luns, 2 de abril de 2018

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

https://www.dropbox.com/s/mrp4wk880hget5c/2018%20Cartel%20Dia%20Internacional%20Libro%20Ifantinl_gl.jpg?dl=0

Un novo ano BIBLIOPAZOS quere sumarse aos actos para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebrou en todo o mundo o pasado 2 de abril e que en España promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (Internacional Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e Galzagorri Elkartea.

Dende o ano 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andresen, o IBBY promove a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do DIA DO LIBRO INFANTIL e selecciona un escritor/a representativo e a un/unha recoñecido/a ilustrador/a do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e promóvese a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librarías, etc.

Este 2018, o país encargado é Letonia: a mensaxe é unha creación da escritora e editora Inese Zandere e o cartaz, do recoñecido ilustrador Reinis Petersons. 

Descarga facendo clic AQUÍ o díptico coa mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e coa información dos autores da mensaxe e do cartaz.

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2018

OS LIBROS FAN GRANDE O MÁIS PEQUENO
As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa. Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.

A inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía... son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina, a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non estamos pensando en Deus ou nos fractais. Un libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.

Nun libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e atopar a súa propia historia, un indicio sobre as súas vidas incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa integridade.

Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro.

Escrito por Inese Zandere 
Traducido por Ana Luna e Antía Marante 
Ilustrado por Reinis Pētersons
Este ano pedimos disculpas por non ter realizado ningunha actividade neste mes de abril, pero por razóns alleas á vontade dos que traballamos na biblioteca, non foi posible preparar con tempo ningunha actividade para celebrar nin este día nin o Dia Mundial do Libro o 23 de abril. Esperamos nos próximos meses do ano compensar esta falta de actividades no mes do libro, con outras moitas que temos pensado levar a cabo.

Mentres tanto animóvosmos a ler esta Mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e a gozar da lectura de calquera libro que teñades pola casa, no colexio ou que podedes vir buscar á biblioteca.


BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger