sábado, 14 de outubro de 2017

COCIDO SINFÓNICO


COCIDO SINFÓNICO 
Textos e Música: Os tres TENedORES
Ilustracións: Dani Padrón 
Editorial Galaxia S.A.
Colección Sonárbore 

Xénero: Música - Poesía - Libro-CD

Idade recomendada: + 3 anos 

Receita para facer un cocido sinfónico ou sinfonicocido sen desafinar de máis.

Listo para degustar un Cocido Sinfónico?

E iso que clase de comida é?

O Cocido Sinfónico está preparado con sopa morniña en clave de sol polos Tres Tenedores, os únicos cociñeiros do mundo tan tolos como para ser quen de inventarse algo tan disparatado e divertido.

Todas as cancións que atoparás aquí están preparadas a base de boa música, retrousos divertidos e cancións de primarísima calidade. Tómase sen culler nin prato.

Atréveste a probar este "sinfonicocido"?

ISBN: 978-84-9865-558-2
Nº de páxinas: 24
Deseño: Cartoné
Dimensións: 24 x 21 cm.

venres, 13 de outubro de 2017

ESTAMOS NO VERÁN!!!


ESTAMOS NO VERÁN!!!
Autores: Charo Pita & Xoán Curiel
Ilustracións: Ivan R.
Editorial Galaxia S.A.
Colección Sonárbore + grande

Xénero: Literatura Galega - Narrativa - Música - Libro-CD

Idade recomendada: +6 anos

ESTAMOS NO VERÁN!!! é unha fascinante novela-disco que nace da colaboración entre a escritora Charo Pita e o músico Xoán Curiel.

En forma de diario, cóntasenos a historia dun grupo de amigos xusto cando o verán comeza.

O seu máis grande soño: ter un grupo de música.

Neste libro, espectacularmente ilustrado por Iván R. convidámoste a acompañar a esta pandilla nunha aventura musical á que Xoán Curiel e os seus músicos puxeron unha espectacular e diversa banda sonora a ritmo de rock, blues, funky ou bossa nova, entre outros.

ISBN: 978-84-9865-520-9
Nº de páxinas: 60
Deseño: Cartoné
Dimensións: 17 x 24 cm


xoves, 12 de outubro de 2017

CLARA E O RAPTO DO SOLPOR


CLARA E O RAPTO DO SOLPOR
Autor: José Julio Fernández Rodríguez
Ilustrador: Enrique López López
Hércules de Ediciones S.A., 2017
Colección: Novas lecturas de Hércules

Xénero: Literatura en galego - Contos

Idade recomendada: +9 anos

"Clara e o rapto do solpor" cóntanos esta fascinante aventura:

Un gran desastre está a piques de ocorrer por culpa da malvada contaminación: a preciosa posta de sol corre perigo. Só Clara pode impedilo, pero ela aínda non o sabe? Os seus amigos do bosque serán imprescindibles para axudala nesta complicada misión.

"Unha aventura fascinante sobre a valentía, o poder da cooperación e a importancia de coidar o noso planeta".

"Unha historia que se converte nunha auténtica lección sobre o traballo en equipo e a audacia da nena Clara fronte aos perigos que orixina a contaminación provocada polas persoas".

É o segundo libro infantil de José Julio Fernández Rodríguez, tras o éxito de "Astropal, un cometa con corazón", tamén dispoñible en BiblioPazos.

ISBN: 978-84-946502-1-5
Encadernación: Tapa dura
Tamaño: 14,5 x 21 cm
Nº de páxinas: 88

mércores, 11 de outubro de 2017

UNHA VIAXE POLO MUNDO


UNHA VIAXE POLO MUNDO
Textos e musicas: As Maimiñas
Ilustracións: Patricia Castelao
Editorial Galaxia S.A., 2014
Colección : Sonárbore

Xénero: Músicas - Poesía - Libro-CD

Idade recomendada: +3 anos

Para viaxar podes coller barcos, avións ou incluso camelos.

Ou se cadra, abonda con acompañar ás MAIMIÑAS nesta volta e reviravolta musical arredor do mundo.

Sabes cantar? Sabes bailar?. 

Daquela, estás listo para viaxar. 

As Maimiñas son Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, ou o que é o mesmo, Mai e Miña. Son dúas mosenses que un día, para celebrar a Semana da Familia nos coles dos seus fillos, decidiron actuar para eles. Foi entón cando decidiron facer o que querían que visen os seus nenos: un espectáculo de música e contos nos que eles puideran participar activamente. Así, no mes de abril de 2011 naceron As Maimiñas.

Dende entón, e case sen decatarse, algo que comezou como un xogo, converteuse en parte da súa vida profesional. As súas aventuras téñenas levado ata o de agora por auditorios, asociacións e moitos coles de toda Galicia.

‘Unha Viaxe polo mundo’ é o seu primeiro traballo publicado e con el ven cumprido un dos seus soños.

ISBN: 978-84-9865-540-7
Nº de páxinas: 24
Deseño: Cartoné
Dimensións: 24 x 21 cm

martes, 10 de outubro de 2017

"ESPAÑA CYBORG" FÉLIX CARREIRA VISO INTRODÚCENOS NO CYBERPUNK COA COLABORACIÓN DA BIBLIOTECA DE PAZOS DE BORBÉN E OS AMIGOS DAS BIBLIOTECAS DE REDONDELA


O escritor coruñés Félix Carreira Viso, estará o primeiro venres de novembro en Redondela para presentar as súas obras: 850 aniversario e Lágrimas de neón e para introducirnos no ciberpunk, unha corrente literaria dentro da ciencia ficción que está a acadar moito éxito nos últimos anos.


ciberpunk, xénero no que se ambientan as novelas de Félix Carreira, coñécese por reflectir visións distópicas do futuro, onde a ciencia, e particularmente, a cibernética, adoitan provocar algún tipo de cambio de paradigma social que se reflicte nunha sociedade en crise. Nas tramas deste subxénero o argumento adoita estar centrado nos hipotéticos conflitos entre hackers, intelixencias artificiais emegacorporacións, situados nun futuro próximo do planeta Terra.

Respecto ás novelas que xa leva publicadas o noso convidado, e ás que nos vai introducir durante a charla, ambas foron publicadas por Mablaz.

- 850 aniversario, que foi finalista do II Premio Somnium de Ciencia Ficción e Fantasía 2016, convocado pola editorial Libros Mablaz, paséanos pola cidade de A Coruña no ano 2058 que, disposta a celebrar o 850 aniversario do súa refundación, vese sorprendida por unha serie de atentados.

- No seu segundo traballo: Lágrimas de neón, o autor trasládanos esta vez ao ano 2059 á cidade de Nox City, no que "as políticas neoliberais levaron a un mundo dominado por grandes corporacións". Nese mundo onde a xustiza privatizouse, a protagonista vese envolvida no roubo dun importante proxecto da corporación Quick Z, que non reparará en gastos no seu empeño por recuperar esa información. Este proxecto comezouno o autor no ano 2009 para finalizalo en 2012 e esperou ata o 2017 para ve-la luz xunto a dous relatos –unha precuela e secuela- na editorial Libros Mablaz.


Félix Carreira Viso nace na Coruña en 1985. Na súa adolescencia afecciónase aos xogos de rol, e no contexto de escribir as crónicas das partidas comeza o seu blog: The attitude is everything, que paulatinamente vai gañando en contido literario. Os xéneros nos que se atopa máis cómodo na súa producción narrativa son: ciberpunk, fantasía escura, ciencia-ficción e novela negra.

O acto terá lugar o Venres 3 de novembro ás 20:00h., na CASA DA CULTURA de REDONDELA, e se programa no eido das actividades colaborativas de animación á lectura que empezaron a organizar conxuntamente as Bibliotecas municipais de Redondela e a Biblioteca de Pazos de Borbén durante este ano 2017. Nesta ocasión tamén colabora activamente a Asociación Amigos das Bibliotecas de Redondela.

MEU AVÓ, REI DAS PEQUENAS COUSAS


MEU AVÓ, Rei das pequenas cousas
Autor: Joâo Manuel Ribeiro
Ilustradora: Catarina Pinto
Tradución: Ánxela Gracián
Hércules de Ediciones S.A. 2017

Xénero: Literatura en galego - Contos

Idade recomendada: +9 anos

"Eu non teño trono, coroa ou palacio coma os reis do mundo. Eu son un rei diferente de todos os outros. Eu son rei de min mesmo e da miña vida. Sendo rei, son señor de todo o que me pertence. Iso é o que significa reinar. Eu reino sobre a miña vida, decido que facer, cando e como vivir. Reino sobre os meus pensamentos e ideas.

E gústame mirar as cousas, non como realmente son, senón como poderían ser ou como a min gustaríame que fosen. O que fago é sinxelo: soño, transformo a realidade, dou renda solta á imaxinación. Fágoo de tal maneira que non sei exactamente onde termina o real e comeza a fantasía.

Confeso que non comprendín a metade do que o avó dixo, pero gustoume moito o modo en como falou, co ollar asolagado de alegría, os xestos sinxelos e a postura dun rei. Pensei, ensimismado:

-O avó é rei! Viva o rei! Viva o avó!"

ISBN: 978-84-945896-7-6
Nº de páxinas: 78
Encadernación: Tapa dura
Formato: 14 x 21 cm

luns, 9 de outubro de 2017

"UN ROTEIRO CHEO DE HISTORIAS" Lendas e Contos na Senda da Fraga do Barragán



"UN ROTEIRO CHEO DE HISTORIAS" lendas e contos na Senda da Fraga do Barragán con ANA HERMIDA da Asociación Cultural Lisístrata o Martes 10 de Outubro de 2017.


A través do programa “CONTOS NA NATUREZA” preténdese promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio; fomentar a animación á lectura a través dun programa de promoción da tradición oral galega mediante contadores de historias; incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, natural e cultural do concello a través de actividades nas sendas do municipio, en concreto, nesta ocasión da Senda da Fraga do Barragán ao seu paso polos concellos de Mondariz, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.

Iniciaremos a andaina cos alumnos de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI sobre as 09:50 horas en Freaza (Fornelos de Montes) na parada do bus onde a marquesina e, dende alí, comezamos o percorrido pola Senda da Fraga do Barragán a uns 50 metros, acompañados por Alvaro Martínez Leiro, presidente da Comunidade de Montes de Moscoso, que será o noso guía durante todo o percorrido.

A andaina continuará ata a zona do Monte da Cidade en Calvos (Fornelos de Montes) durante uns 120 minutos aproximadamente, pasando polas parroquias de Xunqueiras e Moscoso (Pazos de Borbén) visitando muíños, pontes e toda a ribeira do río Barragán.

No Monte da Cidade estaranos a esperar a actriz e contadora de contos ANA HERMIDA da Asociación Cultural Lisístrata que intentará incentivar aos xovenes no hábito lector coas súas historias e lendas do seu espectáculo "UN ROTEIRO CHEO DE HISTORIAS".
“Os espazos que andamos cada día agochan segredos que convén coñecer, tamén o entorno natural está cheo de contos que iremos narrando nun percorrido cheo de historias da historia, lendas fascinantes, curiosidades e personaxes que gardamos na mochila para todo o público que se achegue a facer este roteiro con nós.”
Ao finalizar pasearemos un ratiño ata o cruce de Calvos onde nos esperan os buses para voltar aos puntos de orixe.

VEN A BIBLIOPAZOS
E
PARTICIPA NAS ACTIVIDADE

CINCO MINUTOS DE PAZ


CINCO MINUTOS DE PAZ
Textos e ilustracións: Jill Murphy
Tradución: Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez

Kalandraka Editora, 2016
Colección: Tras os montes

Xénero: Literatura Infantil en galego - Contos

Idade recomendada: +3 anos

FINALISTA DO PREMIO CHILDREN’S BOOK AWARD - 1986
PREMIO PARENTS MAGAZINE BEST BOOK FOR BABIES - 1987

Mamá Grande só quere uns minutiños de paz e tranquilidade na súa bañeira quente, escumosa e chea de burbullas.

Mais Lester, Laura e o bebé teñen tanta enerxía e fan tanto barullo como sempre.

A Mamá a paz dúralle moi pouco.

ISBN: 978-84-8464-241-1
Nº de pázinas: 28
Formato: 28,5 x 24 cm.
Encadernación: Tapa dura

domingo, 8 de outubro de 2017

BICOS DE MÚSICA


BICOS DE MÚSICA
Mamá Cabra
Textos: Cadanseu autor ou autora
Ilustracións: Kristina Sabaite
Editorial Galaxia S.A., 2012
Colección : Sonárbore

Xénero: Música - Poesía - Libro-CD-DVD

Un libro-CD-DVD para rir e gozar moitas horas!

Premio Galego da Música 2013

Bicos de música para bailar, para choutar, para cantar, para aprender a cruzar, para viaxar con Simbad, para chuchar mel…

ISBN: 978-84-9865-457-8
Nº de páxinas: 28
Encadernación: Tapa dura
Formato: 24 x 21 cm.

OS NOMES DO TERROR

 
OS NOMES DO TERROR
Textos: Xosé Álvarez Castro, Judith Carbajo Vázquez, Ana Cebreiros Iglesias, Xosé Ramón Ermida Meilán, Eliseo Fernández Fernández, Xoán Carlos Garrido Couceiro, Emilio Grandío Seoane, Bernardo Máiz Vázquez, Carlos Nuevo Cal, Manuel Pazos Gómez, Dionísio Pereira González, Julio Prada Rodríguez, Carlos F. Velasco Souto
Revisión lingüística: Mónica Pazos
Edición: Sermos Galiza S.A.

Xénero: Ciencias Sociais - Política

Estamos diante dun traballo valente dada a cantidade de investigadoras e investigadores procesados nas últimas décadas. "Tanto os coordinadores como os autores sabemos que xogamos con lume", recoñece Garrido. "O franquismo non rematou e somos conscientes de que non estamos libres de que nos denuncien, pero tamén é certo que nós andamos con coidado. Se non for así igual seriamos máis ousados á hora de apuntar hipóteses. Neste caso practicamente tes que facer ti o que non fixo a policía ou os xuíces, que é descubrir e probar ti quen foron os autores. A nós esíxesenos non desde o punto de vista académico, senón penal".

Os nomes que aparecen son, na súa maioría, tirados de fontes dos propios consellos de guerra franquista "onde aparece referenciada a actividade represiva tanto de persoas ligadas á Falanxe como as milicias paramilitares vinculadas ao réxime", explica Xosé Ramón Ermida. Outra parte recolle testemuños directos de persoas que o deixaron por escrito, formaran parte da propia represión ou presenciárana de forma directa.

ISBN: 978-84-697-4726-1
Nº de páxinas: 285
Encadernación: Tapa branda

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger