sábado, 28 de outubro de 2017

SAMAÍN


SAMAÍN
Autor: Clara de Saá 
Ilustracións: Sandra Fernández 
Radio Galega
Kalandraka Editora S.L 

Xénero: Literatura Infantil en galego -Contos 

Idade  recomendada: +3 años 

O día un de novembro é o primeiro do ano no calendario celta e celébrase a tradicional noite de Samaín, na que ocorren cousas máxicas e póñense cabazas con velas acesas nas portas das casas.

Fermín, o monstro das castañas, que comía de dúas en dúas, preparouse para o concurso de sustos desa noite. Quería ser o gañador. Peiteando a súa longa melena vermella descubriu no espello, alarmado, que o seu pelo era agora verde. Así non podería asustar aos nenos.

A rata Casilda, unha experta gañadora do concurso de sustos varios anos, díxolle que lle pasase por comer tantas castañas na noite de Samaín. Suxeriulle facer máis terrible o seu aspecto poñendo un rabo longo: atou unha corda á cintura, pero enredouse con ela. Probou a poñer dentes e bigotes de rata coas pinzas da roupa e os cordóns dos zapatos, pero non era capaz de falar ben e os bigotes facíanlle cóxegas.

Uns nenos que o viron con esa pinta riron del. Entón púxose contento e xa non lle importou non poder gañar o concurso de sustos: este ano faría rir.

ISBN:84-8464-034-5 
Nº de páxinas:32 
Encadernación: Cartoné
Formato: 17 x 23 cm

venres, 27 de outubro de 2017

AS PALABRAS FERIDAS


AS PALABRAS FERIDAS
Autor: Jordi Sierra i Fabra
Tradución: Xesús Domínguez Dono
Editorial Galaxia S.A.
Colección Costa Oeste

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

Estamos, sen dúbida, diante dunha das mellores novelas de Jordi Sierra i Fabra.

Unha historia sobre a liberdade e o poder das palabras para cambiar o mundo. Nun país dominado por líderes que non deixan pensar, no medio dun cárcere perdido no medio da nada máis baleira, mergullado nunha realidade abafante que anula a personalidade en nome da “patria”, o protagonista desta historia, responsable da vixilancia dun vello profesor e poeta detido por “disidente”, comprobará como o seu mundo se derruba por dentro ao descubrir a forza indestrutible do amor.

E que quen ama, é libre de verdade.

ISBN: 978-84-9151-025-3
Páxinas: 196
Deseño: Rústica
Dimensións: 13,5 x 21 cm

xoves, 26 de outubro de 2017

BIBLIOPAZOS RECIBE UN DOS PREMIOS MARIA MOLINER 2017

O pasado día 24 de outubro foi un día MOI ESPECIAL para a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos e para o persoal que traballamos na mesma.

Ese día coincidindo coa celebración do DÍA DA BIBLIOTECA déronse a coñecer os 300 proxectos premiados na XVIII Campaña de animación á lectura María Moliner 2017, convocada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación Coca-Cola.

Entre os premiados atópanse 14 bibliotecas galegas, e entre esas 14 bibliotecas galegas está a de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS".

É o primeiro ano que nos presentamos a estes premios e estamos moi ledos de ter recibido este recoñecemento á labor bibliotecaria no noso concello polo proxecto presentado: "Conta, canta, le e aprende na natureza".

Este recoñecemento non sería posible sen a colaboración de moitas entidades e persoas coas que queremos compartir e facer extensivo o mesmo pola súa axuda na realización e organización das actividades e/ou o patrocinio das mesmas:


O noso especial agradecemento para:

  • Uxía Porrit Lueiro, mestra do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.
  • Alvaro Martínez Leiro, Presidente da Comunidade de Montes de Moscoso.
  • Antonio Fernández Costas, Presidente da Comunidade de Montes de Borbén.
  • Jorge Alvarez García, veciño de Amoedo.
  • Isabel Comesaña Fernández, veciña de Nespereira.
  • Ruth Galindo, bibliotecaria de Híjar - Las Gabias (Granada).
  • Mª Elena Becerra e Mª José Villar de Bibliotecas de Redondela.
  • Ledicia Costas, escritora.

E, por último, agradecer tamén a todos os profesionais que participaron nas actividades de BiblioPazos.

Esta concurso de carácter estatal ten por obxecto premiar a aquelas bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo proxectos de animación á lectura, especialmente entre nenos e xóvenes, así como actividades de integración social con poboación en risco de exclusión social ou con algún tipo de discapacidade, e proxectos de boas prácticas na labor bibliotecaria.

Presentáronse 604 proxectos este ano, e a comisión de valoración seleccionou aos 300 mellores, tendo en conta criterios como a claridade e o interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e a viabilidade do proxecto, así como a orixinalidade e a inmersión en novas tecnoloxías que conteña a proposta. A estas 300 bibliotecas outorgaselle un premio metálico de 1706,66 euros para a compra de libros.

Ademais, a comisión de valoración concede tres premios especiais dotados con 12.000,00 euros, un para bibliotecas de municipios de menos de 5.000 habitantes, outro para bibliotecas de municipios entre 5.001 e 20.000 habitantes e outro para bibliotecas de municipios entre 20.001 e 50.000 habitantes.

Este ano o premio especial para bibliotecas de municipios entre 5001 e 20000 habitantes foille concedido á Biblioteca Pública Municipal de Verín polo seu proxecto Voluntariado cultural con chic@s para el fomento de la lectura, do cal a comisión de valoración destaca a súa consolidación como un referente cultural na súa localidade, e o seu carácter transfronteirizo levando as actividades da biblioteca a aldeas cercanas de Portugal.

Desde BIBLIOPAZOS queremos felicitar ás 14 bibliotecas galegas seleccionadas, en especial á Biblioteca Pública Municipal de Verín, polo seu bo traballo de dinamización e animación á lectura, e ás bibliotecas veciñas de O Porriño e Redondela.

MÁIS INFORMACIÓN:
 

PITUSA SEMIFUSA E OS ESTILOS MUSICAIS

PITUSA SEMIFUSA E OS ESTILOS MUSICAIS
Autora: Olga Brañas
Ilustracións: Leandro Lamas
Editorial Galaxia S.A., 2017
Colección Sonárbore nº 25
1ª edición, 1ª impresión, 2017

Xénero: Música - Poesía - Libro-CD

Idade recomendada: +3 anos

Ven coñecer o blues, o reggae, o funky, o swing, o hip hop… e non pararás de cantar e de bailar!

A vida está chea de cores e de sabores diferentes, tamén de estilos musicais.

Pitusa Semifusa váinolos ensinar!!!

ISBN: 978-84-9151-066-6
Nº de páxinas: 24
Deseño: Cartoné
Dimensións: 24 x 21 cm

mércores, 25 de outubro de 2017

A SOIDADE DAS MEDUSAS


A SOIDADE DAS MEDUSAS
Autora: Iria Collazo López
Ilustracións: Luz Beloso
Editorial Galaxia S.A., 2016
Colección Costa Oeste

Xénero: Literatura Xuvenil Galega - Narrativa

Que poden ter en común unha pianista, un escritor, unha nena, un vello e unha reputada fotógrafa.....

Que poden ter en común unha pianista exitosa, protagonista dunha historia inexistente que nunca poderá ser contada, un escritor pechado contra a súa vontade nun apartamento no medio dun mar de rañaceos, unha nena de ollos tristes e pasado cruel que foxe do vento, unha reputada fotógrafa con ansias de voar lonxe, os soños dun vello inconsciente no deserto do hospital ou unha oficinista presa dos seus propios rituais e dun amor imposible? A resposta está nos relatos deste libro.

A soidade das medusas, cheo de personaxes que transitan por un océano de encrucilladas onde, como dixo a filósofa María Zambrano, "todo ten dereito a ser, incluso o que non puido existir endexamais".

ISBN: 978-84-9151-019-2
Nº de páxinas: 84
Deseño: Rústica
Dimensións: 13,5 x 21 cm.

martes, 24 de outubro de 2017

INVENTARIO ILUSTRADO DE ANIMAIS


INVENTARIO ILUSTRADO DE ANIMAIS
Ilustracións: Emmanuelle Tchoukriel
Tradución: Fernando Moreiras
Factoría K de Libros, 2014
Kalandraka Editora

Xénero: Libros infantís - Ciencia - Zooloxía

Idade recomendada: +6 anos

...Dende os polos aos trópicos, por desertos e montañas, en bosques e granxas. Un catálogo darwiniano da fauna.

... Determinadas especies, como o tigre ou o chimpancé, xa comezan a escasear; outras, como o rinoceronte negro, a foca monxe ou a tartaruga de coiro, volvéronse moi escasas; e outras, como o órix, xa non se dan en estado salvaxe.

Esperamos que esta obra impulse a protexelos e, de forma xeral, fomente a curiosidade e o respecto cara a estes animais tan fermosos...

“Inventario ilustrado de animais” reúne un cento de exemplares de fauna representativa de todo o mundo, tanto vertebrados -mamíferos, aves, peixes, anfibios, réptiles- como invertebrados que, con más de 60 clases, representan o 95% das especies animais.

De cada un indícase o seu nome científico e común, e engádese unha descrición que acompaña a ilustración, naturalista e coloreada con acuarela.

Os animais clasifícanse xeograficamente: en bosques tropicais, zonas desérticas, sabanas, montañas e bosques temperados, rexións polares, océanos, costas e ribeiras, zonas habitadas e granxas.

Dende o tucán á vaca, pasando polo dromedario, o leopardo, o lobo gris, a píntega, o oso polar, o golfiño, a libélula ou o pavo real, este libro é un interesante catálogo darwiniano, para contribuír ao coñecemento do medio natural e, por tanto, á súa conservación.

ISBN: 978-84-15250-34-0
Nº de páxinas: 80
Formato: 21,5 x 30 cm.
Encadernación: Tapa dura

luns, 23 de outubro de 2017

CANDO CAE A LUZ

 


CANDO CAE A LUZ
Autora: María Canosa
Urco Editora
Colección Alcaián

Xénero: Literatura Galega - Narrativa - Relatos

«Moitas veces ouvín dicir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo», así dicía Ánxel Fole. Claro que, arredor dunha lareira, coas tebras da noite caendo sobre as costas, as lapas bailando na negrura e debuxando monstros na cara, as palabras dos relatos podían vestir de negro os pensamentos máis agochados. Naquela escena resultaba máis críbel e aterrador.

Noites de inverno nas que as palabras, o caldo e o viño quecían máis que o propio lume. Traballar pola fresca da mañá e xuntarse para falar ao cabo do día eran os fitos que marcaban o calendario. Falar. Comunicar. Transmitir. Compartir.

Os radiadores, a calefacción, quentaron os corpos e arrefriaron os corazóns.

Claro que os lobos seguen a existir. Non son tan doados de ver. Ocúltanse no monte e baixan silandeiros, en forma de sombras, ruídos, bicos traizoeiros, treboadas, badaladas… Transformáronse co paso do tempo, mais os lobos habitan o mundo e acoden a nós...   cando cae a luz.

ISBN: 978-84-15699-97-2
Nº de páxinas: 121
Formato: 13,3 x 21 cm

domingo, 22 de outubro de 2017

INVENTARIO ILUSTRADO DE ANIMAIS CON COLA



INVENTARIO ILUSTRADO DE ANIMAIS CON COLA 
Dirección: Virginie Aladjidi 
Ilustracións: Emmanuelle Tchoukriel 
Textos: Lucile Guittienne e Pierre-Antoine Gérard 
Tradución: Fernando Moreiras 
Factoría K de Libros, 2014 
Kalandraka Editora

Xénero: Libros infantís - Ciencia - Zooloxía

Idade recomendada: +6 anos

Para non perder o equilibrio, desprazarse, comunicarse, atacar ou defenderse...

A cola destes animais é máis importante do que parece e este álbum descúbrenos as formas, cores e funcións deste curioso apéndice en especies de todo o mundo.

ISBN: 978-84-15250-76-0 
Nº de páxinas:48 
Formato: 21,5 x 30 cm. 
Encadernación: Tapa dura

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger