e alumnas de Infantil do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira.

Na Categoría Cforon 25 rapaces e rapazas de 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos os que participaron cun debuxo cada un con algunha frase alusiva aos debuxos presentados.

O alumnado de 3º e 4º de Primaria, pertencentes á Categoría D presentaron un total de 18 traballos.

Na categoría E -alumnado de 5º e 6º de Primaria- presentáronse un total de 25 relatos.

O alumnado de 1º e 2º de ESO –Categoría F- presentaron un total de 15 traballos e na Categoría G –alumnado de 3º e 4º de ESO- foron 10 os participantes.

Nas bases do certame establecérase que a temática dos relatos era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.

Desde BIBLIOPAZOS animamos desde un principio a todo o profesorado, pais, nais e demais familiares do alumnado e á dirección, persoal, etc., dos centros educativos e de atención a persoas con diversidade funcional do concello para que os estimularan a escribir e a participar nesta nova edición do certame, e parece que deu resultado.

Para motivar á participación realizáronse 13 sesións de dous Obradoiros de Creación Literaria denominados “Escribir para contar 2” e “Relato-Exprés. A personaxe da aula”, impartidos, respectivamente, polos escritores Miguel Anxo Alonso Díz e Andrea Barreira Freije (recente gañadora do VII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba (Lugo) e Edicións Xerais de Galicia); aos que asistiron os usuarios da Asociación Aspavi e todo o alumnado de Infantil, Primaria e ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira; en total uns 207 escolares  dos centros educativos do municipio e uns 20 usuarios da Asociación Aspavi.


xurado do certame reuniuse o pasado día 1 de decembro e xa ten decidido ás premiadas e premiados nesta 5ª edición do certame que se darán a coñecer o próximo martes 19 de decembro nun acto que se realizará no Auditorio do Concello a partir das 12:00 horas e no que participarán ademais dos presentados ao certame, mestres, monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da corporación; os membros do xurado; e representación da Deputación Provincial de Pontevedra.

Por último comentar que esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio  o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger