sábado, 24 de novembro de 2018

O LADRÓN DE SOÑOS | O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN I


O LADRÓN DE SOÑOS
O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN I
Autor: Fernando M. Cimadevila Botana
Ilustrador: Ivan Valladares González
Urco Editora

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

Achégase unha nova Era, as antigas portas féchanse definitivamente, os reinos que durante séculos lindaron as fronteiras do noso mundo esvaécense entre as brumas das lendas. Durante anos o profesor Hoffman, explorador de mundos ocultos, dedicou non poucos esforzos a desvelar os seus segredos. Mais só cando o seu sobriño Peter chega ao vello casarón Hoffman para pasar as vacacións de Nadal, o destino une as súas vidas dando comezo así á batalla definitiva na que se porá en xogo o noso ben más prezado: o poder da imaxinación.

Aquí comeza a saga do profesor Basilius Hoffman: historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. E a súa viaxe na procura do lendario Diario do Cartógrafo, na que descubriremos cidades perdidas no profundo da noite, sociedades secretas, misteriosas criaturas, poderosas reliquias sagradas, imposíbeis aparellos mecánicos, e unha infinidade de curiosos personaxes.

ISBN: 978-84-938121-9-5
Nº de páginas: 348
Encadernación: Tapa branda
Formato: 15,5 x 23 cm.

FRONTE A VIOLENCIA DE XÉNERO SÓ CABE UNHA RESPOSTA. SEN NUNGÚN XÉNERO DE DÚBIDA. NON



Dende a Biblioteca Pública de Pazos de Borbén, unímonos á nova campaña da Xunta de Galicia contra a violencia de xénero.

Dicimoslle NON a todas a formas de violencia de xénero, violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual e abusos sexuais, acoso sexual, e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

A campaña rematará o próximo día 25 de novembro, terá lugar en Santiago de Compostela a sexta edición da andaina "Camiño ao respecto", que sairá dende o Monte do Gozo ás 11:00 horas ata a Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto contra da violencia de xénero, aproximadamente ás 12:30 horas.


venres, 23 de novembro de 2018

ALAIA E A DEUSA


ALAIA E A DEUSA
Autor: Tomás González Ahola
Ilustrador: José Ángel Ares
Urco Editora

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

Alaia, unha moza da tribo dos neiros, ten que abandonar o seu castro natal para ir traballar á cidade de Thaladé, construída enriba do bravo Mar Poñente. Alí coñecerá a crueldade dos amos e as contradicións da mal chamada civilización, mais tamén descubrirá o maior dos segredos que gardan os seus túneles ancestrais. Así e todo, a máis grande aventura de Alaia será coñecer ese prodixioso misterio que se agocha no corazón do ser humano: o amor verdadeiro.

ISBN: 978-84-15699-56-9
Nº de páxinas: 144
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13 x 19,5 cm.

xoves, 22 de novembro de 2018

ORGULLO Y PREJUICIO


ORGULLO Y PREJUICIO
Autora: Jane Austen
Edita: Penguin Random House Grupo Editorial

Colección: Penguin Clásicos

Género: Literatura en Castellano - Novela

A lo largo de una trama que discurre con la precisión de un mecanismo de relojería, Jane Austen perfila una galería de personajes que conforman un perfecto y sutil retrato de la época: las peripecias de una dama empeñada en casar a sus hijas con el mejor partido de la región, los vaivenes sentimentales de éstas, el oportunismo de un clérigo adulador... El trazado de los caracteres y el análisis de las relaciones humanas sometidas a un rígido código de costumbres, elementos esenciales de la narrativa de la autora, alcanzan el Orgullo y Prejuicio cotas de maestría insuperable.

ISBN: 978-84-9105-132-9
Nº de páginas: 349
Encuadernación: Tapa dura
Formato: 13 x 19,5 cm.

mércores, 21 de novembro de 2018

EXPOSICIÓN "A HISTORIA DA LITERATURA FANTÁSTICA"


A Biblioteca Pública Municipal (BiblioPazos)  do Concello de Pazos de Borbén inaugura o próximo día 26 de novembro a exposición "A HISTORIA DA LITERATURA FANTÁSTICA", unha nova actividade de dinamización e de promoción do libro e a lectura cedida temporalmente pola editorial URCO editora que leva itinerando por centros de ensino, bibliotecas e librarias desde fai uns poucos anos.

A exposición estará ubicada no vestíbulo da Casa do Concello e se poderá visitar ata o día 21 de decembro.

Abrangue desde o nacemento da literatura fantástica da man do mito e o fenómeno relixioso até o desenvolvemento da mesma na nosa lingua, pasando pola novela gótica, o "pulp", a fantasía épica "tolkiana", os distintos subxéneros que se desenvolveron no século XX e moito máis, para ofrecer unha panorámica xeral deste xénero tan demandado por lectoras e lectores de todas as idades.

Está composta de 7 paneis ríxidos de 70 x 100 centímetros estruturados da seguinte forma:

1.- O berce da fantasía.
2.- Castelos, fantasmas e Edgar Allan Poe.
3.- Pulp Fiction.
4.- Triloxías, Elfos e un señor chamado Tolkien.
5.- Fantasías modernas e un mundo de posibilidades.
6.- Galiza fantástica.
7.- A besta multiforme: Algúns subxéneros da fantasía.


Fotografía:
Paula Gómez del Valle
Para complementar esta actividade o día 19 de decembro ás 13:00 horas terá lugar no Auditorio do Concello unha Charla-coloquio que será impartida polo especialista en literatura fantástica e editor de URCO editora DAVID CORTIZO á que están convidados todos os alumnos de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e todos aqueles socios e usuarios de biblioteca, e veciños que desexen asistir á mesma.

Animádevos a visitar esta interesantísima exposición e a asistir á charla-coloquio.

ALÉN DO MURO DO SOÑO E OUTROS CONTOS MACABROS


ALÉN DO MURO DO SOÑO E OUTROS CONTOS MACABROS
Autor: H.P. Lovecraft
Edita: Urco Editora

Xénero: Literatura en Galego - Narrativa

Velaquí un Lovecraft novo, fresco, cargado de forza xuvenil que trae lembranzas dos grandes clásicos do xénero sobrenatural. Edgar Allan Poe, Arthur Machen, William Hope Hodgson, Lord Dunsany... podemos ouvir ecos de todos eles nos relatos que se recompilan neste volume, contos todos eles escritos entre 1917 e 1920. Achámonos, daquela, nos primeiros traballos publicados do Solitario de Providence, moi debedores dos pioneiros que arriba mencionamos, mais nos que xa se ve ás claras o xermolo do grande narrador de pesadelos do século XX. As tumbas e as posesións fantasmais altérnanse con ese xa ben coñecido temor atávico ao mar, os cultos impíos, as civilizacións dun pasado inimáxinabel, as deidades das estrelas... Este libro supón unha pedra de torque, un punto de unión no que se equilibra, dunha banda, a traición terrorífica do XIX e por outra, o novo terror materialista que o propio Lovecraft levou até as cotas máis elevadas.

ISBN: 978-84-15699-31-6
Nº de páxinas: 177
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13 x 21 cm.

O GUME ÍGNEO | OS GARDIÁNS DO SAMPO I


O GUME ÍGNEO
Os gardiáns do Sampo I
Autor: Timo Parvela
Ilustrador: Jussi Kaakinen
Urco Editora

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

Nun pasado remoto, alén das néboas do tempo, houbo unha gran guerra. O bardo Väinämöinen, das terras de Kalevala, e mais a feiticeira Louhi de Pohjola, o país das tebras, enfrontáronse nunha batalla sen cuartel por posuír o Sampo, un muíño máxico que traía prosperidade ás xentes que o posuísen. Como resultado da contenta, o artello milagreiro ficou feito cachizas e formou as estrelas do firmamento, dando luz e vida ás terras da humanidade, pero Väinamöinen apañou e agochou os anacos máis grandes para que o Mal nunca se fixese con eles.

Máis isto é historia pasada... Ou non.

A vida de Ahti é como a de calquera outro adolescente finlandés, mais el garda un segredo: vive só e ninguén o sabe. Polo demais, vai ao colexio, está a montar un grupo de música folque cos seus amigos Ilmari e Anni, e goza mentres pode da súa benquerida liberdade sen a tutela dos adultos.

Porán, todo cambia canto unha vella arpa finlandesa cae nas súas mans. Este instrumento, procede dos tempos lendarios, levarao a descubrir que é descendente, xunto con Ilmari e Anni, dos Gardiáns do Sampo, unha antiga orde destinada a protexer o mundo contra as tebras.

Xuntos hanse embarcar nunha aventura sen precedentes onde as antigas lendas cobran vida e unha nova sombra se ergue sobre o mundo para o alagar de maldade e unha nova noite eterna.

ISBN: 978-84-16212-68-7
Nº de páxinas: 236
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13,5 x 21 cm.

martes, 20 de novembro de 2018

CICLO "ENCONTRO CON AUTORES" - PAULA CARBALLEIRA


CICLO "ENCONTRO CON AUTORES" 

O martes 27 de novembro estará connosco Paula Carballeira para participar no "Ciclo de Encontro con Autores" co que pretendemos que os lectores e lectoras de Pazos de Borbén compartan historias e experiencias con autores e autoras galegos traballando e comentando algunha das súas obras escritas na nosa lingua nai.

Paula Carballeira estará cos rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e centrará o seu encontro no seu libro "Smara", editado pola editorial Kalandraka e ilustrado por Carole Hénaff.

Esta obra foi recoñecida co Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Mellor Ilustrado no 2006 e a Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich incluiuno na selección The White Ravens 2007.

"Smara" é a historia da viaxe dun neno a un lugar do Sahara, onde coñece a Avoa Ugago, que fora unha poderosa maga protectora da cidade fronte os intrusos. Ela cóntalle historias do seu pobo, os Fillos das Nubes.

“…Se algún día viaxas ao deserto, busca a cidade con aroma a cravo e fume, a perfume de muller. As súas noites están tapizadas de estrelas e gardadas por dunas de area fina. Se algún día viaxas ao deserto pregunta pola Avoa Ugago, a dos cabelos brancos. Se tes a sorte de atopala, pídelle que che conte as historias que garda na súa memoria…”
Lectura recomendada para os socios e usuarios de BiblioPazos maiores de 9 anos.


Esperámosvos en BiblioPazos!!!

NON HAI LUZ SEN ESCURIDADE


NON HAI LUZ SEN ESCURIDADE
Autora: Andrea Barreira Freije
Ilustrador: José Ángel Ares
Urco Editora

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

No mundo de Lea só hai escuridade e frío, non hai lugar para a luz ou a calor. Para unha feiticeira das tebras non hai outra opción, e menos cando se é filla dos Señores da Noite. Para desenvolver ao máximo os seus poderes, terá que ir na procura dun dragón a quen debe domar.
Acompañada dun corvo teimudo e unha loba que é a súa sombra, internarase nun camiño cheo de claroscuros no que atopará o que máis teme: a si mesma.

ISBN: 978-84-15699-68-2
Nº de páxinas: 189
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13 x 19,5 cm.

luns, 19 de novembro de 2018

ACTUACIÓN DE PAULA CARBALLEIRA NO 3º CICLO DE TRADICIÓN ORAL

O próximo venres 23 de Novembro estará con nos PAULA CARBALLEIRA para continuar co 3º Ciclo de Tradición Oral.


Ás 13:30 horas contarános as súas "Historias de arrepío".
"O medo é unha das poucas cousas que non buscas. Ao medo atópalo. Os chamados "contos de medo" só perseguen un momento de arrepío do momento, unha lixeira inquedanza, unha sensación de vento frío que che aloumiña o pescozo. Candeas, aparecidos, ánimas en pena, agoiros, avisos...
Ben se pode dicir que o arrepío forma parte do outono e do inverno, e dalí proceden a maioría destas historias, das longas e escuras noites coa néboa ás portas. Contos que foron tecendo narradoras e narradores anónimos, ás veces recollidos por escrito, a maioría transmitidos oralmente para lembrarnos que a morte está á espreita, e que por iso hai que sentir con intensidade, tremer e rir cando o medo nolo permita, para esquecer por un momento o que agochan as tebras."
E ás 20:00 horas estará de novo co público con "Os contos que me contaron".
"Cando era nena non me contaron moitos contos, pero si me abriron as portas a moitas intrigas que me fixeron buscar as historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que descoñecía, na vida pola que ía camiñando, case correndo. Despois de adicarme á narración oral como profesión, oficio artístico, desde hai máis de vinte anos, descubrin que os contos veñen a min. Son contos que comparten as persoas que precisan lembrar e que lembres, que falan de quen somos, de onde vimos. Dalgún xeito, responden as grandes preguntas, gardan os misterios, fannos sorrir, rir, pero, sobre todo, pretenden facernos sentir a gusto, en boa compaña."
NON FALTEDES!!


O XOGO DE ENDER


O XOGO DE ENDER
Autor: Orson Scott Card
Edita: Urco Editora

Xénero: Literatura en Galego - Narrativa

A humanidade descobre que non está soa no universo no peor dos escenarios posíbeis: os abázcaros intentan, por dúas veces, conquistalos e aniquilalos e só a sorte e a intuición dun líder lendairo logran salvala. En 2070 o medo a unha terceira invasión e omnipresente. Todos os países unidos baixo un único mando fan unha última aposta desesperada: comezan a adestrar nenos para que defendan a Terra dos abázcaros, e Andrew Ender Wiggin, un destes pequenos soldados, pode ser a última esperanza da humanidade.
O mellor xeito de que aprendan a facer a guerra é a través duns xogos fantásticos que dan nome a esta obra e que determinarán o futuro, non só do protagonista, senon tamén da raza humana e, se callar, da abázcara.

ISBN: 978-84-938558-6-4
Nº de páxinas: 346
Encadernación: Tapa branda
Formato: 15,5 x 23 cm.

domingo, 18 de novembro de 2018

...ALÉN DO REMUÍÑO


...ALÉN DO REMUÍÑO
Autor: Roberto A. Rodrigues
Ilustrador: José Ángel Ares
Urco Editora

Colección: Urco Xuvenil

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

Xoel posúe unha imaxinación portentosa. Pode ver dragóns alí onde os demáis só ven lagartas, sereas nadando nos charcos, un pastando na lúa, gnomos choutando no arco da vella... mais este don marabilloso tan só semella traerlle desgrazas.

Un novo traslado no traballo do seu pai abrígao a cambiar de escola, e hoxe precisamente é o primeiro día. A experiencia resulta traumática e algúns compañeiros recíbeno con formas pouco amábeis. Malia que Xoel trata de evitar problemas, á fin hase ver inmiscido en asuntos disciplinarios.

Entristecidos, asume que o seu maxín voador é unha negra maldición. Porén, no momento de cumprir o castigo, desencadearanse uns misteriosos acontecementos que lle farán comprender que nesta vida nada é o que parece, e que hai no mundo cousas invisíbeis que, moitas veces, son máis importantes que aquelas que se ven.

ISBN: 978-84-15699-71-2
Nº de páxinas: 178
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13,5 x 19,5 cm.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger