Este Certame foi convocado, na súa 3ª edición, no mes de setembro pasado ao pouco de iniciarse o Curso escolar 2021/2022; e xunto coa convocatoria para reforzar e animar a escribir na nosa lingua ao alumnado, organizáronse tamén varios Obradoiros de Narrativa Breve para os alumnos de 5º e 6º de Primaria e os de 1º e 2º de ESO que foron impartidos pola filóloga, docente, escritora, guionista, dramaturga, narradora oral e humorista Carmen Conde Gaute de Tarabela Creativa SC.
O prazo para presentar os relatos rematou o día 15 de novembro e, nesta edición, participaron 67 alumnos e alumnas de Primaria e de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos que presentaron un número igual de relatos nas distintas categorías:
- Categoría A - 1º e 2º de Primaria 11 relatos.
- Categoría B - 3º e 4º de Primaria 18 relatos.
- Categoría C - 5º e 6º de Primaria 33 relatos.
- Categoría D - 1º e 2º de ESO 5 relatos.
- Categoría E - 3º e 4º de ESO 0 relatos.
Os obxectivos desta edición, como nas anteriores, é a de seguir fomentando a creatividade entre o alumnado do municipio, potenciar a expresión e a comprensión escrita, estimular o uso da lingua galega entre os escolares, fomentar a escrita na nosa lingua entre os mais mozos -particularmente no ámbito da narrativa/relato breve-, e facilitarlles unha motivación para facelo como é a de participar nun certame literario.
O Xurado -presidido pola Concelleira Mª Dolores Santoro Couñago, no que actuou como secretario José Manuel Soto Virulegio, funcionario encargado da Biblioteca municipal; e no que formaron parte como vocais os mestres do CPI "Curros Enríquez" de Pazos Uxía Porritt Lueiro e Manuel González Pastoriza; a filóloga, docente, artista e narradora oral Ana Mª Vázquez Facchini; e a filóloga, docente, escritora, guionista, dramaturga, narradora oral e humorista Carmen Conde Gaute- reuníuse o xoves 2 de decembro para decidir os premiados e premiadas desta 3ª edición e coincidiu en valorar o excelente nivel en xeral dos relatos presentados, así como a meritoria e destacable labor que desenrolaron os pais, nais, titores e o profesorado dos alumnos participantes para documentar, dirixir e canalizar debidamente os seus relatos.
Os relatos galardoados daránse a coñecer no Acto de Entrega de Premios do III CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén que se celebrará o próximo venres día 17 de decembro a partir das 11:30 horas no Auditorio do Concello, no que están convidados todos os participantes e os seus mestres e mestras.
Esta actividade forma parte do programa de Obradoiros e Certame de creación literaria incluído no proxecto de actividades de dinamización da lingua galega do ano 2021 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra.
Os relatos premiados serán próximamente publicados no Blog e Redes Sociais da Biblioteca e do Concello, tal e como se indica no apartado 6 das bases do certame.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.