O día 28 do pasado mes de setembro informábamos da convocatoria do "VI CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2023/2024 e/ou 2024/2025; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no concello de Pazos de Borbén.
Como xa sabedes de edicións anteriores, coa convocatoria desta 6ª edición do certame o Concello pretende seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas, estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.
Igual que no ano 2023 o número de categorías para participar foron sete (7), dúas máis que nas catro primeiras edicións, incluíndo ao alumnado de Infantil e ao colectivo de persoas con diversidade funcional.
O prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 1 de outubro e o 15 de Novembro de 2024; e, finalmente, presentáronse un total de 164; un novo récord en todos os anos de existencia deste pequeno certame literario; foron 15 máis que os presentados o ano pasado, e 106 mais que na edición do ano 2022.
Os participantes podían presentar un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e entregalo na Biblioteca.
Na Categoría A: Persoas con Diversidade Funcional presentáronse 16 participantes, todos eles pertencentes á Asociación ASPAVI, que entregaron cadanseu debuxo ou relato.
Os participantes da Categoría B: Alumnado de Educación Infantil presentaron un debuxo cada un, e así o fixeron 42 alumnos e alumnas de Infantil do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira.
Na Categoría C: 1º e 2º de Primaria, foron 26 rapazas e rapaces do CPI “Curros Enríquez” de Pazos os que participaron cun debuxo cada un con algunha frase alusiva aos debuxos presentados.
O alumnado de 3º e 4º de Primaria, pertencentes á Categoría D presentaron un total de 29 traballos.
Na Categoría E: 5º e 6º de Primaria presentáronse un total de 29 relatos.
O alumnado de 1º e 2º de ESO –Categoría F- presentaron un total de 15 traballos e na Categoría G –alumnado de 3º e 4º de ESO- foron 7 os participantes.
Nas bases do certame establecérase que a temática dos relatos era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.
Desde que convocamos esta 6ª edición do certame, intentamos animar ao profesorado, pais, nais e demais familiares do alumnado e á dirección, persoal, etc., dos centros educativos e de atención a persoas con diversidade funcional para que estimularan a escribir e a participar nesta nova edición do certame a todo o alumnado e os usuarios destes centros; e parece que, de novo, resultado foi moi satisfactorio.
Para motivar á participación realizáronse 13 sesións de dous Obradoiros de Creación Literaria denominados “Escribir para contar 3” e “Relatos de ida e volta. Facer e desfacer historias”, impartidos, respectivamente, polos escritores Miguel Anxo Alonso Díz e Andrea Barreira Freije; aos que asistiron os usuarios da Asociación Aspavi e todo o alumnado de Infantil, Primaria e ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira; en total uns 202 escolares dos centros educativos do municipio e uns 30 usuarios da Asociación Aspavi.
O xurado do certame reuniuse o pasado día 29 de Novembro e xa ten decidido ás premiadas e premiados nesta 6ª edición do certame que se darán a coñecer o próximo Xoves 19 de decembro nun acto que se realizará no Auditorio do Concello a partir das 13:00 horas e no que participarán ademais dos participantes no certame, mestres, monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da corporación; os membros do xurado; e representación da Deputación Provincial de Pontevedra.
Por último comentar que esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2024 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA